Fadesa, a crise dun sistema

Depredador, irresponsábel e inxusto. Así poderiase definir o modelo que as grandes promotoras inmobilarias implantaron neste país nos últimos anos.

A xa admitida suspensión de pagos de Martinsa-Fadesa é algo máis que un preámbulo da grave crise económica que está por chegar. É sobre todo a constatación do nefasto modelo económico e social que este país optou por desenvolver. Un modelo que as grandes empresas como Fadesa non tiveron ningún reparo en institucionalizar e os poderes públicos en bendecir. Eran previsibeis as consecuencias do chamado boom inmobiliario, outros países xa o padeceran e souberon atallar antes da debacle. Aínda así o goberno español e os distintos gobernos autonómicos miraban para outro lado cando os especialistas económicos advertían das terribeis consecuencias que acarrearía a libre actividade dos empresarios da construción.

 

A situación creada pola desaparición de Martinsa-Fadesa ocasiona moitos e graves prexuizos a milleiros de cidadáns que apostaron por investir en vivenda os aforros familiares. A máis grande urbanización desta compañía en Galiza atópase no concello de Miño. Máis de 1200 vivendas, algunhas delas aínda en construción, erguéronse nunha paraxe que ocupa unha extensión de 160 hectáreas, é dicir 160 campos de fútbol. O Concello de Miño participou naquel intre nunha das máis grandes inxustizas que se cometeron contra os propietarios de terreos ao permitir a Fadesa expropiar milleiros de ferrados que foron abonados a prezos irrisorios. Abonda como exemplo o pago de 600.000 pesetas pola expropiación dunha finca que logo foi revendida por Fadesa por 25 millóns de pesetas. Por termo medio Fadesa pagaba a millón por ferrado e logo o vendía como parcela a 11,5 millóns. Foi este o primeiro caso de axente urbanizador aplicado na nosa comunidade.

 

Unha pequena parte das vivendas construidas neste macrocomplexo urbanístico xa foron vendidas e destas, unhas poucas están habitadas na actualidade. O resto está en período de construción e, polo acaecido ultimamente, así permanecerá durante moitos anos. Esta situación confire á urbanización un aspecto desolador que se estende polos milleiros de metros cadrados da que antes fora unha apreciada zona rural rica en vexetación. A herdanza de Fadesa vislúmbrase agora nunhafadesa4.jpg imaxe pantasma dunha “casi” urbanización que por carecer, carece do máis elemental, agás do prometido campo de golf. Hai que salientar que o proceso de urbanización non se levou a cabo ao mesmo tempo que se levantaban as vivendas . O resultado é unha falta total de servizos como depuradora de augas residuais, viais de comunicación e acceso á autoestrada A-9, reclamo este utilizado pola empresa para a promoción das vivendas. Ao excesivo consumo de auga demandado polo campo de golf, hai que engadir a falta de tratamento das augas residuais que son vertidas directamente ao mar e provocan a contaminación dos bancos marisquieiros do litoral mariño.

 

Unha enorme irresponsabilidade que abrangue aos representantes do goberno galego que optaron polo apoio ao sector empresarial máis depredador de cantos temos constancia na actualidade. Leis que permiten a expropiación forzosa, a construción salvaxe, a destrución da paisaxe e a devastación dos recursos sustentabeis do medio rural e do litoral, son merecedoras do rexeitamento máis furibundo por parte da nosa sociedade.

7 Comments

  1. A Xunta de Galicia sumouse onte á posibilidade apuntada o martes polo ministro de Industria, Miguel Sebastián, acerca de que Estado se lance á compra de terreos nos que promover vivenda oficial. Deste xeito, amosouse disposta a adquirir chan a Martinsa-Fadesa, que o luns presentou concurso de acredores -estendido a seis das súas filiais-, para construír vivendas de protección oficial. Así o dixo o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, en Santiago.

  2. sobran vivendas en galiza, e, salvo excepcións (madrid, barcelona e as súas áreas urbanas) non hai déficit. O que hai é un mal reparto. Non é o momento de mercar solo e perpetuar a “especie”. É o momento de habilitar mecanismos para que todo ese parque de vivendas baleiro, especulativo, cambie de mans e sexa unha ferramenta para mellorar o índice de acceso á vivenda.
    Para que a xente moza, nuns anos, poida acceder a un aluguer ou unha vivenda en propiedade con naturalidade, sen ter que empeñar o 60% do seu salario para toda a vida. Esto faise con políticas fiscais que graven a propiedade baleira ate que resulte insoportable aos especuladores e aos abandonadores. Apoiando a autopromoción de vivendas mediante a rehabilitación con maiores desgravacións. Xusto as políticas fiscais contrarias ás que subvencionaban hipotecas de pisos de 100 millóns de pesetas ata hai ben pouco. Xusto as políticas fiscais contrarias ás que suprimen o imposto de sucesións ou o imposto de patrimonio, este último que só pagaban as 35.000 familias máis ricas do estado.
    Temos vivendas dabondo, non necesitamos máis, aínda que señan protexidas.

  3. Por certo, as directrices de ordenación do territorio xa son anacrónicas antes de aprobarse, pois redundan no modelo Fadesa-Miño-Martinsa.

  4. Amigo Miguel, se queremos conquerir o “dereito a vivenda digna” recollido na constituzón imos ter que, coma xa te comentei no caso da cidade da cultura, okupá-las casas valeiras.

