Pages Navigation Menu

“Galiza non se vende” por X.L. Méndez Ferrín

Houbo un tempo, xa moi recuado, no que o chamado “ecoloxismo” foi en Galicia un eco, ás veces mimético, das grandes liñas internacionais da corrente “verde”. Daquela falábase moito do estrés que podían sufrir as troitas cos motores do catamarán do Sil, do problema das pillas, da promoción do reciclado do papel e da defensa das baleas. Hoxe, os asuntos que atinxen á conservación da natureza céntranse máis certeiramente nas necesidades do país e unha vivencia real da biodiversidade converte en tan importante a preservación dunha especie de insecto ou dun microorganismo como a protección dos grandes, vistosos e cinematográficos cetáceos. E sobre todo, o novo conservacionismo galego dase a man coa análise da predación económica do noso país por parte do que só pode ser chamado capitalismo colonial e resulta un movemento amplo e plural moi ben arraizado nas localidades e ao mesmo tempo comprensivo de toda Galicia como realidade diferenciada.
Non podemos esquencer que en 1964 xa a esquerda nacionalista (UPG) escomezara as súas accións directas e propagandísticas contra o sistema franquista combinando unha defensa da Terra e da auga do Miño coa denuncia do capital colonial e do capital monopolista de Estado no conflicto de Castrelo de Miño. Fagan memoria histórica.
Constituido o movemento Galiza non se vende, a lista dos obxectivos e puntos de denuncia é varia e céntrase no corazón magoado da nosa realidade natural e social: marbellización do litoral, recheos e contaminación das rías, degradación dos ríos, plan acuícola devastador, portos deportivos que enmascaran urbanizacións e apropiación privada da costa, plan eólico contra-natura, destrucción e privatización da Terra pola cobiza de graniteiros, louseiros e outras minarías (Ruina Montium actualizada), industrias nocivas (Reganosa, Ence, etc.), sistema de transportes primitivo e insostíbel, especulación xeneralizada, extinción programada da agricultura, pobreza de espazos naturais protexidos e abandono dos que hai, desprotección do patrimonio arqueolóxico, especialmente do prehistórico.
Estes e outras formas de malestar van sair a rúa na manifestación de Galiza non se vende do domingo 17 de febreiro. Coma nos grandes acontecementos patrios, desde o 25 de Xullo de 1968, a cita é á mediodía na Alameda de Santiago de Compostela, porque os sitios teñen memoria. Compre fixarse nisto: unha boa parte das críticas teñen como receptora a actual Xunta de Galicia, e estamos dentro dun acidulado clima electoral. Ao mesmo tempo, esta non vai ser unha manifestación en favor da bugallalismo e do franquismo de Rajoy Brey e do PP recuante e salaz. Todo o cal proxectará sobre os manifestantes de Galiza non se vende un feixe de luz rara. Eu espero que todo, os presentes e os ausentes, se decaten de que a protagonista da manifestación será non a “sociedade civil”, nin a “cidadanía”, senón algo tan distante desta palabra ou verba choca como é o Pobo Galego. Que o hai e está dotado de conciencia, anque a algúns lles doa na ialma.

X.L. Méndez Ferrín

 

9 Comments

  1. Un texto muy bonito,espero que haya una buena represantación “do pobo galego”,el cáncer es incurable,pero si tratable.

  2. Algúen pode explicar a posición do BNG en toda esta cuestión? Está en disposición de poñer fin ao mapa acuícola galego porque o PPdeG xa anunciou que votaria a favor da súa retirada. E a pesar diso os nacionalistas préganse aos intereses do PSOE, das multinacionais e do bipartito.

  3. Mirade o A Nosa Terra: “Os ecoloxistas saen a rúa”
    Que forma máis basta de minimiza-la problemática teñen estes do Bloque cando teñen moitas contas que render, como en Cangas co de Massó, plan xeral de Vigo, Reganosa, etc… Por non falar xa de que o BNG, por suposto, non apoia á mobilización do domingo e os intentos de ADEGA por evita-la saída do pobo galego á rúa. Que vergonza, nin un puto voto!
    O domingo estaremos alí.

  4. O que preocupa é ver como seguimos analizando políticamente as mobilizacións cando xa son UN FEITO e non unha estratexia.

    Qué significa a expresión: ‘proxectará sobre os manifestantes de Galiza non se vende un feixe de luz rara’

    ¿Será a mesma luz rara que asolaga ós que nos manifestamos a favor da Liberdade Lingüística no país?

    Será que certamente somos Pobo e pobo intelixente e milenario que sabe convivir co ‘inimigo’ a pesares dos pesares…!

    Senón como explicar esta repentina ‘marbellización do territorio’ potenciada por gobernos bipartitos que disque se chaman ‘galegos’?

    Será que convivir é algo moito máis intelixente que refuxiarnos en sectarismos que nos levan sempre a ser os ‘perdedores da historia’?

    Eu espero que ‘presentes e ausentes’ se decaten de que a protagonista por vez primeira nesta terra vai ser a SOCIEDADE CIVIL ENTEIRA !!!

    E só estando TODOS UNIDOS ó redor da Terra e o Mar seremos quen de defender un futuro sustentable na que seguramente é a Patria (ou matria) de tódolos galegos…!

