Pages Navigation Menu

Domingo 29 de xuño: 2º Roteiro contra do desdobramento do corredor do Morrazo

2º ROTEIRO CONTRA DO DESDOBRAMENTO DO CORREDOR DO MORRAZO
(Montes de Meira)

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 29 de xuño o segundo roteiro contra do desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo.

O percorrido é circular con saída ás 11 da mañá e chegada ás 13:30h. no igrexario de Santa Eulalia de Meira (Moaña).

Percorrerase a carballeira de Bronlle, o núcleo rural de Quintáns, o sendeiro e muíños do rego Barranco do Faro, primeiro paso baixo o viaduto de A Mó, o Outeiro de Aviador, a área recreativa e miradoiro dos Parentes, a Pedra Furada, os montes de Meira, o petróglifo de Pozo Garrido, segundo paso baixo o viaduto de A Mó, a área recreativa e patrimonial da Torre de Meira, o núcleo rural de Pombal até chegar de novo ao igrexario.

Mais ao respecto quere comunicar que:

Os montes da parroquia de Meira, no concello de Moaña, grande parte deles integrados no espazo natural dos Montes do Morrazo, ademais do valor ambiental e do socioeconómico derivado da explotación dos seus recursos, posúen un grande valor patrimonial e arqueolóxico.

O corredor de alta capacidade do Morrazo afectou entre o 2003 e o 2004 a área de protección de 14 xacementos (Devesa do Rei, Pozo Garrido, O Viveiro, As Meáns, A Escada, Chan do Caeiro, A Borna, Torre de Meira, Castro das Cidades, e outros cinco máis de datación indeterminada), tanto na súa área integral como na de cautela dentro do perímetro dos 200 metros na seu contorna xeográfica, en especial gravados rupestres ao aire libre (petróglifos), na súa maioría datados na Idade do Bronce. Parte deles foron de novo descubrimento.

A súa construcción supuso a afección crítica e severa da área integral dos petróglifos da Devesa do Rei e do Viveiro, onde despois de esnaquizar as pedras cos gravados, os anacos foron trasladados ata terreos das proximidades para despois rematar baixo vertidos de terras e entullos á beira dun vial asfaltado, no caso do petróglifo da Devesa do Rei, e oculto á beira dunha pista forestal, no caso do petróglifo de O Viveiro.

O petróglifo de Pozo Garrido, un dos máis importantes pola súa variedade e bo estado de conservación dos gravados (zoomorfos, serpentiformes e coviñas), e catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) despois de ser afectado pola construcción do corredor e almacenamento de terras no seu perímetro dos 200 metros de protección posteriormente volveu a ser afectado entre os anos 2006 e 2007 con vertidos de terras e entullos ata as inmediacións da propia área integral de protección do petróglifo, producindo ao final a súa afección directa por sedimentación de terras e áridos de escorrentía tralas chuvias torrenciais. Na actualidade está semioculto entre a vexetación e rodeado de eucaliptos, acacias e mimosas.

Entre os anos 2008 e 2009 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Santa Eulalia de Meira promoveu cun orzamento de 17.939 euros o proxecto de “valorización dos ben de interese cultural dos montes da parroquia de Meira e o seu patrimonio arqueolóxico” a costa de fondos FEADER da UE e co patrocinio da Consellería de Medio Rural, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino e o Xacobeo 2010. Constaba dunha proposta de roteiro arqueolóxico e etnográfico, un roteiro das mámoas, o roteiro do río da Fraga e o enlace do primeiro co segundo roteiro. Desde aquela e malia as promesas da súa posta en valor, a maioría dos elementos patrimoniais, incluidos os afectados anteriormente pola construcción do corredor, están polo contrario no abandono, desvalorizados e coas áreas naturais onde se ubican faltas de mantemento, coa ameaza de afección por incendio forestal debido á proliferación de especies arbóreas e arbustivas altamente inflamables e pirófitas.

A construcción do corredor de alta capacidade ademais da afección dos xacementos arqueolóxicos na parroquia de Meira, afectou a outros 20 xacementos máis ao longo do trazado, onde destaca a afección crítica e severa co resultado de destrucción total ou parcial con desmontes, recheos, túneles e falsos túneles, da área de protección integral dos xacementos do Neolítico Inicial e Medio do Regueiriño, do Neolítico Final de Montenegro, do Calcolítico do Monte dos Remedios, do Neolítico Final e Idade do Bronce de Os Laguiños, do funerario da Idade do Bronce da Devesa de Abaixo-Os Torradoiros, do petróglifo da Idade do Bronce de Gondarán, dos indeterminados dos Abrigos de Monte da Pena e da Portela, do Castro da Idade do Ferro de Montealegre e do xacemento da Romanidade Tardía do Redolliño.

O custe das operacións de “prospeccións, sondaxes e excavacións arqueolóxicas” por vía de “urxencia” e como “corrección de impacto” levadas a cabo polo Laboratorio de Arqueoloxía e a Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, CSIC, Universidade de Santiago de Compostela e empresas privadas de arqueoloxía, e que foron incluidas dentro da Avaliación de Impacto Arqueolóxico e das Resolucións da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do corredor foron duns reducidos 1.515.000 euros fronte aos 72 millóns do custe total do proxecto do corredor. E só serviron para o inventariado e posterior publicación do plantexamento e metodoloxía dos traballos realizados, xa que logo despois moitas das correccións de impacto foron a costa da desaparición física dos xacementos e así mesmo a maioría das resolucións da DIA dictadas ao respecto foron tamén incumpridas.

A DIA do 2001 que serviu de xustificación posteriormente no 2012 á Xunta de Galicia para eximir de realizar a legal e correspondiente Avaliación de Impacto Ambiental do proxecto de desdobramento do corredor en autovía supón unha nova e seria ameaza para o medio e dentro del tamén para o patrimonio cultural e arqueolóxico, onde á parte do legado histórico, arquitectónico e antropolóxico forma parte fundamental da xeomorfoloxía e a paisaxe.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo rexeita o desdobramento do corredor e demanda como alternativa a inversión na xestión sustentable dos montes e na posta en valor real do patrimonio cultural e arqueolóxico.

roteiromorrazo2

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.