Luz verde á investigación en vía penal das escouras tóxicas da Ferroatlántica.
Verdegaia vén de recibir con satisfación a comunicación do auto no que o xulgado de instrución nº 3 de Compostela dá luz verde ás dilixencias previas do expediente relacionado coa vertedura das escouras canceríxenas no lugar da Brea en Carballo. O refugallo producido pola Ferroatlántica en Cee foise arrombando durante máis de sete meses por Desguaces Lema S.L. nunha antiga canteira con lagoas.Delito ecolóxico no rural, prevaricación nos despachos da Xunta
O xuiz admite a existencia de indicios claros de prevaricación por parte de Joaquín Buergo del Río, deunciado pola viziñanza da Brea por un irregular informe que no 2008 posibilitara o sobresemento da causa por delito ecolóxico que se atendía nos xulgados de Carballo. O auto recolle a “falta de realidade” da información fornecida por Joaquín Lucas Buergo del Rio “ao trasladar noticias que non só, non se corresponden, senón que mesmo se contradín e ocultan os datos dos que dispuña … silenciando o incumprimento de resolucións da administración ou obstaculizando, ao tempo, a actuación da devandita administración…” (páx. 2 do auto).
O auto asume tamén os indicios de delito ecolóxico e abre por tanto dilixencias para a súa investigación, incorporando tanto as achegas pola parte denunciante como as do fiscal do ambiente, Álvaro García Ortiz, diante do que comparecera Verdegaia denunciando o caso e apresentando un detallado informe con indagacións e probas, no mes de decembro pasado.
Adverte o xuiz que a responsabilidade penal neste presunto delito ecolóxico “cabe extendela, non só aos causantes ou titulares da fonte de contaminación, senón mesmo aos administradores públicos…” (páx. 4 do auto).
Pirateo de resíduos: desde as bateas ás leiras, e os tóxicos aínda alí
Lembremos que despois dun grave epsiodio de contaminación do marisco na ría de Corcubión -detectado no ano 2004- que impediu durante varios anos a extracción de moluscos, a industria produtora de ferroaliaxes e carburos metálicos -propiedade de Miguel Villar Mir- encamiña máis de 20.000 tm (poderían ter chegado ás 50.000 tm) das escouras tóxicas á vella canteira de seixo da Brea. A operación faise a medio da empresa Desguaces Lema S.L., que nunha actuación chea de irregularidades recollidas en expedientes da Xunta, o Seprona, Augas de Galiza e o concello de Carballo; amorea o contido de perto de dous mil camións de grande tonelaxe no monte e as lagoas da mina. É o escuro episodio dun suposto xestor de residuos que fixo o traballo suxo con total desprezo á lei.
A operación faise misturando e tapando as escouras con terra e pedregullo, enchendo as fochas de auga e encanando a enxurrada verdexada ao río de Rosende (afluente do Anllóns), e mesmo ás leiras e explotacións agrogandeiras da contorna. Medra a preocupación social e o incertidume polas afeccións que pudesen acontecer nos mananciais da contorna, as dúas psicifactorías de troita do concello, a flora e fauna silvestre, o gando e -máis grave aínda- a saúde das persoas do lugar.
A actuación de Buergo del Río non só levou ao arquivo da denuncia por delito ecolóxico senón que paralizou os expedientes administrativos encamiñados á sanción e á restitución do medio natural. Non se chegaron a executar ordes de extracción das materias contaminantes para a súa xestión nunha planta de tratamento axeitada. As escouras fican aínda alí, no monte, a carón das casas, ceibando grandes cantidades de manganés que deteriora a calidade das augas para a súa potabilización e posibilita a aparición de fitotoxicidades.
Máis grave aínda é o alto contido neste refugallo dos Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos (HAP) de recoñecido poder canceríxeno, xenotóxico e mutaxénico alén de prexudiciais para o noso sistema imunolóxico (segundo recollen oficialmente disposicións autonómicas, estatais e europeas). Os HAP transpórtanse facilmente nos cursos de auga e acumúlanse nos vexetais de folla ancha e nas graxas dos herbívoros, peixes e moluscos, para finalmente afectar tamén os seres humanos.
Disposicións resolutivas e solidamente fundadas
O auto dispón a inclusión no expediente dos documentos e probas solicitadas polo fiscal do ambiente, dos que destacamos, alén do relatorio de Verdegaia, o informe fotográfico que con motivo de movimentos de terra acontecidos na canteira da Brea en marzo deste ano, levou a viciñanza de Carballo a alertar o fiscal e máis o Seprona. O Seprona mobilizou de contado un helicoptero para rexistar as manobras de ocultación de escouras que estaba a realizar Desguaces Lema S.L. Afortunadamente, tivérase a precaución de realizar unha completa reportaxe xa no mes de febreiro, que en contraste coas imaxes do operativo de marzo por terra e ar, constitúen unha clara proba das intencións de destruir as evidencias do amoreamento ilegal.
Tamén se dispón como procedente, a petición do fiscal de praticar unha proba pericial por persoal especializado, para determinar a medio das correspondentes sondaxes e análises científicas, a presenza das escouras, a súa caracterización e os riscos ambientais do depositado na canteira. Finalmente reiterase a proibición expresa a José Antonio Lema para realizar actuacións materiais no predio, advertindo contra comportamentos obstrucionistas (páxs. 7 e 8 do auto).
Encamíñase agora unha instrución, que Verdegaia entende solidamente fundamentada no auto que se vén de publicar, e que ha determinar a imputación penal dos actores e as súas responsabilidades, mais tamén a limpeza e a restitución do medio natural para recuperamos en Carballo unha contorna saudábel para a vida.
pdf Auto Xulgado Nº3 de Compostela Apertura Dilixencias Prevaricación Buergo del Río
pdf Informe Verdegaia sobre a vertedura das escouras da Ferroatlántica na Brea – Dec 2009
Comentarios recentes