Do “aquí non” ao “así si”
Un artigo de Xosé Veiras publicado no Blog da Revista Cos Pés na Terra
O 17 de Febreiro pasado foi unha xornada histórica para a defensa do ambiente no noso país. A manifestación contra a destrución do territorio convocada pola rede Galiza non se vende foi, desde moitos puntos de vista, un éxito rotundo. Conseguiu ampliar a participación rexistrada na manifestación convocada en maio do ano pasado pola súa precursora, a rede Litoral Vivo. Galiza non se vende está a se converter nunha importante forza a favor da sustentabilidade. O seu papel será máis relevante na medida en que sexa capaz de manter e incrementar a súa influencia e de a usar non só para se opor a algunhas das peores consecuencias das moitas iniciativas insustentábeis promovidas desde os poderes político e empresarial, senón tamén para defender propostas que vaian á raíz dos problemas, que sirvan para avanzar cara a sustentabilidade ecolóxica e a democracia participativa. Cousas coas que nunca se comprometeron a fondo o goberno bipartito e as forzas políticas que o sustentan. O seu “ecoloxismo” é débil e oportunista, aínda que sempre será mellor que a combinación de produtivismo sen límites e de autoritarismo que nos ofrece o PP. Nin PSOE nin BNG teñen un proxecto de sociedade ecoloxicamente sustentábel. Era previsíbel que, con eles á fronte da Xunta, a sustentabilidade fose a excepción e non a norma. Non estamos falando precisamente de partidos de esquerda verde, senón de partidos que partillan a ideoloxía produtivista, entre si e co PP, aínda que cada forza o faga cos seus propios matices. Sen embargo, é comprensíbel a decepción de moitas das persoas que participaron na manifestación do 17 de Febreiro por algunhas accións e omisións do bipartito, pois non é preciso ser moi ecoloxista para non aceptar canteiras no corazón do Courel ou para non facilitar a construción ou a ampliación de piscifactorías en zonas costeiras de alto valor ambiental.
Ao ler o “Acordo sobre bases programáticas para a acción do goberno” que asinaron BNG e PSOE para formar o bipartito xa se podía antever no inicio da lexislatura que ésta non nos depararía grandes avanzos. A sustentabilidade non é un eixo principal da acción do bipartito. Non é unha política central e transversal, senón máis ben algo tanxencial. Despois da manifestación da rede Galiza non se vende, Touriño dixo que nunca se fixo tanto pola protección ambiental desde a Xunta. E ten razón. Mais tamén é certo que aínda se está a facer pouco, e que se segue a facer moito pola destrución ambiental. Así que a destrución ambiental segue avanzando a bo ritmo.
Lendo o acordo de goberno que deu lugar ao bipartito -cuxos redactores nin se molestaron en incluír retoricamente a sustentabilidade entre os obxectivos principais-, xa vimos desde o comezo que á Xunta actual pouco ou nada lle preocupa reducir en termos absolutos o consumo de enerxía e de materiais, diminuír as emisións de gases que causan o cambio climático,…. cousas que supoñen evitar a destrución ambiental causada non só en Galiza, senón tamén desde Galiza. En definitiva, reducir a nosa elevada pegada ecolóxica.
As demandas de Galiza non se vende son xustas
A sustentabilidade é máis que coidar o territorio da nosa terra, mais éste é desde logo un aspecto básico da sustentabilidade. E aquí si que era razoábel agardar máis do goberno liderado por Touriño e por Quintana, vendo ao que se comprometeron as forzas políticas que o apoian. Precisamente o único apartado do acordo de goberno que asinaron no que se fala de sustentabilidade é aquel no que se trata do territorio, que se titula “Territorio e sustentabilidade”. Aí inclúese unha política de transporte e construción de infraestruturas continuista, que é unha causa fundamental de destrución do territorio propio, de forma directa e tamén indirecta. Pero tamén se inclúen medidas dirixidas á defensa do territorio. Dúas delas, concretas e de grande alcance, seguen pendentes cando xa entramos no tramo final da lexislatura: “Pacto polo Territorio”, “baseado no consenso”, para “afianzar o respecto ao territorio e ao medio ambiente natural e rural”, e “Directrices de Ordenación Territorial de Galicia” (que, segundo declarou Touriño recentemente, serán presentadas no vindeiro mes).
