Pages Navigation Menu

Galiza non se Vende contra da minaría e a mina de Corcoesto

A Rede Galiza Non Se Vende apoia á Rede Galega Contra da Minaría e á Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e manifesta a súa total oposición ao proxecto mineiro a ceo aberto para extracción de ouro que pretende levar a cabo a multinacional canadense Edgewater Exploration Ltd. nos concellos de Cabana, Ponteceso e Coristanco da comarca de Bergantiños. Dita explotación levaríase a cabo a través dunha pequena sociedade limitada creada ao efecto, obviamente, para limitar as súas responsabilidades, chamada Mineira de Corcoesto S.L., e conta coa complicidade institucional da Xunta de Galicia.

Galiza, por mor da “globalización do mercado libre” está a ser vítima de proxectos que ameazan cunha espoliación meirande dos seus recursos xeolóxicos e da destrución física do seu territorio. Esta destrución do territorio leva consigo o estrago permanente doutros modos de vida sustentables e tradicionais en Galiza e o aniquilamento dos recursos naturais da nosa terra. Compre recordar que son mais de 520 as explotacións mineiras aínda activas, e que os permisos de exploracións abranguen máis do 50% do territorio.

O proxecto de Corcoesto representa con plena fidelidade ese modelo de minaría onde, sumado á forte alteración da paisaxe natural que provocan as explotacións a ceo aberto, están tamén a destrución irreversible de solo e a contaminación acústica, atmosférica e hidrolóxica, que no caso deste proxecto contempla a ameaza engadida da produción por lixiviado de grandes cantidades de lodos cianurados altamente tóxicos, nunha zona onde explotacións realizadas no pasado xa provocaron a aparición de altas cantidades de arsénico nas augas de demostrada toxicidade para o medio natural e a saúde humana.

O de Corcoesto é só un dos moitos proxectos mineiros que as empresas do sector e malia súa situación de crise financeira e insustentabilidade, seguen proxectar por todo o territorio coa complicidade da administración autonómica (”terras raras” de obtención minerais para fabricación de coltan na Serra do Galiñeiro; de Wolfram, estaño e litio entre outros minerais nas comarcas do Ribeiro e de Terras de Celanova; de feldespatos na comarca da Limia; de andalucita na contorna das Fragas do Eume; de cuarzo na Terra Chá; a ameaza de 54 explotacións na Serra do Courel, exploracións xeotérmicas polas Terra de Pontevedra e Ourense; e moitos outros ao longo do territorio que están esperando dende hai anos quenda en terreos chamados francos e rexistrables e para os que non parece existir data definitiva de caducidade). Agora tamén se especula con desenvolver proxectos de investigación para extracción de gas natural polo método de fracturación xeolóxica, ou “fracking”, que noutras zonas do planeta supuxo graves casos de contaminación, destrución de acuíferos e movementos sísmicos no subsolo.

A lexislación mineira actual de aplicación en Galiza seguen rexéndose por unha lei estatal do franquismo, a Lei 22/1973, do 21 de xullo de Minaría e pola lei de 16 de decembro de 1954 de expropiación forzosa que implica a declaración automática de Ben de Utilidade Pública para as explotacións aprobadas. Polo tanto, a política desenvolvementista estatal do franquismo que supeditaba as propiedades e o xeito de vivir de galegas e galegos aos intereses das grandes empresas mineiras segue a estar en vigor en Galiza a pesar dos sucesivos cambios de goberno e da mudanza na tecnoloxía mineira agora moito máis agresiva e destrutora que durante o franquismo.

A Lei 3/2008, de ordenación da minería en Galicia aprobada polo bipartito supón na práctica a liberación das concesións mineiras, pois recupera vellos permisos e os reintroduce no mercado, axilizando a tramitación para as empresas e conservando a figura de declaración de “concello mineiro” o que entraña a salvagarda de carta libre para os intereses, moitas das veces mafiosos, das empresas mineiras. O actual goberno do PP a mantén e ademais utilízaa en prol dos seus intereses e, como non, dos da patronal mineira.

GNSV, máis alá de solicitar as competencias autonómicas e a derogación das leis franquistas aínda en vigor no sector, demanda unha avaliación conxunta de todo o que se está proxectar tendo en conta o medio ambiente, a saúde humana e as perdas que estes proxectos supoñen para outras actividades económicas presentese futuras e para a sociedade de agora e de mañá. Nestes intres de esgotamento de recursos e materias primas, compre ter moi en conta a alternativa 0, ou sexa, a non extracción dos recursos mineiros. En GNSV consideramos que o modelo mais sustentable a seguir é a obtención de recursos e materias primas mediante a súa recuperación e reciclaxe, xunto co aforro e a autosuficiencia enerxética e o decrecemento urbanístico.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.