Pages Navigation Menu

Fusquenlla presentou alegacións contra a mina de anfibolita

No seu día alertabamos dos perigos que acompañaban a apertura dunha mina de asbesto e anunciabamos a inminente presentación de alegacións en contra. Fusquenlla enviou as alegacións pertinentes ao director xeral de Industria, Enerxía e Minas opoñéndose ao proxecto de explotación mineira que a empresa Comercio, Transportes y Auxiliares, S.L. pretende levar a cabo no termo municipal de Pontedeume.

As razóns esgrimidas polo noso colectivo fundaméntanse na clara vulneración da lexislación vixente, no perigo real que entraña este tipo de actvidades para a saúde humana e na destrución do patrimonio cultural e paisaxístico da nosa comarca.

 

A lexislación española, adaptada ás directrices da CE, impón limitacións á comercialización e uso de certas substancias e preparados perigosos. En relación ás fibras de amianto prohíbese a comercialización destas fibras e dos produtos que as conteñan (Orde de 7 de decembro de 2001 pola que se modifica o anexo I do Real Decreto 1406/1989, de 10 de novembro). É dicir, tanto a comunidade europea como o estado español adoptan a prohibición de comercializar e usar todos os produtos derivados do asbesto, material que o proxecto motivo das alegacións pretende explotar en Pontedeume.

 

A explotación a ceo aberto deste mineral entraña un perigo real para a saúde humana sen que as medidas que o decreto RD.396/2006, do 31 de marzo contempla para prever os danos causados pola exposición ao asbesto sexan de fácil aplicación no caso da mina en Pontedeume. A proximidade de vivendas e mesmo dunha central leiteira supón un grave risco para a saúde humana derivado da manipulación da anfibolita cuxa extracción realizarase por medio de explosións e perforacións coa conseguinte liberación de fibras de asbesto ao medio ambiente. As partículas en suspensión propagaríanse polo aire e contaminarían as augas subterráneas por efecto do movemento de terras inherente á explotación mineira.

 

A concesión mineira, de levarse a cabo, provocaría unha deterioración irreversíbel do patrimonio cultural da comarca eumesa. O lugar na que se asentaría a explotación mineira atópase a carón do Camiño Inglés de Santiago. O viario de acceso “transcorre sobre o trazado” do Camiño Inglés de Santiago, segundo se recolle no proxecto presentado pola empresa. Tanto a Lei de Protección dos Camiños de Santiago como a Lei do Patrimonio Cultural de Galiza esixen velar por un ben declarado patrimonio cultural europeo polos Ministros de Cultura, ao tempo que a Unesco recoñece o Camiño como patrimonio universal da humanidade.

 

Mais o Camiño Inglés non sería o único afectado pola ubicación da explotación mineira. Esta atópase a carón do emblemático monte Breamo no cumio do cal está a ermida románica de S. Miguel de Breamo do século XII. Tamén aquí a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia debería asegurar a debida protección deste enclave patrimonial e cultural eumés. Pola contra, a existencia dunha mina a ceo aberto suporía a destrución paisaxística deste lugar ás portas do monte Breamo cuns efectos ambientais imposibles de mitigar e recuperar. A mesma empresa recoñece a necesidade de proceder a perforacións e voaduras que deixarían un oco de 60 metros de altura e construiría dúas balsas de decantación que utilizarían auga da chuvia sen as debidas garantías de seguridade para evitar a propagación das fibras de asbesto a través das canles de augas subterráneas.

 

As anteriores razóns abondan para cualificar este proxecto como unha aberración medioambiental que atenta contra a saúde humana e mesmo vulnera a lexislación vixente sobre materiais perigosos e prohibidos tanto pola comunidade europea como o estado español. Por este motivo solicitamos á dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas se proceda a denegar a autorización solicitada pola referida empresa.

No Comments

Trackbacks/Pingbacks

  1. Fusquenlla presentou alegacións contra a mina de anfibolita - [...] Fusquenlla presentou alegacións contra a mina de anfibolita galizanonsevende.org/?p=1107  por Socram o 21:58 CEST [...]

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.