Pages Navigation Menu

ESTE SÁBADO 11 DE XUNHO, MARCHA CONTRA CELULOSAS, SAIDA ÀS 19:30 DAS ALAMEDAS DE MARÍN E PONTEVEDRA.

 Marcha contra as celulosasHAI RAZÓNS ABONDO PARA PARTICIPAR NA MARCHA CONTRA CELULOSAS

AAI razóns abondo!. Así reza o lema escollido este ano para dar publicidade á Marcha contra
CELULOSAS, en clara referencia ás razóns que asisten á Xunta para non renovar as autorizacións
ambientais a ENCE e a ELNOSA. E botamos man do noso lema para chamar á poboación da comarca a
participar activamente na nova Marcha, porque son moitas as razóns para esixir a saída do complexo da
Ría.
Lonxe de ser certo o que di ENCE (e o Comité de empresa) ENCE (e ELNOSA) segue contaminando a
Ría e a atmosfera, segue destruíndo os recursos naturais, a economía da comarca e a calidade de vida
da poboación. Impiden a posta en práctica dun modelo económico sustentábel no tempo, baseado na
explotación racional do marisqueo, a pesca de baixura, os recursos forestais e turísticos, e seguen sendo
dúas empresas ilegais pois non cumpren co establecido na lexislación en materia de medio ambiente.
Cando hai 3 anos o goberno bipartito da Xunta concedía as AAI a ENCE e a ELNOSA, desde a APDR
denunciamos a irregularidade e mesmo a ilegalidade da concesión. Hoxe, cando remata o prazo da
concesión e desde a Xunta ten que se acometer o proceso de renovación das citadas AAI, esiximos que
non se renoven; pola súa ilegalidade e porque suporía hipotecar o futuro e consolidar o complexo nunha
zona que hai que recuperar para uso e disfrute da cidadanía.
As AAI concedidas, son ilegais porque incumpren a lexislación en materia de vertidos; así, a AAI de
ENCE permítelle superar os límites de vertido fixados na Lei de Augas Residuais Urbanas para DQO,
DBO e SS. En efecto, a AAI, permítelle verter ate 9.000, 2.250 e 2.250 Kg/día de DQO, DBO e SS, ou o
que é o mesmo, permítelle superar –dependendo dos litros diarios que verta- os límites de 125 mg/L, 25
mg/L e 35 mg/L fixados respectivamente para eses tres parámetros pola Lei. De acordo coa citada Lei, e
supoñendo que ENCE verta 40.000 m3/día, a carga contaminante diaria non podería superar os 5.000,
1.000 e 1.400 Kg/día para DQO, DBO e SS respectivamente, cantidades todas elas superadas
amplamente nos límites fixados para estes parámetros na AAI. Pero, ademais, as citadas AAI permítenlle
a ENCE e a ELNOSA verter mercurio e cadmio á Ría, cando a Lei 9/2010 de Augas de Galicia só permite
estes vertidos cando se produzan como consecuencia do arrastre inevitábel destes metais contidos nas
materias primas utilizadas, circunstancia que non se dá en ningún dos casos que nos ocupan.
E a Xunta ten a obriga de iniciar o expediente de renovación conforme á Lei, abrindo o correspondente
período de exposición pública e esixindo a ENCE e a ELNOSA a solicitude dos preceptivos informes
urbanísticos ao Concello de Pontevedra. E nós imos participar activamente nese proceso, como fixemos
hai 3 anos, alegando contra as renovacións e esixindo que se cumpra a Lei.
Pero hai outra razón para participar na MARCHA CONTRA CELULOSAS: ENCE está intentando ficar na
Ría mais alá do 2018 e busca a maneira de eludir a lexislación. E desde o Ministerio de Medio Ambiente
falan xa da posibilidade de buscar solucións individualizadas para aplicar a Lei de Costas, e abren a porta
tamén á non aplicación da Lei en base á “innecesariedade” dos terreos.
Por eso é importante secundar esta nova mobilización, porque Pontevedra se xoga o seu futuro, porque a
recuperación da Ría e das nosas praias urbanas sepultadas baixo os recheos industriais, está en perigo,
e mesmo porque a continuidade do complexo en Lourizán mais alá 2018 supón non só unha ilegalidade
senón tamén unha burla para o conxunto da poboación, que deixou claro mais unha vez nas urnas que
non admite opcións políticas municipais que aposten pola permanencia de ENCE-ELNOSA no seu actual
emprazamento. Porque hai razóns abondo, ESTE SÁBADO, MARCHA CONTRA CELULOSAS!.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.