Pages Navigation Menu

En Barreiros a Xunta ampara as ilegalidades dos promotores

Ignorando as sentenzas xudiciais o goberno do PP desafía aos xuices e aposta pola estéril economía da construción. Vanse dilapidar 14 millóns de euros en sufragar gastos dos promotores

En Barreiros foron concedidas licenzas para edificar case 6000 vivendas pero o goberno bipartito da Xunta impugnou a concesión  e máis tarde os xulgados anularon unha boa parte delas (outras aínda están en contenciosos) por entender que estaban construídas en solo urbano non consolidado. Nas sentenzas coñecidas ata o momento os xuices ditaminan que as licenzas non son conformes a dereito. A razón: “a finca non ten a condición de solar nin pode chegar a selo se non é a través dun proceso de urbanización que supera a consideración de obras de pequena entidade”. Para a autoridade xudicial é menester aplicar as ordenanzas da lei do solo que esixe que as fincas deben reunir uns requisitos que nestes casos non se cumprían: acceso a vía pública pavimentada, auga potábel,redes de saneamento, enerxía eléctrica e alumeado público en potencia suficiente para dotar á urbanización dos servizos requeridos.

Son os promotores os que antes de levantar as urbanizacións deben dotar previamente ao solo non consolidado deste servizos. No caso de Barreirtos non se fixo así e os xuíces entenden que as licenzas non son legais. Pero o goberno do Partido Popular empeñouse en sacar adiante estes macroproxectos en contra da opinión da autoridade xudicial. Para solventar as carencias que os promotores obviaron, a Xunta, xunto co Concello de Barreiros e a Deputación de Lugo acordaron un convenio para financiar a cuantiosas infraestruturas que os promotores necesitan para cementar a mariña lucense. A administración pública que representan estes tres organismos vai aportar 14 millóns de euros dos impostos dos galegos para subsanar as ilegalidades dos promotores urbanísticos.

E para facelo teñen que recorrer a unha actuación manifestamente ilegal. Dotar de infraestruturas a este espazo non protexido do litoral só pode realizarse se se xustifica a incidencia supramunicipal da medida, algo que o Consello da Xunta xa aprobou en setembro do 2010. O plan sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de saneamento, abastecemento e rede viaria no concello de Barreiros pretende, amparándose na suposta incidencia supramunicipal, dar cobertura legal ao investimento de 14 millóns para tapar a falta de compromiso das empresas construtoras.

A normativa que ampara a creación dun plan sectorial contempla unha serie de circunstancias que non concorren no caso de Barreiros. Amais da innecesaria e inxustificábel donación de 14 millóns de euros aos predadores do territorio, algo que pode calificarse como malversación de fondos públicos, o que si é evidente é que as urbanizacións previstas non teñen ningunha incidencia real positiva sobre o conxunto de concellos limítrofes co de Barreiros. Máis ben todo o contrario pois provoca unha deficiencia nos servizos publicos agravada polo crecemento poboacional en períodos vacacionais, colapsa as vías de acceso e non respecta a necesaria preservación do medio ambiente e entorno paisaxístico, provocando unha merma na calidade de vida dos habitantes dese territorio. O interese supramunicipal é un instrumento administrativo que se utiliza para promover dotacións de interese xeral que desbordan as competencias municipais: autoestradas, hospìtais, poígonos empresariais, etc. O interese en Barreiros é simplemente especulativo e procura enriquecer a un grupo de promotores a costa do resto da cidadanía. O comportamento da Xunta evidencia unha toma de posición a favor do capital na súa expresión máis criticábel: o sector da construción como responsábel da grave crise económica que asola este país e o máis eficaz destrutor do territorio e medio ambiente.

Como cidadáns responsables e defensores dun hábitat sustentábel e respectuoso co noso entorno ímonos opoñer a estes intentos de legalizar o ilegalizábel, de menosprezar as sentenzas xudiciais, e de apostar unha vez máis pola economía destrutiva do cemento. Presentaremos as alegacións oportunas para que a Xunta revogue o plan sectorial de Barreiros e invitamos ao resto da cidadanía a opoñerse ás pretensións de Feijóo de vender ao capital o que é patrimonio de todos os galegos.

Anuncio do 3 de decembro de 2010, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, polo que se somete a información pública o Plan sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de saneamento, abastecemento e rede viaria no concello de Barreiros.

Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.