Aínda que, considerando só a Administración autonómica, son varias as Consellerías que se deberían sentir aludidas, e non pouco, polos protestos e demandas expresadas na manifestación de Galiza non se vende, que eu saiba, só o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, reaccionou publicamente, caulificándoa de electoralista e inxusta. Unha reacción primaria e puramente defensiva. De electoralismo sabe moito, mais cualificar de electoralista a unha manifestación convocada por unha rede detrás da que non hai ningún partido político, e na que foron obxecto de críticas todas as forzas políticas electoralmente significativas no país, parece pouco apropiado. Tampouco se tratou dunha iniciativa promovida principalmente por organizacións sociais nacionalistas e dirixida sobre todo cara á parte da Xunta da que é principal responsábel o PSOE, malia que unhas hábeis declaracións de Francisco Rodríguez ou a información de “La Voz de Galicia” sobre a manifestación (na que, no afán de buscar respaldo para esta liña de interpretación, se chegou a bautizar como nacionalistas a grupos ecoloxistas como Verdegaia, Amigos da Terra e Luita Verde), queiran dar a entender que foi así.
É verdade que Goberno central e Concellos tamén teñen moitas responsabilidades nos problemas denunciados polas organizacións que forman Galiza non se vende, pero non máis que a Xunta. A manifestación foi xusta e oportuna, que non oportunista. Un breve repaso a algunhas cuestións abordadas no manifesto lido no remate e á súa relación coas políticas autonómicas demostra a pertinencia da exitosa mobilización do 17 de Febreiro.
As responsabilidades da Xunta na artificialización do litoral, na insustentabilidade do modelo enerxético, na eucaliptización,…
-A artificialización do litoral. A aprobación da lei de medidas urxentes de ordenamento do territorio, que suspende temporalmente novos desenvolvementos urbanísticos nunha franxa costeira de 500 metros de largo, é unha acción provisional positiva que non garante o uso sustentábel da costa a longo prazo. Cómpre lembrar que seguimos á espera de que a Consellería de Política Territorial presente unha proposta de Plano de Ordenamento do Litoral. O presidente Touriño comprometeuse en xuño de 2005 a que estaría listo un avanzo para xuño de 2006. Case dous anos despois, aínda non foi presentado. Segundo a Lei 9/2002 de ordenamento urbanístico xa tería que estar en vigor desde xaneiro de 2006.
Non coñecemos aínda nada do contido do plano para a xestión integrada do litoral, mais a Xunta xa iniciou hai tempo a tramitación de dous planos que contribuirían á destrución da costa. Ambos os dous motivaron o protesto da rede Galiza non se vende. Falamos do Plano Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria (o “plano acuícola”) da Consellería de Pesca, e mais do Plano Director das Instalacións Náutico Deportivas dependentes do ente público Portos de Galicia (adscrito á Consellería de Política Territorial). De entrada, non parece que o procedemento de avaliación ambiental estratéxica ao que se están a someter estes planos por parte da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible vaia mudar nada sustancial por si só, polo que a presión social é chave para evitar novas e graves agresións ambientais ao abeiro destes planos. Presión social que, lamentabelmente, a penas existiu para defender a costa da maior agresión que está a sufrir nestes momentos: a construción, a escasa distancia entre si, dos portos exteriores da Coruña e de Ferrol. Estas infraestruturas non están na axenda da rede Galiza non se vende, mais non por iso deixan de ser importantes desfeitas ambientais, apoiadas por todas as institucións, incluída a Xunta.
