Máis de mil persoas contra as obras de Massó

A organización Galiza non se vende esixiu á alcaldesa de Cangas, Clara Millán, a “paralización” das obras do porto deportivo de Massó e instou á Autoridade Portuaria de Vigo que cese os recheos na ría de Vigo.

Máis de mil persoas colapsaron o centro de Cangas do Morrazo á noitiña deste sábado. Protestaban contra a urbanización da antiga Conserveira Massó, no que cualifican como o “maior pelotazo especulativo de Galiza”.
En Cangas a promotora Marina Atlántica -participada por Caixanova, Grupo Atlántico e Puentes y Calzada- xa está a construír un porto deportivo de luxo, malia un informe negativo da Consellería de Pesca e multitude de preitos xudiciais sen resolver.
Máis de mil persoas manifestáronse dende a Alameda Vella de Cangas até a zona do Salgueirón, onde se levan a cabo as obras de construción do complexo turístico, onde insistiron na ilegalidade do proxecto e lembraron os danos que levarán consigo as instalacións.

 

Segundo o Foro Social de Cangas, incluído en Galiza non se vende, as obras de Massó son “un atentado ecolóxico” que, de completarase, suporían a perda de 500 empregos no mar e, en xeral, un ataque á veciñanza de Cangas. Apuntan como “cómplice” a alcaldesa e o seu socio de goberno, o socialista Héctor Otero.

 

Galiza non se vende acusa Millán de “prevaricación” por “non lles facer caso” aos informes que emite a concellaría de Urbanismo do concello cangués, dirixida por Mariano Abalo, que participou activamente na protesta.

 

“A alcaldesa non paraliza as obras porque se está a basear en informes manipulados, presentados en 2008 e realizados pola secretaría do consistorio”, denunciaron. Segundo o colectivo, o documento está baseado nun acordo acadado no ano 2001, “totalmente manipulado” e condicionado á existencia dun Plan de Usos “especial” que “nunca se aprobou”.

 

Ademais de Galiza non se vende, participaron na manifestación representantes de todos os grupos contrarios á construción do porto deportivo de Massó, veciños e membros da confraría de pescadores San Xosé, que organizou a marcha.
Entre os berros máis coreados estiveron “Goberne quen goberne, Cangas non se vende”, “Caixanova especuladora!” e “Clara Millán, yes we can!”. Este último refírese á alcadesa do BNG quen, segundo o Foro Social, non está a tentar parar as polémicas obras, en contra do comprometido no pacto de goberno local.
Os mariñeiros de baixura foron protagonistas de gran parte da protesta. E é que as obras xa están a enturbar un dos bancos máis ricos de ameixas e navallas da Ría de Vigo. A confraría cifra en 500 os empregos en perigo por outro porto deportivo de 250.000 metros cadrados nunha “autorización marisqueira confiscada sen cobertura legal”.

2 Comments

  1. Pode ser un pouco longo, pero convén tentar clarificar certos temas:

    S.O.S. MASSÓ

    ATENTADO ECOLÓXICO

    A marxe sur da Ria de Vigo, entre o recheo de Bouzas e a Punta da Guía está biolóxicamente morta. A ribeira norte, onde está Cangas, constitúe o corredor biolóxico que permite a biodiversidade e o equilibrio do fráxil ecosistema natural da ría.
    O proxecto do Salgueirón cortaría este corredor biolóxico coa destrución de 250.000 metros cadrados de rico biotopo mariño nunha zona de por si estreita (quedaría un paso de tan só unha milla e media)
    A construción dun porto deportivo en Punta Balea significaría a desaparición dun banco pesqueiro e marisqueiro, a desaparición de especies, de hábitat mariños, de valiosos fondos de maërl –un tipo de algas coralinas indicadoras de excelente calidade biolóxica, que poden tardar en formarse entre 1.000 e 8.000 anos-, de zonas de cría e alevinaxe, e suporía un paso máis na degradación da marabilla natural que é a ría de Vigo.

    PERDA DE 500 EMPREGOS NO MAR

    O recheo e dragado da zona do Salgueirón aniquilaría os bancos marisqueiros de ameixa e navalla así como bancos pesqueiros utilizados cando o temporal ou as toxinas non deixan traballar noutras zonas. A cota diaria de ameixa para este ano (ao igual co pasado) é de 1.500 kg/día, o que pode supoñer entre 5.000 e 7.000 Euros de prezo de venta en lonxa, un recurso que está sempre aí, ano tras ano, xeración tras xeración. Hai recolección de algas, ourizo, polbo e centola e é unha importante área de alevinaxe. A destrución deste banco sumaríase á continua cadea de recheos e contaminación que ameaza aos máis de 15.000 empregos directos que teñen a ría de Vigo como base: mariscadores, pesca de baixura e actividade mexiloeira.

