Pages Navigation Menu

GNSV pide a dimisión do Conselleiro de Medio Ambiente

Manuel Vázquez, Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta, en declaracións recollidas polos medios respecto á manifestación de GALIZA NON SE VENDE que tivo lugar o domingo en Compostela afirma que os manifestantes “non representaban á sociedade galega senón que defendían intereses particulares: Só ían polo que hai do meu”.

Lonxe de responder aos argumentos de GNSV, expresados no manifesto e no comunicado, prefire descualificar aos milleiros de galeg@s que democraticamente e facendo gala dun enorme sentido da responsabilidade (entendida esta como unha actitude cívica de defensa do patrimonio natural e do medio ambiente) esiximos un cambio de rumbo.

Este conselleiro que aproba a instalación da celulosa nas Pontes, que emite informes favorabeis á instalación de piscifactorías en espazos protexidos e legaliza as minas ilegais do Courel, que pecha os ollos e da para adiante a aberracións ecolóxicas como o PXOM de Vigo e outros, e que esta facendo desaparecer pola porta de atrás calquera tipo de protección para decenas de miles de hectáreas do Rexistro Galego de Espazos Protexidos, non pode ser conselleiro de medio ambiente.

É certo que os manifestantes defendemos o noso, pero entendendo isto (o noso) como o que é de todos os galegos e galegas. Mentres o conselleiro defende os intereses do capital, nós defendemos a nosa costa, o Parque Natural do Courel e o das Fragas do Eume, a seguridade e a vida na Ría do Ferrol, o Parque Rosalía de Lugo, as paraxes naturais, a saúde e unha mellor calidade de vida. Eses son os “intereses particulares” que nos levaron a Compostela.

O Sr. Conselleiro tamén tacha a manifestación de “electoralista”. Algo notable e sorprendente cando ningún dos colectivos convocantes se presenta nin se presentou nunca a eleccións de ningún tipo, e máis cando podemos dicir, sen medo a equivocarnos moito, que o 80% dos participantes na protesta son (ou eran) votantes dalgún dos partidos que conforman o goberno do que o Sr. Conselleiro forma parte.

Pero a guinda das súas desafortunadas declaracións ven ser esta cínica pregunta: ¿Onde estaban estes colectivos cando gobernaba o PP?

Cando gobernaba o PP algúns dos nenos asistentes á mobilización de Galiza Non Se Vende, aínda non naceran. Outros, xa hoxe mozos e mozas, lembrábanse o domingo daqueles días do Prestige, cando eles eran nenos e ían cos seus pais ás manifestacións. Outros, chamados por entón heroes, estaban na costa collendo chapapote coas mans, coordinando a milleiros de voluntarios/as e berrando Nunca Máis en Compostela. (¿Lémbrase daquilo o Sr. Conselleiro?). E outros, hai ben pouco, apagando lumes, ou recollendo cinzas, ou, xa que falamos de tempos máis recentes, paralizando piscifatorías a Álvarez-Cascos mentres a súa consellaría miraba para outro lado e, escusándose na herdanza do anterior goberno, desistía de exercer o dereito de retracto. Outros chegaron máis tarde e aínda han chegar máis.

Entón ninguén era oportunista.

Algúns veteráns xa nos deixaron, aínda que permanecen para sempre no noso recordo. Levamos aquí moito tempo e xa non tragamos máis.

Pero o importante é que estamos AQUÍ E AGORA, e máis que oportunistas, chámenos oportunos. Pois o Caurel, non espera, o parque Rosalía non espera, as nosas costas non esperan, o Ribeiro non espera, Reganosa non espera, o plano acuícola non espera, Galicia non espera.

Porque se esperamos, non haberá remedio.

¿Como pode dicir un conselleiro que máis de setenta colectivos son oportunistas? ¿Como pode dicir que entre 6.000 e 10.000 persoas que se
manifestaron son oportunistas? ¿Coñéceos a todos?

¿Remata o dereito a manifestarse libremente?

¿Por que entre os manifestantes había xentes de tódolos partidos e opcións de voto? Porque teñen vostedes un problema: xa non tragamos máis.

Xa hai moito que o Sr. Vázquez ten un suspenso en medio ambiente, pero agora ten outros dous: en democracia e en respecto á cidadanía e por iso esiximos a súa dimisión.

 

Goberne quen goberne

 

GALIZA NON SE VENDE!!

 

No Comments

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.