GNSV pide a retirada do Plan Director das Instalacións Náutico Deportivas de Galiza
A rede Galiza Non Se Vende presentou un conxunto de alegacións ao Plan Director das Instalacións Náutico Deportivas de Galiza. Fundamentándose nunha serie de apreciacións, GNSV solicita que se retire o plano Director de Instalacións Náuticas Deportivas, e se paralice a construción de calquera tipo de instalación náutico deportiva en Galiza.
Que se realice un novo Plan establecendo orden no caos actual, retirando as actuacións ambientalmente nocivas e as que non se axustan á legalidade e orzamentando un plan de recuperación ambiental dos danos ocasionados.
Que ao amparo da lexislación en materia de procedemento administrativo común se teñan en conta estas alegacións no expediente do tema, se nos notifique todos os actos administrativos que se decidan co obxectivo de formular alegacións, suxerencias, etc. e no seu caso, os recursos que procedan así como todo tipo de medidas para defender o noso litoral e os nosos espazos protexidos.
Estas son as principais consideracións que GNSV esgrime para rexeitar o plan.
O Plan Director proposto conculca o disposto na Constitución Española, e nas Leis de que dela emanan, no referente á utilización do dominio público marítimo-terrestre, patrimonio común de todos os cidadáns galegos, españois, europeos e de todo o mundo.
Un plan feito á medida de intereses concretos
O proxecto presentado vai destinar unha gran cantidade de fondos públicos para a realización dunhas infraestruturas que non van estar ao servizo da maioría do pobo galego. Máis ben o que se nos presenta é unha privatización do mar e do seu litoral para satisfacer as necesidades recreativas dunha elite con capacidade económica e as contas de resultados de toda unha xeira de empresas construtoras que obterán grandes beneficios cos contratos de obra pública pagados con cartos públicos do Plan.
Un plan malversa diñeiro público
A postura das Administracións Públicas non debe ser a de escorrer o vulto ou competir por ser quen menos protexe, senón garantir a conservación dun patrimonio que o merece e debe ser orgullo de todos.
Un plan caótico sobre unha situación actual caótica
As actuacións realizadas durante os últimos trinta anos sobre os portos galegos supoñen no seu conxunto un atentado de primeira magnitude sobre o patrimonio natural, histórico e paisaxístico que nos pertence a todos e todas.
A parte das necesarias ampliacións de abrigo que aumenten a seguridade dos portos, a política realizada foi a de efectuar recheos masivos que modificaron brutalmente a fisionomía dos nosos pobos, vilas e cidades con fins populistas unhas veces, para crear ilegais e antiestéticos aparcamentos e paseos en primeira liña de costa, ou como masiva creación de terreo industrial de baixo custe pagado con cartos públicos. Moitas veces eses recheos fanse eliminando lámina de mar protexida, co que a espiral construtiva é imparable.
A isto seguíu unha invasión de pantaláns, tamén pagados con cartos públicos, cos que empresas privadas obtiveron grandes beneficios, que privatizaron o espazo público sen o máis mínimo respecto aos valores históricos e de paisaxe ou á utilización racional do espazo público.
Todas estas obras produciron fortísimos impactos na calidade natural das nosas rías, afectando a bancos marisqueiros e pesqueiros, a zonas de cría e á dinámica xeral de correntes.
Un plan que ratifica os erros anteriores
Preténdese darlle cobertura legal a proxectos xa realizados e outros aínda en proxecto de anos anteriores que afectan a espazos naturais protexidos e/ou a zonas costeiras de alto valor produtivo polos seus recursos pesqueiro-marisqueiros, paralizados no seu momento na súa tramitación, xa que foran denunciados e alegados na súa contra por colectivos sociais, confrarías e mesmo pola propia administración.
Un plan de ínfima calidade técnica
O Ente Público Portos de Galicia xustifica o Plan Director para atender as necesidades cuantitativas e cualitativas da demanda de uso náutico-recreativo, desde unha perspectiva racional, sostible e respectuosa co medio ambiente, e que sirva de axuda na planificación do litoral galego en canto a este tipo de instalacións.
Pois ben, estas supostas necesidades baséanse fundamentalmente ao parecer, en enquisas realizadas a usuarios náuticos, enquisas a turistas náuticos (Salón Internacional de París, Salón Náutico de Barcelona…), entrevistas a concesionarios de instalacións e axentes do sector (asteleiros náuticos, comercios de náutica…), e enquisas a Concellos costeiros (non os relacionan), un total de 400 persoas (un 0.014% da poboación galega), pero para nada se ten en conta ó resto da poboación galega afectada (mariñeiros, bateeiros, mariscadores, sector turístico, hoteleiro, transporte marítimo, etc.)
Un plan privatizador, especulador, financeiramente indefinido, sen solucións racionais, e destrutor dos recursos pesqueiros, naturais e paisaxísticos. En suma, un plan insostible.
Comentarios recentes