Pages Navigation Menu

Loitar contra a mudanza climática contribúe á defensa do territorio

A proposta de Plano de Acción fronte ao Cambio Climático (PACC) da Xunta non impedirá que as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) medren nos próximos anos, pois en 2012 serán un 37% superiores ás de 1990, cando no ano 2006 eran un 20,6% máis altas. Verdegaia presentou o documento “Por unha economía galega baixa en carbono”, con numerosos comentarios e propostas para revisar en profundidade o Plano, en fase de consulta pública, aínda que o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, xa advertiu que só se admitirán “algúns retoques”.  A diminución das emisións de GEI, ademais de ser necesaria e urxente para prevenir unha catástrofe climática global, contribúe á defensa do territorio.

A produción e a transformación de enerxía ligada aos combustibles fósiles (carbón, petróleo e gas natural) é a principal fonte de GEI desde o noso país. Ademais, é unha importante causa de degradación do noso medio ambiente, que hai que sumar á degradación ambiental que ten lugar nos países onde se extraen os combustibles que importamos : minas a ceo aberto de lignito e a súa preocupante conversión en lagoas, portos exteriores de Ferrol e da Coruña (construídos en boa medida para a descarga de carbón importado destinado ás centrais térmicas das Pontes e de Meirama),  REGANOSA na ría de Ferrol,  mareas negras, contaminación da refinería de REPSOL na Coruña, …. As enerxías renovables tamén poden provocar importantes impactos negativos no territorio (o nefasto ordenamento dos parques eólicos baixo o actual e os anteriores gobernos autonómicos é un excelente exemplo diso), pero estes poden minimizarse se se seguen criterios como a exclusión de espazos de alto valor ecolóxico ou a máxima descentralización no aproveitamento.

O noso modelo de mobilidade, baseado no coche e no camión, ademais de ser intensivo en consumo enerxético e en emisións de GEI, é un poderoso factor de destrución do territorio. A construción desmesurada de infraestruturas ao servizo do transporte por estrada fragmenta o territorio e favorece o crecemento urbanístico difuso, sendo unha das causas principais de perda de biodiversidade e de deterioración da paisaxe.

O Plano de Acción contra a Mudanza Climática da Xunta: reducións propagandísticas

O Plano presentado pola Xunta é pouco ambicioso, está integrado por medidas politicamente cómodas e polo xeral de escaso alcance, e olla para outro lado perante as centrais térmicas de carbón, malia suporen o 37% das emisións (en 2006, último ano para o que hai datos oficiais).

A Xunta está a vender  fume á opinión pública, pois os 12,25 millóns de toneladas de GEI que se reducirían co PACC son virtuais. É unha redución en comparación co que acontecería se o Plano non se aplicase. O destacable é que, mesmo se o Plano se cumprise, as emisións de GEI aumentarían 16,4 puntos entre 2006 e 2012, a respecto de 1990. O Plano galego é o único presentado até agora por unha comunidade autónoma que non se propón reducir emisións a respecto da situación actual. Resulta hipócrita afirmar que co PACC, un país desenvolvido e con elevadas emisións por habitante como Galicia -mesmo superiores ás emisións medias española e da UE (1)- contribúe solidariamente á solución do quecemento global. Se as emisións galegas diminúen nos próximos anos será principalmente polo decrecemento da economía motivado pola crise, e non polas políticas da Xunta.

Para que Galicia estea á altura das súas responsabilidades na prevención dunha catástrofe climática global que prexudicaría ao noso país pero sobre todo aos países pobres, cómpre un Plano moito máis audaz que inclúa medidas de maior calado. O prioritario é reformular as políticas enerxética e de transporte  co obxectivo de reducir a produción eléctrica sucia e de diminuír a demanda enerxética en todos os sectores. Porén, o Plano da Xunta, coordenado pola Consellería de Medio Ambiente, non é máis que unha compilación de medidas en marcha e non corrixe as políticas enerxética e de transporte, evidenciando así a falta de compromiso das Consellerías de Innovación e Industria e mais de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte na loita contra as alteracións climáticas. A produción e o consumo de enerxía representan o 83% das emisións galegas.

Enerxía e transporte sustentables para salvar o clima e coidar o territorio

Entre as medidas propostas á Xunta por Verdegaia para reducir as emisións no sector enerxético e no transporte destacan a reforma ecolóxica da fiscalidade autonómica, o impulso dun programa de aforro enerxético máis ambicioso e contudente que o actual,  que o Goberno galego presione a prol do peche das ineficientes e altamente contaminantes centrais térmicas de carbón, unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas mentres non se aprobe un Plano Galego de Transporte sustentable que restrinxa fortemente o transporte privado e fomente os modos menos contaminantes, a creación dunha empresa pública galega para implantar servizos ferroviarios de proximidade e ampliar a insuficiente rede de camiños de ferro, ou a aprobación dunha Lei de Transporte sustentable.

A propia Xunta, como institución, debería ser a primeira en dar un exemplo firme na loita contra as alteracións climáticas. Por iso, Verdegaia propón o desenvolvemento dun programa para reducir o consumo enerxético nun 1,5% anual nos edificios, equipos e instalacións da Xunta e mais a introdución masiva neles das enerxías renovables, así como un forte impulso da contratación pública verde de bens e servizos. Ademais, Verdegaia reclama o peche da incineradora de SOGAMA -empresa da que a Consellería de Medio Ambiente é accionista maioritario-, xa que é un dos principais focos emisores de CO2 de Galicia (o quinto maior en 2006, despois das centrais térmicas de carbón, da refinería e de Alúmina-Aluminio).

Outras das medidas propostas por Verdegaia son a creación dunha Secretaría Xeral de Loita contra a Mudanza Climática que dependa da Presidencia ou dunha nova Vicepresidencia para a Sustentabilidade, o fortalecemento da educación ambiental, un Plano de Rehabilitación para mellorar a eficiencia enerxética e introducir enerxías renovables que actúe sobre unhas 80.000 vivendas e edificios, unha promoción intensa da produción e o consumo local de produtos de agricultura ecolóxica e labrega, ou un compromiso financeiro forte para axudar aos países pobres a reduciren emisións e a se adaptaren á mudanza climática.

Outra promesa incumprida polo bipartito

Verdegaia lamenta que o Goberno galego tardase tanto en presentar unha proposta de PACC e a elaborase sen participación pública. O Goberno bipartito vai incumprir a súa promesa de aprobar o PACC nesta lexislatura e, o que é peor, vai desaproveitalo como unha oportunidade para avanzar decididamente cara a unha economía galega baixa en carbono, máis eficiente, solidaria, xeradora de empregos con futuro e respectuosa co medio ambiente galego e global.

Nota:

(1)
En 2006, as emisións por habitante de GEI en Galicia foron 12,4 toneladas, fronte ás 9,9 do Estado español e ás 10,4 da UE-27. Descontando das emisións galegas aquelas emisións que, segundo o PACC, se asocian á enerxía exportada  (entre 1990 e 2006, como media, o 14,7 % das emisións totais), as emisións galegas por habitante en 2006 terían sido 10,6 toneladas.

Podes descargar o documento “Por unha economía galega baixa en carbonoaquí.

Máis información: Área de enerxía e mudanza climática de Verdegaia.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.