Pages Navigation Menu

Destrución a toda costa

Greenpeace acaba de facer público  o informe anual sobre a calamitosa situación da costa española en xeral e da galega en particular

 Recollemos algúns dos resultados que a organización ecoloxista obtivo como resultado dunha exhaustiva análise dos máis de 8000 km. de litoral español. Recoñecendo que Galiza ten un litoral privilexiado admítese que non se adoptaron medidas de protección nos últimos anos e que as ameazas da última década levaron á nosa comunidade a padecer a maior recualificación do seu chan de toda a historia.

 En 2007 o boom do ladrillo arroxaba a desorbitada cifra de 800.000 vivendas proxectadas entre os 86 municipios litorais, unha cifra similar ao que se construíu en toda a súa historia (816.00 residencias). Mentres, o Instituto Nacional de Estatística contabilizara 300.000 casas baleiras en territorio galego…

A construción avanzou a un ritmo imparable. En 2005 xa se perderon 6.000 hectáreas de bosques e espazos naturais. A ameaza era de tal envergadura que se pretendían transformar con cemento 1.200 dos 1.720 quilómetros de costa galegos. En 2006 os plans urbanísticos desmedidos eran unha constante no litoral galego. Unha trintena de municipios aumentaron a súa edificabilidade en máis do 100% e unha decena superaba o 200%: Illa de Arousa (Pontevedra), Meaño (Pontevedra), A Pobra do Caramiñal (A Coruña), Ribeira (A Coruña), Outes (A Coruña), Mugardos (A Coruña), Sada (A Coruña), Ortigueira (A Coruña) e Pontedeume (A Coruña).

En 2008 a Fiscalía xa actuara contra as irregularidades urbanísticas en municipios como Arteixo, Cambre, Fisterra, Mugardos, Oleiros, Pontedeume e Porto do Son na Coruña, Gondomar, Nigrán, O Grove, Baiona, Oleiros e Tui en Pontevedra ou Barreiros en Lugo.

 En 2008, Galicia presentaba un das porcentaxes máis elevadas de amarres por embarcación (dez veces superior ao de Italia, que ten dez veces máis costa que Galicia). Pero ese mesmo ano, o novo Plan de Portos presentado expuña pasar dos 11.600 amarres a 31.000, sen ter en conta aínda os impactos negativos sobre o
medio ambiente que estaban provocando os portos xa existentes. O impacto directo sobre o turismo que goza das praias e sobre sectores como a pesca e o marisqueo (que supón 20.000 empregos directos e son responsables do 10% do PIB galego) nunca supuxo unha gran preocupación

 A costa galega é o mellor exemplo da falta de planificación por parte do Ministerio de Fomento. A escasos 20 quilómetros do porto exterior de Ferrol aprobouse en 2005 a construción do porto exterior de Langosteira na cidade da Coruña, que carecía e carece de viabilidade técnica, ambiental e económica a pesar do gran negocio especulativo ideado polo Concello e a Autoridade Portuaria nos terreos do actual porto.

As verteduras industriais, as augas residuais urbanas sen depurar e o tráfico marítimo foron deteriorando a calidade das augas galegas e puxeron en risco sectores económicos tan importantes para esta comunidade como a pesca, o marisqueo e o turismo. Actualmente, un 4,2% da superficie total dos bancos marisqueiros están clasificadas como zona C para o marisqueo…Esta comunidade foi especialmente condescendiente coas industrias máis contaminantes. Grandes exemplos diso son o complexo ENCE-Elnosa (fábricas de papel e de cloro) na ría de Pontevedra e na de Reganosa en Mugardos

E para rematar a opinión inestimábel dun gran valedor do territorio galego: Manuel Rivas, escritor.

 

O escritor Flaubert utilizaba ironicamente a expresión “tomar posesión” como sinónimo de morte. O que ocorreu na costa española “e en toda a península ibérica”  durante as últimas décadas do século XX e o que levamos do XXI foi unha fúnebre “toma de posesión” disfrazada de festa. A festa inmobiliaria foi un enterro. A cobiza resultou ruinosa. Pero a peor ruína é aquela que ten consecuencias irreversibles ou dificilmente reparables. E é o caso da “toma de posesión” do litoral ata converter en excepción a natureza non ocupada, edificada ou cementada.

Nun salmo bíblico dise: Ocules habent e non videbunt. Teñen ollos e non ven. Ou non queren ver. Ver que, en gran parte, o que chamaban “construción” era unha destrución. Ver que o “crecemento” era unha amputación. Ver que o gran “negocio” era unha ruína. Ver que a verdadeira paisaxe era un campo de batalla onde se consumaba a violencia catastral. Ver que a “festa”, en fin, era un enterro.

Aures habent et non audient. Teñen oídos e non queren oír.

Que ningunha institución, que ningún tribunal, que ningún responsable, que ningún informador aleguen ignorancia. Durante todos estes anos Greenpeace alertou con probas irrefutables. A serie de informes que puxeron en evidencia o que Goya talvez chamaría Desastres da guerra contra a natureza. O Destrucción custe o que custe. En todo caso, unha obra mestra, ecolóxica e cívica, contra a barbarie.

Descargar o informe sobre Galiza

Postais para a memoria

4 Comments

  1. Por se alguén quere ir ampliando o INFORME…

    Non sei a que ou a quen agardamos para retirar as vallas de ‘seguridade’ e dicirlles que non nos gustan os ladróns aínda que teñan iate…?

    http://gamela00.blogspot.com/2010/06/abrir-vigo-ao-mar.html

  2. Em nengúm sitio em Galiza nom se vende se recolhe que Galiza está incluida em Espanha. Isso é um posicionamento político que recolhe esta noticia e do que nom concordam varios coletivos que formam parte da rede.

    Porfa, cambiade isto desta notícia.

    Obrigado

  3. Un dos comentarios máis estúpidos que se escribiron. Se cadra tampouco goberna o PP en Galiza.

  4. Paréceme mexar fóra do testo o comentario de AMAL. Acaso GNSV non presentou algunha alegación ao goberno central contra determinadas políticas do goberno galego? Gústenos ou non as resolucións do estado español afectan a Galiza e, como non, a política urbanística de España afecta tamén a Galiza. A lei de costas é un exemplo

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.