GNSV presenta alegacións ao Plan de Ordenación do Litoral
A Rede de colectivos ecoloxistas, de acción social e de defensa cultural Galiza Non Se Vende, constituida por 66 asociacións e colectivos de todo o País, presentou o día 30 de setembro de 2010 ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Documento de Alegacións ao Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (POL).
O Plan de Ordenación do Litoral aprobado inicialmente pola Xunta de Galicia afonda nas eivas do Modelo Territorial proposto polas Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) e materializa as súas graves consecuencias sobre o litoral galego.
Como é habitual nos documentos de planificación da Xunta, sexa cal for o goberno que a ocupe, os obxectivos teóricos do POL en canto a racionalidade e sustentabilidade son declaracións baleiras que se contradícen coas súas determinacións reais.
O POL, como as DOT, subordina a preservación da natureza; o uso racional e sustentable dos seus recursos; a equidade social e a propia identidade vital e cultural de Galicia como País ás necesidades do capitalismo globalizado, un sistema irracional, intrínsecamente insustentable e depredador, que considera o territorio e a natureza como unha mera fonte de beneficio económico.
Baixo unha falsa apariencia de protección, o POL pretende desatar unha serie de medidas desreguladoras que agravan a actual permisividade ata consentir casi calquera actuación urbanística, industrial comercial ou infraestrutural en case calquera lugar da costa galega.
Deste modo, o POL únese a un conxunto de ferramentas lexislativas e de planificación que o poder político-económico está facendo caer sobre Galicia: A recente modificación da Lei do Solo e o proxecto dunha nova Lei aínda máis desreguladora; o proxecto duha nova Lei de Montes, que pretende acabar coa secular propiedade comunal; o Plan Galego de Acuicultura, pretende ocupar a costa exterior de Galicia; o Plan Sectorial Eólico de Galicia, cuxo ámbito é varias veces máis extenso que a Rede Natura e carece de avaliación ambiental estratéxica; o Plan de Infraestruturas Náuticas de Galicia; o Plan Director de Estradas de Galicia e o chamado Plan MOVE, que non foron legalmente aprobados; as explotacións mineiras, un dos máis importantes factores da degradación do territorio galego, e cuxa avaliación ambiental pretende eludirse; o Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, que anula a iniciativa lexislativa popular En Defensa dos Ríos aprobada polo parlamento galego no ano 2005.
A aplicación do POL suporía a degradación ambiental, biolóxica, xeolóxica, hidrolóxica e paisaxística do litoral galego; a súa degradación etnográfica, patrimonial e arqueolóxica; a degradación física e social das parroquias; a destrución dos modos de vida vencellados ao territorio, que hoxe son desprezados e que mañá, segundo todos os indicios, serán desesperadamente necesarios. O modelo territorial do POL suporía á destrución da cultura e dos sinais de identidade do litoral galego, pois provocaría a destrución do seu soporte material, da súa pegada histórica e da posibilidade da súa actualización e continuidade.
Por todo o devandito, GNSV considera que as demandas expostas no seu Documento de Alegacións son incompatibles co POL aprobado inicialmente.
En consecuencia, Galiza Non Se Vende solicita da Xunta de Galicia a retirada do Plan de Ordenación do Litoral aprobado inicialmente, e a elaboración dun novo POL, racional e sustentable, elaborado con verdadeira participación democrática.
Galiza Non Se Vende solicita, asimismo, que mentras non se elabore o novo POL se manteña a franxa de protección do litoral de 500 m establecida pola Lei 6/2007.
One Comment
Trackbacks/Pingbacks
- GNSV presenta alegacións ao Plan de Ordenación do Litoral - [...] GNSV presenta alegacións ao Plan de Ordenación do Litoral galizanonsevende.org/?p=1023 por Socram o 08:28 CEST [...]
Ben feito!
Gostaríame chamar a atención sobre as declaracións do concellal de tráfico de Vigo sobre a última estupidez electoral que seica van denominar “Carril Verde” e que agocha a DISCRIMINACIÓN DA BICICLETA en Vigo.
Prégovos remitir comentarios á nova publicada no Atlántico Diario, coa intención de facelos chegar ao Pleno do Concello de Vigo. Gracias.
http://www.atlantico.net/noticia/112245/carril/gran/via