Pages Navigation Menu

GNSV presentou alegacións contra o plan sectorial de Barreiros e pide a súa retirada

A rede Galiza Non Se Vende entregou hoxe na Consellaría de Medio Ambiente as alegacións contra os intentos da administración de legalizar milleiros de vivendas ilegais en Barreiros, o chamado “Plan sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de saneamento, abastecemento e rede viaria no concello de Barreiros”.

 

Para poder materializar o convenio que Xunta, Deputación e Concello de Barreiros asinaron polo cal vanse investir 14 millóns de euros en dotar de infraestruturas as urbanizacións declaradas ilegais pola Xustiza, é preciso aprobar o plan sectorial de incidencia supramunicipal, un plan que debería demostrar que as infraestructuras, dotacións e instalacións de interese público transcenden o termo municipal no que se localizan. Pola contra, o informe da Xunta limítase a atribuírlle este carácter supramunicipal sen aportar máis que unha explicación tan fraudulenta como inducir sobre os concellos limítrofes o impacto socioeconómico do Plan en cuestión. O certo é que as infraestruturas proxectadas están limitadas xeograficamente ao propio concello de Barreiros e non teñen ningún alcance sobre os concellos limítrofes. Ademais para declarar a incidencia supramunicipal do plan deberían terse en conta os aspectos positivos que este tería para para o ambiente, a paisaxe rural e o patrimonio cultural. Obviamente os resultados derivados da urbanización masiva teñen un sentido oposto ás directrices do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

 

O informe presentado pola Consellería de Medio Ambiente tenta xustificar a necesidade das dotacións en base ao elevado número de habitantes que augura para a época estival. E para facelo non repara en botar man da falacia: como se van construír milleiros de vivendas, a tres persoas por vivenda e 240 litros/persoa e día, compre equipar Barreiros coas dotacións necesarias. Dun plumazo o goberno galego resolve os problemas demográficos das vilas galegas: a maior cantidade de vivendas, maior número de habitantes. Ignora, ou quere ignorar o executivo, que milleiros de vivendas construídas están sen comprador e que a crise que afecta ao sector vai incrementar aínda máis o número de vivendas baleiras. Convén lembrar por outra banda que Barreiros padece unha evolución descendente da poboación durante os últimos trinta anos, período no que pasou dos 4.138 habitantes ata os 3244 do ano 2009.

 

As alegacións presentadas tamén fan mención ao elevado custo, tanto económico como medioambiental, que suporían as infraestruturas proxectadas. A este respecto convén lembrar a Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia que no seu preámbulo recomenda a xestión responsable dos recursos naturais e a protección do medio natural que faga compatible a satisfacción das necesidades crecentes de recursos e a súa conservación, así como o respecto ás peculiaridades propias de cada comarca en canto ás súas formas de vida. A principal fonte de abastecemento sería o Masma, un río que transcorre pola Rede Natura con problemas de contaminación e desaconsellado para a súa sobreexplotación.

 

Pero ao custo medioambiental hai que engadir outro non menos importante: o económico. De levarse a cabo o plan sectorial de Barreiros co conseguinte investimento de aproximadamente 14 millóns de euros que a Xunta de Galiza, xunto co Concello de Barreiros e a Deputación de Lugo, teñen previsto gastar para encarar a construción das referidas infraestruturas, estariase a incorrer nun delito de malversación de fondos públicos por parte das devanditas administracións. Porque malversación é sufragar os gastos de urbanización que os promotores deberían acometer, sendo este desleixo o que provocou a anulación das licenzas por parte dos xuíces.

 

E precisamente son as sentenzas xudiciais as que cuestionan o papel da administración ao procurar a aprobación do plan sectorial. En Barrreiros estase a legalizar delitos xa probados pola xudicatura. O poder político está a menosprezar e a burlarse do poder xudicial. Dase o paradoxo de que en lugar de acatar as sentenzas xudiciais, velar polo estrito cumprimento da lei e obrigar a repoñer a legalidade, o goberno sae en defensa dos delincuentes urbanísticos investindo 14 millóns de euros para acometer unhas obras que os promotores deberían ter feitas. Concúlcase a legalidade e non se acatan as sentenzas xudiciais, razóns dabondo para sospeitar da licitude do plan de Barreiros.

 

Sobran pois argumentos para esixir a retirada do plan sectorial que permitiría aos promotores urbanísticos seguer coa desfeita que comezaron na mariña luguesa, que faría unha xestión irrespònsábel dos recursos naturais,  que desprotexe e atenta contra o patrimonio natural de Barreiros, que destrúe o valor máis prezado, a paisaxe, e que conculca a lexislación vixente sobre disciplina urbanística e menospreza a xurisprudencia que emana das sentenzas xudiciais.

No Comments

Trackbacks/Pingbacks

  1. Galiza Nom Se Vende apresentou alegaçoes contra o plano sectorial de Barreiros - [...] Galiza Nom Se Vende apresentou alegaçoes contra o plano sectorial de Barreiros galizanonsevende.org/?p=1054  por beto o 23:32 CET [...]
  2. Reganosa Demolizón » GNSV presentou alegacións contra o plan sectorial de Barreiros e pide a súa retirada | Contra reganosa - [...] Tirado de GNSV: [...]
  3. Galiza Non Se Vende » Blog Archive » Encúmbrase a inxustiza en Barreiros - [...] goberno denunciou e os xuices declararon ilegais. De nada serviron as alegacións presentadas por GNSV, Fusquenlla e outras organizacións…

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.