Ecoloxistas contra o premio de excelencia turística ao lago de As Pontes
Os colectivos ecoloxistas Adega, Fusquenlla, SGHN e Verdegaia amosamos o noso rexeitamento á candidatura da antiga mina de As Pontes ao Premio Europeo de Excelencia Turística 2011. Consideramos que, lonxe de ser unha proposta medioambientalmente sostible, a suposta rexeneración non é mais que un lavado de imaxe ante as críticas fundadas dos colectivos ecoloxistas e entidades sociais diversas. Este proxecto de enchido que aínda non finalizou entraña serios riscos medioambientais e comprometerá nun futuro á administración pública debendo facer fronte ao seu mantemento. Tanto a Xunta de Galicia como o Concello de As Pontes deberían adicar os seus esforzos a garantir que ENDESA cumpra coa legalidade e non respaldar intereses meramente especulativos.
As organizacións ecoloxistas, sociedades científicas e colectivos cidadáns que dende hai anos vimos denunciando o grave deterioro que están a sufrir as Fragas do Eume e o seu entorno queremos amosar a nosa indignación ante a presentación por parte do Concello das Pontes da súa candidatura ao Premio Europeo de Excelencia Turística 2011, que concede a Comisión Europea e que este ano adícase á rexeneración de espazos degradados para convertilos en lugares de atracción turística.
O proxecto presentado, que conta coa colaboración da compañía ENDESA e o aval da Secretaría de Turismo da Xunta de Galicia, consiste na conversión do antigo oco da mina de lignito nun lago e a rexeneración da entulleira. Hai que lembrar que o lago está a alimentarse fundamentalmente das augas do Eume, o que supón detraer deste río máis dun millón de metros cúbicos de auga. Isto agrava aínda máis o estado ambiental do río Eume e non garante o mantemento do seu caudal ecolóxico, polo trasvase directo, e por eliminar permanentemente os aportes de diferentes regos tributarios.
Denunciamos o estado lamentábel que presenta o río Eume debido á expoliación por parte de Endesa durante décadas e que se verá acrecentado pola acidez rexistrada nas augas do lago, resultado da alta concetración de piritas da antiga área de explotación. O fenómeno da acidificación ameaza con trasladarse á conca do río e, de paso, afectar gravemente ás Fragas do Eume. E é o Parque Natural das Fragas do Eume, un dos últimos reductos de bosque atlántico costeiro, o que se nutre das augas deste río e cuxa supervivencia depende dos aportes regulares e do óptimo estado de conservación das augas.
Os defensores da candidatura reivindican a calidade das aguas do lago, feito que non pode ser verificado porque Augas de Galicia non fai públicos na súa páxina web os resultados dos controis tanto no oco da mina como no río Eume. Os únicos resultados cos que contamos son os derivados das mostras recollidas tempo atrás polo SEPRONA que amosaron a acidez e elevada concentración de metais pesados. O propio Estudo de Impacto Ambiental co que conta o proxecto de enchido recoñece que a calidade das aguas disminuirá unha vez finalicen os aportes directos do Eume e co estancamento das augas do lago, cousa prevista para o ano 2012.
Por se non abondase, e como recollimos anteriormene, algúns dos tributarios que ata agora vertían as súas augas non contaminadas ao río Eume quedaron inutilizados polo propio lago, privando a este río dun aporte que contribuía a mitigar a elevada contaminación das súas augas.
As filtración e o rebose das augas ácedas hacia os regatos próximos e ao mesmo Eume, fai prever algún dos problemas aos que a administración autonómica terá que atender próximamente cando ENDESA ceda a xestión do lago á Xunta. A forte contaminación que se prevé terá que ser neutralizada, sempre e cando sexa posíbel, pola propia administración galega. Os deberes que obxectivamente corresponderían á compañía que orixinou unha catástrofe ambiental sen precedentes nesta comarca, pasarán a ser responsabilidade do gobernó autonómico. Isto supón un elevado custo económico que sufragará unha administración pública con tendencia a obviar as cuantiosas plusvalías que ENDESA se embolsou durante a existencia da explotación mineira.
A conversión da mina nun lago de máis de 600 hectáreas e profundidades que acadan os 200 metros abre outros interrogantes inquietantes. Se xa os efectos do lago sobre o ecosistema son nefastos a día de hoxe, máis preocupante son as posibles consecuencias adversas que no futuro este proxecto nos pode deparar. Son moitas as voces autorizadas que se levantan contra este suposto proxecto de rexeneración. Desde o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, o catedrático de xeoloxía Xoan Ramón Vidal Romaní alerta do risco potencial que en caso de actividade sismíca pode supoñer a presenza dunha falla activa baixo o oco da mina.
O mesmo proxecto de rexeneración da antiga mina reconvertida en lago non desbota a posibilidade de que empresas privadas obteñan un rendemento económico pola explotación urbanística dos terreos colindantes co lago.
Non podemos respaldar un Premio de Excelencia Turística a un proxecto que entraña serios e obxectivos riscos medioambientais, ameazando un valiosos patrimonio natural como é o río Eume e as Fragas polas que discorre. Unha actuación que compromete á administración pública a responsabilizarse tanto económica como medioambientalmente dun proxecto insostíbel na actualidade e no futuro. Falamos dun proxecto que agocha detrás de eufemismos como rexeneración ou solución ambiental sostíbel unha aposta decidida por favorecer intereses meramente especulativos.
Comentarios recentes