Pages Navigation Menu

Honduras: un ano do golpe, un ano de resistencia popular

Co gallo do cumprimento dun ano do golpe de estado, diferentes organizacións galegas promoven unha semana de solidariedade coa resistencia hondureña

Entre as actividades programadas destacan as proxeccións do documental “QUIEN DIJO MIEDO. Honduras de un golpe” en Ferrol, Compostela e Coruña

 Cando nos atopamos a pouco máis dunha semana para que se cumpra un ano do secuestro á institucionalidade democrática e a vontade popular en Honduras, diferentes organizacións sociais galegas poñen en marcha unha Semana de Solidariedade coa Resistencia Hondureña.

  O obxectivo principal é recordar que a represión e persecución de persoas vinculadas a movementos sociais e que a vulneración de dereitos humanos e civís en Honduras seguen vixentes a día de hoxe, pese ao aparente verniz democrático que luce o actual goberno de Porfírio Lobo.

De feito, na súa segunda visita in loco en maio deste ano a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) constatou que as violacións seguen producíndose na actualidade. Pola súa banda, as organizacións de dereitos humanos de Honduras reportan un total de 8 xornalistas asasinados e máis de 700 violacións de dereitos humanos que van dende ameazas, atentados, secuestros, violacións e ataques contra medios de comunicación independentes.

 Para chamar a atención sobre esa situación de socavamento de dereitos, máis tamén sobre o proceso de mobilización popular fronte ao golpe e aos seus herdeiros políticos, e da súa loita camiño á convocatoria dunha Asemblea Nacional Constituínte que sirva de marco ao proceso de refundación nacional, os colectivos ACSUR- Las Segovias, AMARANTE Setem, CEDEC, Cosal, Coordinadora de Crentes Galegos, Fuco Buxán Asociación Cultural e Whipala organizan diferentes actividades de apoio e solidariedade coa poboación hondureña en resistencia.

 Estas actividades pivotarán sobre a proxección en diferentes localidade do documental “QUIÉN DIJO MIEDO. Honduras de un golpe da directora e guionista Kátia Lara, estreado a pasada semana en cidades como Buenos Aires, La Paz, Managua e Hamburgo. As proxeccións estarán acompañadas dun coloquio dirixidos por compañeiras hondureñas residentes en Galiza e terán lugar en:

 Ferrol. 24 de Xuño. 19:30hs. Galería Sargadelos. Rúa Rubalcava, 30-32.

 Compostela. 28 de Xuño. 19.00hs. Libraría Cruceiro. Praza de Cervantes, 6.

 Coruña. 28 de Xuño. 19:30hs. Galería Sargadelos. Rúa Real, 56.

 Asemade ás proxeccións, os colectivos convocantes teñen previsto enviar unha carta conxunta ao Parlamento galego esixindo o non recoñecemento do goberno de Porfírio Lobo e o restablecemento das relacións de cooperación de forma subordinada á depuración das institucións públicas hondureñas. Entre as demandas tamén está a ratificación do Frente Nacional de Resistencia Popular -que agrupa a diferentes movementos sociais hondureños- como un interlocutor indispensable para o pleno restablecemento da democracia e a reconstrucción institucional do país.

  Sobre o documental:

 “QUIEN DIJO MIEDO” segue ao pobo hondureño en resistencia da man de René, quen se integra no Frente Nacional de Resistencia contra o Golpe de Estado dende o primeiro momento. Así coñeceremos este tramo da historia de un pobo que finalmente esperta e se resiste a continuar sendo o laboratorio de ensaio dos Estados Unidos en contra dos procesos de cambio na América Latina.

Máis información:

 Ferrol: Nuria Fernández (Fuco Buxán) 617 295 209

 Compostela: Mari Fidalgo (AMARANTE Setem) 881 978 705/ 687 368 314

 Coruña: Marta Casal (ACSUR) 655 576 385 ou Alfonso (Coordinadora de Crentes) 606 816 047

One Comment

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.