-Un modelo enerxético insustentábel. Os portos exteriores de Coruña e de Ferrol destínanse, en boa medida, ao tráfico do carbón importado que abastecerá en exclusiva a partir deste ano as centrais térmicas de carbón de ENDESA e de UNIÓN FENOSA, as “fábricas de cambio climático” das Pontes e de Meirama, rexeitadas por Galiza non se vende por aumentaren a nosa pegada ecolóxica, contaminaren a atmosfera e constribuíren ao cambio climático global. A posición política da Xunta a respecto destas centrais non ten mudado nada co cambio de goberno, como por outro lado era de esperar, pois PSOE e BNG xa se sumaran á Xunta de Fraga na demanda perante o Goberno central dun Plano Nacional de Asignación (PNA) de Dereitos de Emisión de CO2 para o 2005-2007 que fose pouco restritivo para as centrais térmicas de carbón, a pesar de seren centrais moi ineficientes e contaminantes. Así que a súa actitude perante o PNA 2008-2012 non sorprende. O “lobby do carbón” pesa moito tamén no PSOE e no BNG. Unha proba diso é que un dos deputados no Parlamento galego polo BNG, membro da comisión de industria e enerxía, Fernando Blanco, é un sindicalista de ENDESA das Pontes, defensor do “dereito a producir” da “nosa” central das Pontes, outra infraestrutura enerxética “estratéxca” para o país. Por suposto, iso é “compatíbel” cun “firme” compromiso na loita contra o cambio climático.
O documento inicial do Plano Enerxético de Galiza 2007-2012, presentado pola Consellería de Innovación e Industria, mostra que o bipartito aínda está ben lonxe de procurar un horizonte enerxético sustentábel: débil compromiso co aforro e a eficiencia (considérase asumíbel un obxectivo de aumento anual da demanda enerxética total do 2%), acorde, por exemplo, co continuismo na política de infraestruturas e transporte; aceptación das centrais térmicas; e esforzo insuficiente na promoción adecuada de todas enerxías renovábeis. Con todo, hai que recoñecer que algunhas cousas melloraron e, así, a nova regulación da enerxía eólica aprobada no ano pasado impide a autorización de máis parques eólicos en espazos da rede Natura 2000. Porén, e a diferenza doutras comunidades autónomas, a Xunta non quixo ampliar esta prohibición a outros espazos de elevado interese natural e paisaxístico onde a construción de parques eólicos tampouco é aceptábel. Por iso, a referencia de Galiza non se vende, á serra da Groba, ameazada por un parque aprobado inicialmente pola Consellería de Industria.
-A eucaliptización. “Denunciamos o abandono dos montes pragados de eucaliptos e as políticas que favorecen os lumes”. No 2006, toda a xente veu o nefasta que pode chegar a ser a combinación de plantacións de eucalipto, abandono do monte e condicións meteorolóxicas especialmente adversas (que serían ben máis frecuentes no futuro se non mitigamos o cambio climático global): o 47% das 53.270 hectáreas de superficie arborada afectada polos lumes en 2006 foi de eucalipto. Un momento ben oportuno para dar un xiro radical á política autonómica para o eucalipto. Sen embargo, e alén de prohibir as plantacións en terras de cultivo e pastos a través da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais, nada máis relevante se ten feito desde a Consellería do Medio Rural para situar o cultivo do eucalipto en Galicia dentro de límites razoábeis, logo da expansión masiva e desordenada que experimentou nas últimas décadas, que o levou a ocupar xa unhas 250.000 hectáreas (considerando tan só masas puras), a miúdo en zonas inapropiadas. Perante a eucaliptización, a resposta da Xunta ten sido moi débil: non se definiron obxectivos de redución da superficie de ecualiptais e medidas para os atinxir, non se modificou o decreto de 1989 que regula as novas plantacións de eucalipto (insuficiente e aínda por riba escasamente aplicado até hoxe), ….
