Domingo 14 de Abril: Feira de sementes en Leboso (Forcarei). Non faltedes !!!
O vindeiro domingo 14 de abril terá lugar a Feira de Sementes que vimos organizando anualmente dende 2011 na Fundacion Galiza Verde en Leboso (Forcarei).
A deste ano será, polo tanto, a 3ª edición e con ela confiamos convocar unha vez máis a numerosas persoas de toda Galicia. O obxectivo central desta convocatoria é, coma sempre, a semente, que na Fundación obtemos ao xeito tradicional procedentes de cultivos totalmente libres de substancias de síntese a partir dos que nós mesm@s recollemos, limpamos e seleccionamos minuciosamente ano tras ano a fin de melloralas nas sucesivas colleitas. Este ano incorporamos, así mesmo, plantón cultivado baixo os mesmos criterios, a máis de presentar unha gama moi seleccionada de produtos relacionados con prácticas saudables (Wheatgrass, produtos de Aloe Vera para uso diario, limpadores linguais, cepillos de dentes que actúan mediante luz, ghee, infusións …).
A edición deste ano, o mesmo cás sementes, está totalmente libre de insumos … económicos; a única axuda coa que contamos, e que aproveitamos para agradecer unha vez máis, é a que incondicionalmente nos vén prestando dende sempre o Concello de Forcarei. Será unha Feira modesta (nunca pretendemos que fose doutro xeito) pero haberá de todo e para tod@s: a música da Banda de Gaitas da Escola Municipal, a maxia do Mago Teto (que nos acompaña por segundo ano consecutivo) e xantar de todo tipo: o tradicional polbo, tortilla e empanada, e tamén menú ecolóxico incluíndo empanadillas vexetais, postres, así como tés, bebidas e refrescos.
No que respecta á Feira propiamente dita, aparte dos nosos postos de semente e plantón tradicionais teremos os postos de troco da Rede Galega de Sementes, viño ecolóxico de bodegueiros da Ribeira Sacra, produtos envasados da empresa Amorodo, e este ano iranse incorporando novos produtores de planta ecolóxica procedentes de zonas próximas así como de plantas aromáticas.
Teremos tamén un espacio destinado á reciclaxe de materiais de uso común, no que @s visitantes de todas as idades poderán divertirse ao tempo que aprenden a utilizar de maneira creativa os materiais de desfeita cos que nos atopamos a diario nos nosos domicilios.
Comentarios recentes