Galiza, á venda?

Así é, ben o sabemos, e non é cousa recente. Galiza está á venda, hai ben tempo que o vemos, ano trás ano, mesmo poderíamos dicer que se vende a prezos de saldo, mais porqué? Na procura dunha resposta a este fenómeno é imprescindíbel superar a ollada local/nacional e pasar a unha outra global: Estará o mundo, no seu conxunto, á venda? Está tamén, cada vez máis.O mundo está á venda, tamén o noso país, porque así o dispón o sistema no que vivemos. O industrialismo en xeral non é nada novo, tampouco o capitalismo -a súa primeira e triunfante forma-, algo máis recente si é a súa última (derradeira?) mutación, a que coñecemos como globalización neoliberal ou capitalista.O planeta, todo o mundo, está ao servizo da economía. Todo é susceptíbel de ser comprado ou vendido -ou iso é o que se pretende- e o importante, o decisivo, é o lucro, os intereses dunha minoría cada vez máis pequena, unha minoría de privilexiados entre os privilexiados, a que está á frente dunhas poucas grandes empresas.

O avanzo da globalización capitalista, do mercado “libre”, do esmagador dominio das empresas sobre as persoas e o conxunto do planeta, foi posíbel porque así o decidiron os nosos gobernantes (eleitos por nós, mais cando consultaron a nosa opinión?), e tamén porque nós, no noso día a día o apoiamos e reforzamos, mesmo sen nos decatar ou o querer ver.

Galiza está á venda, como o resto do mundo, porque o estamos a permitir, porque nós mesm@s a vendemos ou permitimos que se faga, porque fomos convencid@s de que non existe alternativa. Contodo, o realmente inviábel é o actual sistema económico, político e social, cada vez máis (auto)destrutivo e deshumanizado, por iso se multiplican as voces que afirman “Galiza non se vende” ou “O mundo non está á venda”, non para descreber a realidade senon a expresar unha demanda e un desexo: que pare esta tolemia!

A alternativa, o mundo viábel, é a da economía e política ao servizo das persoas, considerando ao resto da biosfera e ás xeracións vindeiras; a da combinación de sustentabilidade ecolóxica e xustiza social; a que só poderá construír unha cidadanía forte, autoorganizada, apartidaria, independente, con ollada global, que actúe local e globalmente guiada polos principios do ecoloxismo social… que faga real o berro de “Goberne quen goberne, Galiza non se vende”, que contribúa para avanzar cara esa “Terra viva e vida digna para tod@s”.
Xosé Maria Garcia Villaverde
Secretario Xeral de Verdegaia

“Publicado no nº 24 da revista da Asociación Cultural Fuco Buxán“.

5 Comments

  1. Todo ten un precio, todo ten un precio. Non estou de acordo. Hai cousas que non teñen precio. Véndese o que un quere e pode vender, pero hai cousas que nin se queren nin se poden vender.
    Chega un momento en que por moito que vendas, hai un límite, unha reserva, un algo que e invendible. A nosa terra ten sido asovallada por canto cantamañanas hai; pero ata aquí, ata xa. Non mais. Porque de seguir con esta desfeita, aquí non vai quedar nada, pero NADA DE NADA.
    Primeiro coa merda dos encoros. Vale, fan falta para ter reserva de auga, pra ter electricidade. Pero ¿precisamos nos tanta electricidade? ¿Quén se beneficia da desfeita dos nosos valles? ¿Quén? ¿So nos?. Vai ser que non. O meu pobo está atravesado por catro putas torretas de alta tensión, e non sei cantos veciños meus teñen morto de cancro. ¿Casualidade? Vai ser que tampouco. O val do Miño, o seu paso por Castrelo: asolagado. Pasádevos por rede ribeiro, e mirade a resposta que tivo o pobo galego ante aquela violación do noso paisaxe. ¿Onde está ese espíritu de protección? ¿Onde?
    E agora esto. Xa non nombro todas as desfeitas que estan a destruir o noso país, porque todos as coñecemos por desgracia. Non nombro ningunha, por non olvidarme de algunha. ¿Todo ten un precio? ¿Qué precio ten o que nos están a facer nas nosas zonas? ¿Qué precio? Por moito que lle botemos a culpa o capitalismo: agora non son capitalistas os que promoven e defenden estas desfeitas. ¿Que nos temos que volver? ¿Anarquistas? ¿É eso o que nos queda? ¡Qué fácil era botarlle a culpa o Fraga e o seu goberno! ¡Como se lles enchía a boca a algúns! E ¿agora?, caladiños, non vaia a ser que nos demos de conta de que estanno facendo peor. E digo peor, porque estes eran os que criticaban e agora son os que executan. Mirade para o cara lavada do conselleiro de medio ambiente. Canto cinismo e canta pouca vergonza. ¿Como se pode ter tanta cara? Todo lle está ben. E os ecoloxistas estadeslle a facer as beiras a este “señor”, permitindo co boso asentimento que este “señor” faga coa nosa terra o que lle sala do carallo. Si os sindicatos, calan; os ecoloxistan, calan; os políticos de esquerdas, son os que están detrás desta desfeita…¿Qué nos queda? ¿Temos que ser nos, os que sempre confiamos que falábades co corazón, os que nos demos conta de que nos vendestes todos? ¿Temos que ser nos, os que acabemos con esta feira?

