Pages Navigation Menu

Galiza Non Se Vende promoverá unha inciativa lexislativa popular no parlamento galego

Os movementos sociais galegos que nos opoñemos ao Plano Acuícola, queremos manifestar a nosa indignación polo desprezo amosado pola administración, xa que até o de agora a Consellería de Pesca nen sequera se dignou a recibir aos representantes dos máis de 60 colectivos e plataformas que denunciamos a insustentabilidade deste plano. No entanto, dende a Consellería de Pesca non se tivo reparo en manter varias xuntanzas coa patronal do peixe plano, incluindo xiras de “propaganda e formación” polas casas matrices dalgunha destas empresas transnacionais.
Logo da contundente mostra de dignidade popular acontecida en Corrubedo o pasado 4 de novembro, coa Marcha Nacional pola Defensa do Litoral, a Consellería de Pesca e nomeadamente a súa titular Carmen Gallego, segue negándose a recibirnos. Coa súa actitude, a conselleira está a ningunear os dereitos dun amplo sector da cidadanía que só pretendemos escoitar dos nosos governantes en primeira persoa as razóns para seguir defendendo o indefendíbel: un Plano Acuícola lesivo para o ambiente, a sociedade e os intereses económicos do país.
As nosas reivindicacións non son políticas: teñen que ver coa protección efectiva do patrimonio natural do litoral, das súas augas e costas virxes e do dereito a producir e aproveitar sustentábelmente os seus recursos. Fronte á cobiza dun modelo económico agresivo e insolidario como o que representa a piscicultura industrial intensiva que se nos quere impor, totalmente afastado da cidadanía e do noso desexo de camiñar cara a sustentabilidade, vémonos na obriga de reaxir contra o desleixo da administración.
Nese senso, manifestamos a nosa firme vontade de avanzar nas nosas reivindicacións para seguir defendendo os dereitos que nos asisten como pobo e a dignidade da nosa terra. Por iso, queremos anunciar públicamente que as nosas actuacións a partir de agora estarán orientadas a:
1.Facer ouvir a voz da cidadanía comprometida coa defensa do noso litoral para que sexa escoitada por un governo que, afectado de xordeira selectiva, pretende consumar mediante o Plano Acuícola a meirande destrucción do litoral da historia de Galiza. Diante desta xordeira, non temos outra saída que elevar a nosa voz para que sexa escoitada nos ámetos con capacidade para decidir.
2.Garantir a protección efectiva do litoral galego ameazado, das súas paisaxes, do seu patrimonio natural e cultural e do noso dereito aproveitar sustentábelmente uns recursos que o Plano Acuícola compromete de por vida, mediante todos os instrumentos legais ao noso alcanzo.
3.Esixir que a administración galega actúe efectivamente en defensa do interese público através dunha planificación económica e territorial sustentábel, na que prime a conservación dos recursos naturais propios e fomento dun tecido produtivo autóctono socialmente xusto e respectuoso co medio. Diante da deixación de funcións da administración e a apropiación indebida do noso litoral que representa o Plano Acuícola, vémonos na obriga de facer valer directamente os nosos dereitos.
Para conquerir estes obxectivos, alén de seguir exercendo novas accións lexítimas e non violentas de presión, das que daremos conta nas vindeiras semanas, os movementos sociais e ambientais anunciamos que estamos dispostos a presentar dunha Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa do Litoral -ILP- no Parlamento de Galiza.
Con esta ILP do litoral, que coidamos vai acadar un amplo apoio social, pretendemos correxir as manifestas eivas que en materia de protección do litoral ten a nosa lexislación, e garantir unha protección efectiva e permanente dos seus recursos. Neste senso, a Lei 6/2007, do 11 de maio, de “medidas urxentes” en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galiza, constitúe tan só unha feble declaración de intencións que non garante a protección efectiva e permanente dun medio sobre o que penduran aínda ameazas tan graves como Plano Acuícola. Se os nosos representantes políticos non son quen de garantir a protección do patrimonio e dos nosos recursos naturais, se non son quen dar resposta ás demandas da cidadanía neste senso, teremos que ser nós mesmos/as quenes exerzamos de xeito directo a capacidade de lexislar.

Información sobre a rolda de prensa en  GZnación   Galicia-Hoxe

4 Comments

  1. Estas xustas reivindicacións son políticas, teñen que ver cunha concepción da política, e no só no ámbeto medioambiental, senón, de xeito moito máis ampla, cunha determinada cultura do territorio. É hora xa que deixemos de acomplexarnos á hora de emplear o termo

  2. É unha interesante discusión a que propón leo.
    Para mín, hai unha liña ben clara entre as actuacións puramente profesionais ou cidadáns das políticas. Ir a votar, para min, non é política; que un funcionario actúe no desenvolvemento do seu traballo con criterios profesionais, non é política; que eu reclame o cumprimento dun programa electoral, non é política; que eu teña un ideario sobre o que penso que é mellor, non é política; que unha persoa ou un grupo de persoas propoñan publicamente o seu ideario co fin de postularse para un cargo público, sí é política; e si actúo co fin de que unhas determinadas siglas obteñan poder político, estou facendo política.
    E algo parecido a ter espiritualidade ou ser relixioso.
    Penso que é moi importante para un movemento como o noso fuxir da etiqueta de político. Non só de selo, tamén de parecelo. E por fins básicamente prácticos, temos que reclamar a estes e aos que veñan detrás. E suportando siglas concretas, lles daríamos a mellor das escusas para rexeitar nosas peticións.
    Aceptanse pedras e paus sobre as miñas opinións. Procurarei defenderme.

  3. entón tiago, cómo deberiamos chamar a esas actividades “non políticas?, de lecer e tempo libre? A participación cidadá á través dos mecanismos representativos, das institucións ou nas movilizacións poden non ser partidistas, pero sempre implican unha toma de posición, fanse desde unha postura ideolóxica.

  4. Non estou seguro de cal e o significado “ortodoxo” da palabra política, dende logo non me vale o de que política é todo, si alguén vai a protestar porque lle deron catro anos de lista de espera para unha operación, esta persoa non esta en tempo de lecer, nin quere cambiar o mundo, quere que os seus dereitos sexan respectados. E si te elixen para un cargo nunha asociación sen ánimo de lucro, ou deciden a sortes o posto, os teus obxectivos non teñen por qué ser políticos. Outra cousa é que na política aparecen contradicións como pode ser a dun partido “anarquista”. Eu sería partidario de clarificar o termo e ilo arrinconando como se esta a facer coa relixión. Política é o uso do poder, e na súa práctica miramos que é o “poder” o que usa da política. Ideoloxía temos todos/as, o que queremos é nos deixen liberdade coa nosa ideoloxía e que xestionen ben (profesionalmente) os recursos comunitarios. Xa estamos fartos de mesías, charlatáns, manipuladores e ladróns a secas. É triste dicir que nos contentamos con que se cumpran as leis.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.