-Máis estradas, máis tráfico, máis destrución do territorio. O ordenamento do territorio e a protección ambiental seguen indo por detrás da política de infraestruturas, e ésta continua ao servizo dun modelo de transporte insustentábel, dominado polo coche e polo camión. Un modelo custosísimo, que destrúe o territorio directamente e tamén favorecendo a urbanización de novas áreas, responsábel da maior parte do incremento das emisións de gases causantes do cambio climático nos últimos anos, devorador de enerxía (toda ela importada), etc, etc. As posicións que cuestionan a construción indiscriminada de novas infraestruturas de transporte por estrada son vistas aquí como pouco sensatas, mentres que ninguén se escandaliza porque se paguen con diñeiro público peaxes a usuarios do coche privado. Por iso, adquire un valor especial que a rede critique claramente a política autonómica de estradas e de transporte, partillada polas principais forzas políticas, que só discuten entre si para ver quen asfalta máis e máis rápido. Desde a Xunta (e desde os demais poderes públicos) continúa a facerse pouco para fomentar os modos de transporte sustentábeis, case nada para restrinxir o uso do automóbil, e moito para o favorecer, sobre todo coa ampliación ou construción de estradas, autovías e autoestradas. Á hora de nos opormos a proxectos de estradas con fortes impactos sociais e ambientais a nivel local, é importante cuestionarmos non só trazados senón tamén a súa necesidade e o modelo de transporte baseado no coche e no camión. Neste senso, paréceme exemplar o traballo que desenvolveron os compañeiros e compañeiras da Plataforma Anti-Vía Rápida do Morrazo, á que o tempo lle está a dar a razón.
Demasiado continuismo a respecto do Goberno do PP
Non me parece xusto dicir que nada mudou, en termos de protección ambiental e de sustentabilidade, co cambio de goberno na Xunta. Ademais dos avanzos xa referidos, poderiamos citar outros, como por exemplo, a aprobación parlamentaria da iniciativa lexislativa popular en defensa dos ríos, a paralización na aprobación de novas minicentrais hidroeléctricas, ou a creación do Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Outros poderían materializarse antes do remate da lexislatura, e para que así sexa seguro que veu moi ben a manifestación da rede Galiza non se vende, como a ampliación da rede Natura 2000, a declaración dalgún Parque Natural, ou unha nova política de residuos que non reserve un papel simbólico á reciclaxe ou non se esqueza totalmente da redución. A propósito das xestións para o peche de ENCE-ELNOSA en Pontevedra non parece haber razóns para o optimismo.
Mais tampouco me parece apropiado falar dun xiro, dun cambio de rumo xeral. Neste senso, ao xa comentado, poderiamos engadir a falta de iniciativas en materia de fiscalidade verde; o escaso gasto en educación ambiental (exceptuando o proxecto de Centro de Interpretación dos Parques Naturais a construír en Ourense, tan acariñado polo conselleiro de medio ambiente e tamén responsábel do PSOE na provincia de Ourense, que será a futura “cidade da cultura” da educación ambiental); a ausencia de planos de acción fronte aos problemas de contaminación atmosférica detectados pola propia Consellería de Medio Ambiente; ou a posición sobre REGANOSA.
Éste tampouco está a ser un goberno para o que a política ambiental sexa unha prioridade, nin tan sequera entendendo por política ambiental aquela destinada simplemente a corrixir algúns impactos do actual modelo de desenvolvemento. Unha política ambiental forte sería mellor que o que temos, pero tampouco sería a solución. Pois a problemática ambiental é sistémica: non se pode resolver satisfactoriamente no seu conxunto sen mudar o sistema de produción e de consumo, sen cambiar profundamente de modelo de desenvolvemento. Por iso, máis que unha nova política ambiental, habería que reclamar unha nova política económica, unha estratexia para o desenvolvemento sustentábel que orientase toda a acción de goberno. Unha promesa do bipartito da que non se pode agardar moito, pero da que nada se sabe, adiada sucesivamente, como o plano para a redución das emisións de gases causantes do cambio climático, outra ferramenta esencial para avanzar cara á sustentabilidade, que moito se ten apregoado pero que seguimos sen ver. Até agora, pouco máis se fixo que engadir o nome de “e Desenvolvemento Sostible” á denominación da Consellería de Medio Ambiente.
A sustentabilidade non está no cerne da acción de goberno, e iso vese ven en planos xa aprobados tan decisivos como o Plano de Desenvolvemento Rural 2007-2013 -que destina ao eixo 2, “mellora do medio ambiente”, o 26,5% do orzamento, é dicir, só un 1,5% máis do mínimo ao que obriga a UE-, ou o Programa Operativo dos fondos europeos FEDER 2007-2013 -que, como os programas doutras comunidades, foi denunciado perante a Comisión Europea por WWF/Adena e SEO/Birdlife, por consideraren que mesmo incumpren normativa europea-.
