Detido un activista do Foro Social de Cangas
Tiago Pérez, do Foro Social de Cangas, colectivo integrado na rede GNSV, foi detido pola Garda Cívil cando se atopaba nas inmediacións das obras do porto deportivo que se está a construír na antiga fábrica de Massó. Segundo anuncia Europa Press efectivos da Garda Civil detiveron este luns a un dos veciños que acoden cada día ás obras do porto deportivo que se está construíndo na antiga fábrica de Massó, no localidade pontevedresa de Cangas, e a quen se lle imputa un suposto delito de coaccións, segundo informaron a Europa Press fontes do Instituto Armado.
Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo de Cangas, Mariano Abalo, que estaba presente cando se produciu o arresto, explicou que os feitos ocorreron na zona onde actualmente se están desenvolvendo os traballos, nas inmediacións do edificio principal da antiga factoría, concretamente na zona onde se atopa a cheminea.
Sobre as 8.00 horas, chegaron os obreiros e, ao redor dunha hora máis tarde, presentouse a Garda Civil, que levou detido a un dos catro veciños que permanecían na zona das obras, como realizan cada mañá, para manifestar o seu rexeitamento á actuación.
O detido é Tiago Pérez, membro do Foro Social de Cangas –colectivo contrario á construción do porto deportivo e que demanda a paralización das obras ao considerar que se trata dunha actuación “ilegal”–, quen xa foi arrestado nunha ocasión anterior, xunto con outras persoas, cando intentaba impedir o desenvolvemento das obras neste recinto. Nestes momentos, permanece nas dependencias da Garda Civil en Cangas.
Abalo estimou que a actuación de hoxe débese a unha “evidente sincronización total” entre a empresa e as forzas de seguridade, posto que, segundo engadiu, os axentes “viñan con orde clara de que se traballase custe o que custe” na zona de obras. Así mesmo, o edil avanzou que se vai a presentar unha denuncia porque as obras “están pondo en perigo o tránsito e edificios da zona”, denunciou.
Dende a rede Galiza Non Se Vende criticamos a intolerable persecución policial que criminaliza a todos aqueles que estamos a defender, coa razón e as leis como armas, o noso territorio das ansias predadoras do gran capital e esiximos que o noso compañeiro Tiago sexa posto en liberdade sen cargos que o inculpen.
Comentarios recentes