GNSV presenta alegacións ao Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa
Este novo plan, cun investimento de 1542,73 millóns de euros, virá sustituir ao Real Decreto 103/2003, actualmente en vigor, co fin de adaptalo ós mandados da Directiva Marco Europea da Auga.
Entre as previsións que se manexan neste borrador está a de sumar 33 novas minicentrais máis ás 74 que están en funcionamento na actualidade, o que botaría a baixo a suspensión decretada en 2005 polo Decreto 555/2005 aprobado no Parlamento galego grazas a unha Iniciativa Lexislativa Popular elaborada por un amplo movemento social.
Este plan hidrolóxico compromete seriamente a conservación dos nosos ríos e a biodiversidade que estes albergan. Carece dunha visión global dos danos que os impactos derivados dos aproveitamentos hidrolóxicos producen sobre as masas de auga e o seu hábitat.
Dende GNSV consideramos imprecindíbel:
Que se fagam estudos rigorosos dos custos ambientais e sociais asociados ás infraestruturas hidroeléctricas e que se poñan en marcha plans de control, conservación e recuperación da biodiversidade fluvial e dos ecosistemas acuáticos, assi como plans de restauración dos humedais.
Que se contemple unha mudanza nas políticas enerxéticas, fomentando a cultura do aforro, a eficiencia na xestión e a suficiencia enerxética, procurando o mínimo impacto ambiental.
Que se declaren os ríos galegos como zonas libres de novos aproveitamentos hidroeléctricos e que se revisen os expedientes das concesións daqueles aproveitamentos que supoñan un deterioro no bo estado das masas de auga fluviais. Que se actue en consecuencia desmantelando aquelas infraestruturas nocivas para os nosos ríos.
Que se aplique integramente o expresado na ILP aprobada mediante o Decreto 555/2005
Que se poña en marcha unha política de saneamento e recuperación eficaz dos cursos de auga fluviais e augas superficiais priorizando a prevención da contaminación assi como a reutilización eficaz das augas.
No Comments
Trackbacks/Pingbacks