Non concordo con aquilo de que “PP e PSOE a mesma merda é” (nin coa súa versión máis recente, que inclúe o BNG). Non vexo que sexa indiferente que gobernen uns ou outros e penso que non estou cego. Que volvese gobernar o PP conlevaría, sen dúbida, enormes custos ambientais e sociais, convén non esquecelo. Para os que temos claro isto e, ao mesmo tempo, cústanos moito votar ás forzas da esquerda produtivista (nacionalista española ou nacionalista galega), a decisión de voto nas eleccións é sempre complicada. Sen ningunha expectativa sobre o sistema partidario galego, cada vez son máis proclive ao recoñecemento do “voto negativo”, do voto que anula un voto positivo a unha determinada forza, como propoñía hai pouco o urbanista Jordi Borja, no artigo “Votar en tiempos transitorios”. Votar contra o PP sería o único que me parece ilusionante hoxe por hoxe.
Déficit de democracia participativa
A prometida rexeneración democrática tamén se está a quedar curta, particularmente na súa dimensión ambiental. Estase a impulsar moi pouco a democracia ambiental, entendendo por ésta a participación social nos asuntos relacionados co medio ambiente. A reforma do Consello Galego de Medio Ambiente foi decepcionante; o Consello Forestal pinta ben pouco; o acceso á información ambiental segue a ser difícil (incumpríndose frecuentemente mesmo a normativa legal nesta materia); a democratización da radio e a televisión autonómicas, repartidas as áreas de influencia entre PSOE e BNG, é aínda unha importantísima materia pendente (moi interesante a este respecto o artigo de Luís Álvarez Pousa no número de marzo da revista Tempos Novos); o clientelismo continúa marcando, e non pouco, a relación entre a Xunta e moitas organizacións sociais (incluídas algunhas de defensa ambiental) e os medios de comunicación privados; non parece que teña habido unha mellora xeralizada na aplicación da lexislación de protección ambiental, o que unido ás carencias e ás dificultades de acceso á Administración de Xustiza, fai que fiquen impunes moitas agresións ambientais que son contrarias á normativa legal; a Fiscalía de Medio Ambiente ten escasos medios; seguimos agardando pola creación dun órgano independente e de carácter técnico que se ocupe de elaborar e de difundir indicadores de sustentabilidade (a semellanza do Observatorio da Sustentabilidade en España), que nos permita contrastar a propaganda gobernamental e partidaria e nos dea unha un diagnóstico rigoroso, integrado, amplo e profundo da situación na que estamos no que atinxe á sustentabilidade, etc, etc.
A importancia da mobilización social e dunha cidadanía libre
Como o “ecoloxismo” deste goberno e dos partidos que o sustentan é ben débil, e como non é pequena a súa tentación a cederen perante a demagoxia do PP ou intereses empresariais ilexítimos, resulta fundamental que haxa un contrapoder social forte que presione a favor da defensa ambiental e da xustiza social. O éxito da manifestación do 17 de Febreiro é unha excelente e esperanzadora noticia e proba que no noso país é posíbel obter unha resposta moi notábel a unha convocatoria de manifestación con este carácter, desde unha visión de país (e de planeta), co impulso principal de asociacións ecoloxistas e de plataformas cidadás que responden a problemas sectoriais ou locais, sen o apoio dos medios de comunicación convencionais, totalmente á marxe das forzas partidarias e das súas lóxicas de acción. É a primeira vez que todo isto acontece. Ou a segunda, se consideramos a manifestación convocada pola rede Litoral Vivo no ano pasado.
A rede Galiza Non se Vende representa un paso moi importante para non quedarse só no “aquí non” necesario, para dicir tamén “así sí”, para defender políticas públicas alternativas ecoloxicamente sustentábeis e socialmente xustas, para apostar pola transformación do modelo de produción e consumo. Para que así sexa cada vez menos preciso dicir no futuro “aquí non”.
Xosé Veiras
Pois eu si penso que PP, PSOE e BNG a mesma merda é, son moitas e moi importantes as desfeitas ambientais que os tres apoian, como REGANOSA, portos exteriores, autovías por todas partes, o tren de alta velocidade, etc,