    Cando esta terra sexa igual que calquera outra: non haberá máis pobo galego que aquel que dicte o DOG !

    O futuro non é negociable: os tempos son chegados de rematar coas SIGLAS da memoria… e plantar batalla democrática a peito descuberto en tódolos sectores da Sociedade Civil de Galiza !

    GALIZA NON SE VENDE !!!
    e os galegos e galegas tampouco !!!

  5. A maior abondamento… para mellor explicar o que digo, veño de atopar unhas liñas de Manuel Rivas escritas fai un ano, nas que dí:

    “O DESCONFORTADO: LINGUA E ECOLOXÍA
    Verbo de montes perdidos, e de faltas lingüísticas, o das canteiras nos montes do Courel. Aí si que tiñamos poñerlle dentes á linguaxe.
    No galego de Londres utilizase a expresión: “síntome desconfortado”. Sucede que despois da época do Dinosauro e do cambio de goberno, pasouse a unha especie de período de Confort.
    E a min esa preguiza democrática déixame desconfortado.

    Se hai unha prioridade lingüística, é a da defensa da natureza, das xentes e as cousas que esa lingua nomea. A sorte da lingua galega radica nesa imbricación ecolóxica coa sorte da terra.

    Na historia da lingua está a historia da paisaxe e do pobo. A lingua contén as pegadas que os seres humanos deixan no chan. A caligrafía coas curvas do desexo e as liñas quebradas da dor. Tamén a historia de cadaquén. O noso corpo é unha caixa de tipógrafo. As leis son importantes, mais as linguas xermolan, escintilan de novo, na utilidade esencial de nomear a festa e a ferida, a pulsión erótica e a pulsión da morte. Cando somos quen de que se adiante a expresar as crises e os conxuros. O malestar e a esperanza. Por iso, os manifestos copulativos deberían acudir os primeiros, coas verbas de urxencia, ás canteiras ilegais no corazón do Courel.”

    http://www.elpais.com/articulo/Galicia/porco/estranxeiro/heterodoxia/necesaria/elpepuespgal/20070223elpgal_24/Tes

    Ogallá mañán na Alameda de Compostela fóramos quén de expresar a ‘crise’ e formular o ‘exconxuro’ que levara ben lonxe ós ladróns da nosa terra!

    Para isto compre achegarnos espidos ó Monte Medulio !

  6. Este escrito parece mais um desabafo de saudade do que uma avaliamento científico da realidade no que atinge ao uso de certa retórica oca. Por exemplo, que Galiza seja umha colónia ecoa como nota falsa demais. Só um surdo e um cego nom perceberia. Como poderia sê-lo uma comunidade de escassamente 3 milhões de pessoas que se apanham para consumirem sem remorsos mais do que vinte países da África reunidos? Como chamar colónia a um pais que tem companhias multinacionais que saqueiam os mares e as terras da metade do mundo? Ou é que Fenosa, Pescanova e Inditex nom agem desse jeito? E as outras corporações espanholas nas que o capital galego também participa, nom tiram desses coitados uns super-benefícios que depauperam nações ricas por matérias primeiras? Pregoar que Galiza tem a mesma estrutura económica que há 70 anos, quando viviam Castelão e os galeguistas históricos, é, no mínimo, uma trapalhada enganosa. Nesse tempo podiam ser aplicáveis certas analises que agora som um despropósito. Nem nós nem o mundo som os mesmos hoje. Nom fai falta dizer que adiro à convocatória, que é justificada demais, sempre que nom se tente encobrir a responsabilidade das massas do nosso pais e de outros na devastaçom global.

  7. O que Ferrín chama “o novo conservacionismo galego”, que se dá “a man coa análise da predación económica do noso país por parte do que só pode ser chamado capitalismo colonial” non ten nada de novo. Ese “novo conservacionismo” non é máis que unha visión do ecoloxismo ao servizo dunha certa forma de entender o nacionalismo galego, ben pechada, esaxeradamente vitimista,… e non pouco produtivista, por máis que se lle encha a boca coa “defensa da Terra”.

    Ecoloxismo é defender o territorio propio, veñan de onde veñan as agresións. Algunhas veñen de fóra, mais grande parte delas son responsabilidade, en maior ou menor medida, de institucións, empresas e particulares galegos e galegas, nacionalistas ou españolistas. Pero é máis que defender a nosa terra. Pero tamén é defender un modelo de sociedade sostíbel, con formas de producir, de consumir, de viaxar,… moi diferentes das actuais. É dicir, tamén é preocuparse, por exemplo, pola redución dos residuos das pillas ou pola reciclaxe de papel, iso que para Ferrín parece ecoloxismo desgaleguizado.

    E tamén é, no caso dun país como Galiza, preocuparse pola destrución ambiental que provoca o pobo galego, a cidadanía galega,… co seu estilo de vida, maioritariamente consumista, aquén e alén das nosas fronteiras. Ou denunciar a destrución que provocan noutros países empresas galegas como Pescanova.

    A Galiza dos anos 60 “importaba” máis que “exportaba” agresións ambientais. Hoxe acontece o contrario. Recoñecer esta realidade e actuar en consecuencia non fai a ninguén que o sexa nin máis nin menos nacionalista galego.

  8. quero lelo con calma

  9. quero lelo con calma, non o fixen

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.