Pages Navigation Menu

GNSV ocupa edificios públicos para denunciar a catástrofe medioambiental que ameaza o territorio galego

Coincidindo co sexto aniversario da maior devastación ecolóxica que tivo lugar no noso país, a rede Galiza Non Se Vende alerta dun novo “Prestige” que navega polas augas dos mercados capitalistas ata as consellarías da Xunta. Para denunciar esta ameaza medioambiental, activistas de GNSV pecháronse esta mañá en diversos edificios públicos das principais cidades e vilas galegas.

Baixo o lema “Goberne quen goberne. Galiza non se vende” os activistas queren denunciar as políticas continuístas que seguen vendendo o País a intereses escuros, depredando, aplicando modelos traídos doutros lugares, provocando que Galiza perda de vez a súa idiosincrasia e se afiance nunhas prácticas económicas, agrícolas, paisaxísticas, medioambientais,  enerxéticas, territoriais, relacionais… que nada teñen que ver coas necesidades do País e das súas xentes, coa vida digna de quen hoxe habita a Terra e de quen poda vir despois.

 

 Relación de edificios ocupados:

– Ferrol: Edificio do Concello.
– Mugardos – Edificio do Concello.
– Vigo: Edificios Administrativos da Xunta. r/ Concepción Arenal.
– Compostela. Consellería de Medio Ambiente.
РA Coru̱a. Edificio Administrativo da Xunta en Monels.
– Ribadavia. Concello de Rivadavia.


Manifesto dirixido á cidadanía galega

Hai seis anos un barco-lixo carregado de fuel-lixo viaxaba de Europa a África. Un accidente fronte às costas galegas foi transformado en catástrofe por gobernantes incapaces e autoritarios, agachados tras a propaganda e a mentira. A cidadanía saíu á rúa como nunca antes fixera. Non se podía repetir esa destrución ambiental. Non se podía repetir esa forma de gobernar.

Apoiada naquela vaga de dignidade cidadá, a mudanza acabou por chegar ao goberno autonómico. Custou traballo ventilar aquela apodrecida Elsinor. Agora, seis anos máis tarde, o pantasma do pai de Hamlet vaga desacougado polos corredores pedindo vinganza. Mudou o goberno, pero… mudaron as políticas?

Non é a primeira vez que se conmemora tan fatídico día. Hoxe tamén hai acto oficial: forma parte dun ritual cínico, no que só se bota a vista atrás para seguir tirando proveito daquela traxedia á que non se debería chamar accidente. Claro que non debemos esquecer. Nós tampouco esquecemos. Non esqueceremos nunca como centos de milleiros de galeg@s berramos NUNCA MÁIS, convencidos de que de alí en diante algo había mudar definitivamente.

Que pouco aprendemos daquela experiencia! Neste novo 13 de Novembro denunciamos que temos dentro un perigo moitísimo maior, con efectos que son calquera cousa menos “accidentais”.

Porque se gravísimos, case irreparables, foron os danos provocados por aquela catástrofe, non menores son os que cabe agardar das políticas continuístas que seguen vendendo o País a intereses escuros, depredando, aplicando modelos traídos doutros lugares, provocando que Galicia perda de vez a súa idiosincrasia e se afiance nunhas prácticas económicas, agrícolas, paisaxísticas, medioambientais, enerxéticas, territoriais, alimentarias, relacionais, etc… que nada teñen que ver coas necesidades do País e das súas xentes, coa vida digna de quen hoxe habita a Terra e de quen poda vir despois.

Pero ben lonxe de marcar claramente distancias coas viciadas e denostadas políticas anteriores, o goberno “bipartido” da Xunta de Galicia seguíu apostando por un vergonzoso continuísmo, caendo nas mans do capitalismo máis depredador en vez de apostar decididamente por estudar e aplicar modelos de sustentabilidade ecolóxica e xustiza social acordes coas demandas de Galicia e d@s galeg@s. Mesmo a actual crise pon de manifesto a febleza de todo o sistema económico que, baixo a etiqueta de progreso, o que fai é vender os nosos recursos ás grandes transnacionais, hipotecando o noso futuro e atacando as bases da nosa propia soberanía.

Denunciamos con toda contundencia:

  • Recheos inxustificados e alarmante contaminación urbana e industrial nas rías
  • Degradación dos ríos por contaminación e encoros
  • Plan acuícola devastador de costa virxe
  • Plan de portos deportivos privatizador e destrutor da costa
  • Plan eólico deseñado para os intereses empresariais
  • Plan de minaría destrutor do rural e cuestionábel rehabilitación de zonas mineiras mediante a construción de megalagos (Meirama, As Pontes)
  • Degradación continuada do Courel, Ancares e Trevinca
  • Urbanismo masificador e salvaxe
  • Industrias perigosas e contaminantes: Reganosa, Ence, Endesa, Elnosa, Alcoa, Megasa, Meirama, SOGAMA, Ferroatlántica, Carballeda de Avia, etc.
  • Plan de residuos destrutor de chan rústico e ambientalmente inviabel
  • Proliferación desmesurada de polígonos industriais sen planificación
  • Plan de vivenda protexida especulativo pensado para os promotores
  • Plan de estradas sobredimensionado e irracional
  • Plan Vigo Íntegra deseñado para as construtoras
  • Directrices de Ordenación do Territorio ilegais feitas sen contar coa participación cidadán
  • Modelo de transporte insostible e destrutor (TAV, transporte privado..)
  • Abandono do rural, eucaliptización e desmantelamento da agricultura e gandería
  • Intento de desmantelamento do sector pesqueiro ( Lei de Pesca)
  • Desprotección insultante do medio natural e da Rede Natura
  • Degradación acelerada da paisaxe, desaparición de espazos singulares (Fragas do Eume, Covas do Folón, Gándaras de Budiño..)
  • Falta de compromiso real na recuperación dos núcleos históricos das vilas
  • Desprezo ao patrimonio cultural (V.A.C. Costa da Morte, A-76, destrución de castros..), despilfarro no Gaiás
  • Plans urbanísticos masificadores e especulativos e áreas metropolitanas depredadoras e desestruturadoras do territorio
  • Control interesado dos medios de comunicación e amordazamento das opinións críticas
  • Desprezo ao ben común, parcialidade interesada cara ao gran capital
  • Cultivo do clientelismo electoral
  • Parcialidade do estamento xudicial e desprotección do débil

