Escritos ao Presidente da Xunta e do Goberno
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, na súa comparecencia desta mañá ante os medios de comunicación, celebrada á entrada do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol, notificou a entrega nese Rexistro público, de senllos escritos dirixidos ao Presidente do Goberno e Presidente da Xunta de Galicia, nos que advirte unha vez máis do perigo da localización da Planta de Gas en Mugardos, e do temerario e irresponsable tráfico de gaseiros cargados de gas natural licuado no interior da Ría.
Ínstase a ambas autoridades para que velando pola legalidade e a seguridade dos habitantes desta comarca paralicen a Planta de Gas.
Ambos os escritos conteñen unha síntese das ilegalidades e irresponsabilidades cometidas na última década en relación coa Planta de Gas, facendo unha especial mención ao recente accidente ocorrido en Viarreggia (Italia) onde a explosión dunha cisterna dun tren gaseiro (36 Tm) causou unha vintena de mortos, varios edificios destruídos e a evacuación de 1000 persoas.
Só resta pensar, comparativamente, cales serían os efectos, de producirse un accidente grave na Planta de Reganosa, que alberga nos seus tanques 150.000 Tm, e en cada buque gaseiro 60.000 Tm.
A entrega dos escritos foi apoiada por unha concentración de cidadáns á porta do Edificio da Xunta, convocados por este CCE.
Comentarios recentes