Luita Verde vai solicitar a anulación e retirada do Plan Vigo Integra
Luita Verde rexeita a destrucción irreversible do territorio e o enorme impacto ambiental e social que representan as actuacións viarias proxectadas no Plan Vigo Íntegra para a comarca do Morrazo (desdoblamento da vía rápida, conexión da vía rápida coa variante de Marín pola estrada PO-313, circunvalación de Moaña e circunvalación de Cangas), dentro dun modelo de transporte que prima a utilización do vehículo privado ante o transporte colectivo e o non motorizado, e a mobilidade a longas distancias en vez da accesibilidade ao contorno máis próximo.
Partindo do proxectado desdoble da vía rápida, obra que consideramos totalmente inútil e innecesaria, por terse demostrado que este tipo de infraestructuras atraen máis tráfico e por conseguinte máis atascos, contaminación acústica e atmosférica, temos que salientar que está presupostado en 36 millóns de euros, máis do que realmente resultou construila propia vía rápida. Este desdoble de 10 metros de ancho está proxectado en orientación norte ao longo de 15,2 kilómetros entre a rotonda preto da Ponte de Rande, en Domaio, ata a rotonda de acceso á estrada PO-320 Cangas-Bueu, que vai impactar máis negativamente en espazos naturais coma os Montes do Morrazo e o Carballal de Coiro, protexidos como solo rústico de protección de espazos naturais, e espazos de interese paisaxístico e cultural coma a Poza da Moura, o miradoiro dos Parientes e os abrigos do monte da Pena, entre outros, e a área de protección de varios xacementos arqueolóxicos, a máis do que xa provocou á construcción da propia vía rápida.
De moito impacto e alto custe é tamén a proxectada conexión da vía rápida coa variante de Marín a traveso da estrada PO-313 Moaña-Marín, de 9,2 kilómetros cun presuposto de 11 millóns de euros, que propón como “mellora” entre a rotonda de enlace da vía rápida en Bouza Figueira e a rotonda da variante de Marín, en Pardavila, xa que proxecta grandes desmontes e recheos á ámbalas beiras da citada estrada, adentrándose incluso en solo forestal e agrícola, afectando asimesmo a vivendas e leiras anexas.
De negativo impacto son tamén as circunvalacións de Moaña e de Cangas, cunha inversión misérrima (2,5 millóns de euros para os 2,3 kilómetros da de Moaña e 1,4 millóns para 1´8 kilómetros a de Cangas) e unha planificación obsoleta extraída de senllos PXOMs, xa que as obras son a base de apertura de impactantes trincheiras e recheos na periferia urbana afectando vales, solo rústico e leitos de ribeira coma os dos ríos de Meira, da Fraga e de Rialdarca, en Moaña e do Bouzós, en Cangas.
Luita Verde vai alegar en contra de todo o Plan Vigo Íntegra, xa que promove arredor de 350 novos quilómetros de estradas (243,8 novos kilómetros de autovías e 82,4 kilómetros restantes de estradas convencionais) por toda a área de influencia da cidade, que abrangue as comarcas do Morrazo, o Val Miñor, O Rosal, O Condado-Paradanta e área de Pontevedra, que en global supón na práctica a maior agresión ao territorio sur da provincia en materia de infraestructuras viarias na súa historia (fenda xeolóxica e xeográfica, erosión do solo, perda de bosque e de biodiversidade, recheo de vales e leitos fluviais, ocupación de solo rústico e agrícola, afectación do patrimonio cultural e arqueolóxico, efecto barreira, expropiación forzosa de leiras e vivendas, etc., no seu ámbito de actuación, tanto dentro da propia cidade como por toda a área comarcal de influencia) a máis do xa producido pola construcción da autoestrada A-9, a autovía das Rías Baixas e as autoestradas Rande-Puxeiros, Vigo-Baiona, autovía Vigo-Porriño e a vía rápida do Morrazo .
Baseado nun modelo de transporte de mobilidade a longas distancias, vai provocar máis utilización do transporte privado e pesado por estrada e polo tanto máis contaminación atmosférica, acústica e inseguridade viaria, e no futuro agravará os problemas circulatorios xa existentes, xa que a máis e meirandes estradas, máis tráfico e polo tanto máis atascos e problemas de aparcamento nos accesos ás estradas locais.
Está ideado para dar servizo a un crecemento urbanístico e industrial totalmente desfasado, onde cada concello está a propor un duplicado da súa edificabilidade actual, que non se corresponde co crecemento real demográfico nin económico e só beneficiará ás grandes industrias e multinacionais do sector da construción e do petróleo.
O seu impacto tamén vai ser global a nivel planetario, porque incidirá nun notable incremento na emisión de gases de efecto invernadeiro á atmósfera e de directa influencia no cambio climático, polo previsible incremento do tráfico motorizado e do parque automobilístico.
Luita Verde vai solicitar a anulación e retirada deste Plan, que non se faga ningún quilómetro máis de autovías e que o presuposto do mesmo (2000 millóns de euros) se invirtan como alternativa na mellora, vertebración e humanización das estradas existentes, na mellora e fomento do transporte colectivo, tanto por estrada, por ferrocarril, como pola ría; nos carrís bici; e na consecución de outras infraestruturas máis necesarias a nivel sanitario, educativo, cultural, social e medioambiental no noso contorno máis próximo, para que non nos fagamos máis dependentes de Vigo e do veículo privado en innecesarios desprazamentos.
Responsabiliza á Consellería de política Territorial, Obras Públicas e Transporte como promotora do Plan, como asimesmo ao concellos das áreas afectadas como cómplices na sombra, de levar a cabo a misma política do “asfalto, o cemento e o ladrillo” que o anterior goberno da Xunta do PP.
Comentarios recentes