    Ecoloxistas, sindicalistas, mentireiros todos: Sabemos xa que nos utilizastes para acadar o poder que agora tendes; que nos enganastes para poder facer sin oposición todo o que levabades criticando. Pero que non se vos olvide nunca unha “pequena” cousa: Somos o pobo, os que temos a última palabra, os que queremos a nosa terra, os que non nos vendemos, os que loitaremos para que nos devolvades a ilusión que moitos puxeron en vos. Queremos a nosa terra. Non está en venta. Goberne quen goberne: GALIZA NON SE VENDE

  2. estou otalmente de acordo con sufranda E REAFIRMO as suas vervas unha por unha, creo que fala co corazon e co poder que lle da a razon ( de outros non se pode dir o mesmo)

  3. Nesta infamia capitalista (e máis aínda na neoliberal)nada ten valor porque todo ten prezo.
    Ou polo menos iso é o que eles pensan, que eu non.
    Como dicía o cantor:
    “Eu non quero o que ti queres,
    eu non quero o que ti queres
    que eu son doutra condición”.

  4. Paréceme magnífico este artigo. Estou totalmente de acordo. Gustaríame que o lera todo o mundo, e sobor de todo, a xente que vive no rural, por iso estouno copiando para incluilo no meu blog. Espero que non vos pareza mal.
    Saúdos

  5. a propia expresión “galiza non se vende” implica rebeldía fronte a depredación territorial, pero para pasar da rebeldía compre ir máis aló da conciencia do problema e do rexeitamento, hai que argumentar que é posible unha alternativa.

    Por poñer un exemplo clamoroso que ten que ver con algo de moita actualidade como é o concurso eólico.

    Partindo dos datos contidos nun documento do propio instituto enerxético de galicia (INEGA), dependente da Consellería de Industria, “a situación enerxética de galicia”, aínda partindo dun progresivo aumento de consumo de enerxía/per cápita, podemos chegar a unha conclusión clara: o desenvolvemento do plano eólico, xunto co aproveitamento hidroeléctrico xa existente, e un pequeno desenvolvemento da enerxía producida pola queima de biomasa, sería suficiente para abastecer de enerxía aos galegos, ás galegas e a todas as industrias do país. Podemos concluir polo tanto que admitindo que a demanda enerxética non se reduza nos próximos anos (que non tería por qué ser así) poderíamos falar dun horizonte no 2015 no que, unha vez desenvolto o plano eólico, seríamos autosuficientes enerxéticamente aínda que pecháramos as centrais térmicas de As Pontes, Meirama e Sabón, e tamén a Refinería da Coruña e a Central de Reganosa en Mugardos.
    Agora ben, teríamos que aceptar o sacrificio da paisaxe dos nosos montes que estarían inzados de muiños de vento.
    Resumindo poderíamos cambiar megawatios de producción térmica por megawatios de producción eólica e deixar de exportar enerxía. Así deixaríamos de exportar enerxía o que a penas tería repercusións na economía do país, pois aínda que a enerxía é perto do 10% da economía en euros, non chega a un 0,5% en emprego.
    Agora ben: ou sacrificamos a paisaxe dos nosos montes, ou aturamos as térmicas, refinerías, reganosas e demáis que producen graves problemas de saude e perigo de morte en torno ao golfo ártabro, ou disminuimos o consumo de enerxía nun 40%.

Trackbacks/Pingbacks

  1. Galiza á venda « Polígono na Brea non - [...] Galiza, á venda? [...]

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.