Fundación Galicia Verde
Logo de moitos anos de labor profesional en Galicia, a nosa actividade foise centrando cada vez máis en torno a cuestións medioambientais, na procura dun futuro sostible a nivel global, e nomeadamente para Galicia. A experiencia do programa Senda Verde (emitido durante varios anos pola canle autonómica galega) creou, no caso concreto do que foi o seu director, Enrique Banet, a necesidade de darlle continuidade na práctica ao traballo desenvolvido, ata daquela, exclusivamente no eido audiovisual. De aquí parte o proxecto da Fundación Galicia Verde (www.fundaciongaliciaverde.org), que él mesmo preside e da que os dous somos socios fundadores. Dende o ano 2002, practicamente sen axuda ningunha salvo a inestimable achega dun reducidísimo grupo de voluntarios, a Fundación está promovendo a creación dun Centro Galego de Medio Ambiente, Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento para a Investigación, Ensino, Divulgación e Promoción do Emprego no Medio Rural, con base na antiga Escola de Leboso (Concello de Forcarei).
Por outro lado, como profesionais da imaxe, somos conscientes do gran valor que esta ten á hora de comunicar, polo que lamentamos o desinterese do noso sector profesional e, sobre todo, da propia televisión pública a respecto dos problemas medioambientais que ameazan gravemente o territorio do noso País; na medida das nosas posibilidades, querémonos sumar, co noso traballo, á defensa medioambiental de Galicia. Dende a nosa pequena productora, Namche Films, S.L., iniciamos este mesmo ano un proxecto documental a longo prazo para contribuír a informar e concienciar á sociedade sobre cómo se van desenvolvendo, de xeito solapado e perigoso, as cada vez máis numerosas políticas depredadoras do noso medio natural, sen ter en conta aos cidadáns: nin a súa opinión, nin a súa saúde, nin a súa seguridade, nin a súa riqueza, que é a de todos.
Enrique Banet, realizador de T.V. e Presidente da Fundación Galicia Verde.
Mabel Rivera, actriz e socia fundadora da Fundación Galicia Verde.
E inestimable a laboura que estades a desenrolar e o mais triste de todo e que a xente coma vos, que sodes os verdaderos protagonistas do noso futuro, tedes que loitar con bravura indescriptible para sobrepasar toso os obstáculos que os poderosos poñen a cotío.
Pero estou seguro que si vamos sumando xente o final o exercito pode ser imparable.
saudos