    Nada nos van regalar os que están no poder.
    Galiza xa está vendida, recuperemo-la.

  5. Tes razón Rubén,hai que ocupar as casas que están baleiras todo o ano para que se cumpra ese dereito constitucional que existe en diversos países.
    Sería unha especie de “préstamo”, pois a demasida xente xoven cos contratos basura e tanta explotación e dentro de pouco, esclavi-
    tude, cas 65 horas semanais que Europa,(tan progresista ela), aprobou non lles chegaría toda a súa vida para pagar a hipoteca abusiva dos bancos, nin sequera dos pisos de proteción oficial, onde teñen que traballar e cobrar un soldo “decente” a parella, pois os prezos destes sonche cariños de carallo.
    Ademais, eu dígolle sempre a esa “xente de ben” que tanto se alarma con estas ideas: non somos un Estado católico e apostólico e, polo tanto cristiá? Pois lembro a algúns que Xesús dixo nunha ocasión.” Se tes dúas túnicas, dalle unha ao teu irmán”. Así que o mesmo podemos aplicalo para os pisos ou vivendas co obxectivo de que a xente realmente necesitada poda vivir nas casas baleiras dos que as mercaron para ESPECULAR e que lle sobran a esos “inversores” como os chama Touriño e que teñen 2, 5, 10 ou 25 e ata máis vivendas baleiras. Alomenos, durante un tempo,aínda que non perdan a súa titularidade.
    Coñezo un caso en Santiago onde una boa muller fixo isto cunha parella que o necesitaba e os veciños querían botalos fóra .
    Lembro que os dereitos e as leis están para cumprirse e non para que uns cantos especuladores acaparen todo o solo , o poñan a prezo de ouro e impidan que a meirante parte da poboación non poda ter unha vivenda axeitadaos nenos e nenas vivan sen condicións.
    Ademais,comprobando o que fixeron moitos do ladrillo, que en demasiados casos son verda-
    deiros delincuentes,por algo están imputados,
    e cómo “arrasaron” miserablemente co territorio ,concellos e cos espazos protexidos, agrarios, forestais etc. está máis que xustificado ese dereito e a ocupa-
    ción para vivir nelas e centros culturais.
    Así que sería xusto e lexítimo que aquelas persoas que o necesiten ocupasesn todas esas vivendas baleiras, a estrenar ou sen acabar que non se venden, ESPECIALMENTE CANDO NESTE PAÍS FACEMOS O CONTRARIO QUE NOS DEMAIS DA COMUNIDADE EUROPEA, ONDE O ESTADO LIBERA SOLOS AXEITADOS PARA CONSTRUIR VIVENDAS E NON PERMITE QUE OS DO LADRILLO E A CORRUPCIÓN URBANÍSTICA SE APODEREN DUN BEN NECESARIO, DESTRÚAN O PAÍS ENRIQUECÉNDOSE UNS POUCOS ENORMEMENTE LEVÁNDOO A UNA ENORME CRISE, COMO NON PODERÍA SER DOUTRO XEITO.
    SE LLES VAI BEN E NON TEÑEN OS NOSOS PROBLE- MAS POR ALGO SERÁ.

    ocupación para vivir e para centros culturais.
    LÉMBROVOS QUE ROUBAR AO LADRÓN TEN 100 ANOS DE PERDÓN!
    A xuventude non sabe a forza que ten, se actúa pacíficamente ,mais valentemente, conseguiría todos os dereitos se se organizase e loitase e non perdera tanto tempo co botellón e novas tecnoloxías que os
    durme, que é o que procuran os poderosos.

  6. non creo que mediante a okupación se poida chegar ao dereito á vivenda digna para todos e todas. Cantas persoas teñen unha vivenda digna okupada? cantas casas están okupadas en ferrol? e na coruña?

    hai moitos sitios en españa onde funciona a autopromoción en réxime de cooperativa, mediante o que miles de persoas obteñen unha vivenda a prezo de coste.

  7. Reimundez, Reimundez…
    De novo voltas a estar trabucado:

    En Ferrol, nos anos setenta, gran parte do bairro de Caranza, por aquel entón de nova construczón, fora okupado por familias que hoxe en dia, teñen casa con dereitos recoñecidos grazas a aquel movimento.

    Nas casas baratas (bairro de Recimil) que son de propiedade municipal hai unha morea de xente en situazón irregular, xente que no seu dia dera a patada na porta e hoxe teñen dereitos recoñecidos…

    Por poñer un exemplo: Se ti e maila túa parella tedes un fillo namentres realizades unha okupazón, inmediatamente teredes dereitos sobre a vivenda en cuestón. Para min, que son un precario (nin sequera mileurista), okupar unha vivenda coa miña parella sería unha das poucas opzóns se quixera ter fill@s.
    Nota-se ben que ti non es un precario coma é o meu caso, senón valorarías esta opzón no canto de rexeitá-la de plano.

    O das cooperativas tamén é unha opzón, máis, porque pagar por algo que xa é teu por dereito, unha parvada, non si?

    O que temos que fazer é deixar os complexos e os prexuizos a un lado e valorar aczóns concretas que poidan ser prácticas, uteis e viabeis no conquista dos nosos direitos.

    Continuará…

Deixa una resposta a miguel reimundez Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.