Pages Navigation Menu

Domingo 7 de Abril: tractorada contra a minaría contaminante en Corcoesto

O vindeiro domingo 7 de Abril de 2013 a Plataforma convoca unha tractorada mixta (tractores e coches) que sairá do campo da feira de Ponteceso ás 11 h. e rematará fronte á casa do concello de Cabana de Bergantiños en A Carballa.

Previamente, deste distintos puntos da comarca sairán columnas para converxer en Ponteceso.

Esta mobilización está convocada para protestar pola posíbel implantación dunha grande mina a ceo aberto en Corcoesto na que se utilizarán enormes cantidades de cianuro para a extracción do ouro (1,7 gramos por cada millón gramos de veta aurífera e que terán que remover case 10 toneladas de rocha para acceder á mesma), as cantidades de cianuro a utilizar son de unhas dimensións inimaxinábeis: 1,49 toneladas diarias durante os 365 días do ano e durante os 8,1 anos de explotación previstos pola empresa canadiana Edgewater. Xunto á utilización do cianuro está a contaminación por arsénico (as vetas están compostas por arsenopiritas), minerais pesados coma o níquel, chumbo, ferro… que provocarán non só danos irreparábeis na flora e fauna senón tamén na saúde humana.

A aprobación desta minería suporá, en opinión unánime de todos os expertos consultados e que deron varias charlas e conferencias na comarca de Bergantiños, unha destrución irreparábel de Corcoesto, Cereo e Valenza, un impacto socio económico de magnitudes incalculábeis en Bergantiños, o abandono forzado de explotacións agro-gandeiras e posiblemente dos núcleos de poboación mais próximos así como a permanencia dunha auténtica bomba de reloxería durante centos de anos, a chamada balsa de lodos.

Distintas organizacións sociais, sindicais, ecoloxistas e políticas apoian decididamente esta mobilización entre elas salientariamos os apoios que nos foron chegando ao longo dos últimos días: Adega, Verdegaia, Rede Galiza Non Se Vende, Senda Nova, Espazo Ecosocialista, Confederación Intersindical Galega, UC de Ferrol de CC.OO., Sindicato Labrego Galego, Bloque Nacionalista Galego, Alternativa Galega de Esquerdas, Compromiso por Galicia, Partido da Terra, Galiza Nova, Foro Social de Cangas, Instituto de Estudios Bergantiñáns, AA.VV. de Cereo, Contramínate de Laxe…

Esperemos que o éxito destas mobilizacións e as futuras fagan recapacitar á Xunta de Galicia e que esta deixe de estar en conivencia con Edgewater e non aprobe a declaración do proxecto como industrial estratéxico, faga caso ás voces discrepantes da propia administración pública e non vaia adiante esta auténtica barbaridade.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.