E fronte a isto esiximos un cambio de rumo inmediato que poña a sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social no centro das políticas, que sitúe ás persoas e ao ambiente por riba do lucro, que dialogue e avance na democracia participativa e reflexiva… Que supere o actual sistema (auto)destrutivo e a súa acumulación de crises, construíndo unha Terra viva e unha vida digna para tod@s.

Goberne quen goberne, Galiza non se vende!

Terra viva e vida digna para tod@s!

Última hora: dous detidos en Vigo polas forzas de seguridade que actuaron violentamente contra os pechados. Todos eles foron identificados pola policía e negoúselles o dereito a presentar un escrito no rexistro. O peche dos activistas foi pacífico en todo momento e non se comprende a actitude violenta da policía que chegou a rachar a pancarta de Galiza Non Se Vende

5 Comments

  1. parabéns,

    governo responsável

    manterse á maxe das agresións que este governo permite e promove hoxe seria como manterse á marxe diante da crise do Prestige hai seis anos.

    Alá cada un coa sua conciéncia. O BNG e o PSdG son responsábeis. E quem cale ou mire para outro lado é complice.

    Por iso, adiante xente de Galiza non se Vende, coa vosa integridade e dignidade en defensa da terra.

  2. BNG Terrorista

  3. Home Jacinto:

    Se por terrorista se entende a aquela persoa ou grupo de persoas que lle entran a un na casa cargados de dinamita e material pesado para destruila palmo por palmo co obxectivo de enriquecerse…

    Se isto o fan desde unha posición de poder, amparados no monopolio da violencia… e o monopolio da democracia… Non me cabe a menor duda de que os partidos políticos (todos) deste país son algo moi parecido ao que ti dis.

    A xeración responsable do cambio climático mundial, da actual vaga de fame mundial, da inminente destrución da nosa terra poderá votalos, poderá chamarlles gobernantes, aclamalos… poderán golpear ao disidente… pero non o van calar con demagoxias.

  4. Esta é a nova publicada hoxe polo País.Pregúntome se alguén que recibe tantas dádivas do poder pode ser crítico con este. Outra incoherencia de ADEGA: o cabreo que amosou polas subvencións á FEGAMA non era polo inxusto da medida; era por que ansiaba esa prebenda.
    A organización ecoloxista Adega vinculada ao BNG que acusa á Consellería de Medio Ambiente de discriminación na repartición de subvencións incrementou exponencialmente as súas axudas tras a chegada do bipartito. Se no exercicio 2005, último mandato de Fraga, ingresou 168.000 euros, dous anos máis tarde esa partida incrementouse ata 416.000 euros. Unha porcentaxe significativa dese montante (120.000 euros) parte de convenios sen publicidade asignados polas consellerías e entes paralelos que xestiona o Bloque na Xunta.

    Entre as partidas figura ata unha subvención outorgada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente de Industria, por 38.870 euros. Segundo figura no Diario Oficial de Galicia, este organismo sufragou a campaña Fogares Verdes, de concienciación sobre o aforro enerxético na que participou a concellaría de Medio Ambiente de Santiago, que xestiona tamén o BNG.

    Onte mesmo a Consellería de Vivenda, que preside a nacionalista Teresa Táboas, anunciou outro convenio con Adega por 64.500 euros para a rehabilitación dunha vivenda en Agolada que servirá para albergar un centro de educación e recuperación ambiental.

    A resolución do pasado 10 de marzo de 2008 da Secretaría Xeral de Relacións Institucionais para dar publicidade aos convenios de colaboración subscritos por Vicepresidencia detalla que o departamento de Anxo Quintana tamén concedeu en xullo do ano pasado unha axuda de 25.000 euros “para o desenvolvemento do programa de educación para a sustentabilidade dos ríos, Proxecto Ríos”.

    Esa mesma campaña tamén recibiu unha achega de 40.000 euros da Consellería de Medio Ambiente que dirixe o socialista Manuel Vázquez. A entidade ecoloxista tamén asinou á súa vez un convenio coa Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) e a entidade Amigos dá Terra por un importe de 61.800 euros para fomentar a compostaxe. O secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, explicou onte que a súa entidade, sen ánimo de lucro, ten todo o dereito a asinar convenios que serven para levar a cabo programas de educación ambiental.

    “Adega finánciase coas cotas dos seus militantes e agora desde que se aprobou a Lei de Transparencia, os convenios poden consultarse na páxina web da Xunta”, sinalou Eirexas. “O Goberno galego tamén financia a través desta mesma fórmula a medios de comunicación, bancos e empresas”, agregou.

  5. Olá! Informo-lhes de que a minha conta no YouTube fora fechada e, consequentemente, um dos vídeos que tinham ligado sobre os feches de GNSV nom furrula.

    Criei umha outra conta e esta é a ligaçom desse vídeo, se é que o querem ligar: http://www.youtube.com/watch?v=lq1bVIzqvrk

    Um saúdo, e parabéns pola sua labor a todas as pessoas que conformam a rede GNSV.

    Governe quem governe, Galiza NOM se vende!!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.