    AUTORIZACIÓN MARISQUEIRA CONFISCADA SEN COBERTURA LEGAL

    A Confraría de Cangas posúe una autorización marisqueira nos 250.000 m2 onde se pretende construír o porto deportivo. A lexislación de portos obriga a que a autoridade portuaria de Vigo sexa propietaria dos terreos no mar e en terra antes de outorgar unha concesión. No mar a propiedade é da Confraría, e só podería ser expropiada para unha obra de interese xeral. Neste caso, nin un porto deportivo o é, nin se iniciaron os tramites da expropiación, pretendendo levar a cabo unha confiscación de feito que a confraría ten recorrida nun contencioso xa presentado no ano 2005 e que xa debera estar resolto (xa hai exemplos anteriores nos que a estratexia é agardar a que a obra conclúa para emitir unha sentencia contraria á esta, cando o dano é xa irreversible)

    O MÁIS GRANDE PELOTAZO ESPECULATIVO DE GALIZA

    O intento de inicio das obras do porto deportivo ten a súa razón na suculenta operación proxectada en terra sobre os 200.000 m2 da antiga factoría Massó. Estes terreos obtivéronse a prezo de creba e levan dende o ano 2001 agardando por unha recualificación que multiplique de xeito astronómico o seu valor. O convenio fraudulento asinado por Sotelo estivo a punto de conseguilo se non chega a ser polo rexeitamento popular ao conxunto do plan xeral do 2005, expresado a traveso de manifestacións masivas e canalizado polo Foro Social.
    As contas son simples, coa edificabilidade prevista no convenio do 2005, os beneficios netos para os promotores estarían entre 250 e 300 millóns de euros (entre 40.000 e 50.000 millóns de pesetas). Ademais, a rotura da oposición a este proxecto abriría a porta á recualificación dos cinco millóns de m2 do convenio de Aldán e á presión marbellizadora sobre o conxunto do municipio de Cangas.
    Un porto deportivo é unha obra cara e dificultosa, non rendible, e menos na actualidade. A única xustificación é o incremento do prezo das vivendas de luxo que se puideran construír na súa cercanía. E tamén, pola súa relativa independencia do Plan Xeral, o seu uso como instrumento de presión para forzar a recualificación en terra.
    É de salientar que os grupos inversores implicados en estas operacións son alleos totalmente a Cangas e os beneficios fuxirían ate o último peso, deixando detrás só terra queimada e un pobo arruinado.

    PERIGO DE MORTE PARA RODEIRA E DESAPARICIÓN DAS PRAIAS DO SALGUEIRÓN

    A alteración de correntes que produciría este porto deportivo alteraría de xeito significativo os fondos da enseada de Cangas, afectando, como recoñece a propia autoridade portuaria, á area da praia de Rodeira. As praias do Salgueirón, das que a autoridade portuaria xa negou a súa existencia, serían soterradas polas obras ou convertidas en praias mortas sen renovación de auga.

    PRIVATIZACIÓN DO MAR E O LITORAL

    Este proxecto non suporá para Cangas o progreso e benestar dos seus veciños e veciñas. Grande parte do beneficio deste tipo de proxectos resulta da apropiación dos terreos públicos e a súa mercantilización como propiedade privada. No actual letreiro de obras en Cabo Balea figura Marina Atlántica como “propietaria” e non como concesionaria. E están presentando denuncias por “invasión de propiedad privada”.
    Impediríase o paso a grande parte dos terreos polos que agora paseamos, corremos e nos que disfrutamos da natureza e o patrimonio –pese ao seu absoluto abandono actual- e pasaría a ser de uso exclusivo dunha élite económica. Roubaríannos un patrimonio de incalculable valor que pertence a Cangas.

    ILEGALIDADE E PREPOTENCIA POR PARTE DE MARINA ATLÁNTICA S. A.

    Esta empresa desembarca en Cangas cun permiso da autoridade portuaria totalmente fora da lei. A concesión que presenta a empresa, é completamente irregular xa que no mar ten unha autorización a confraría de Cangas e en terra nunca se fixo caducar a concesión de fábrica de conservas. A manipulación fraudulenta do porto de Vigo omite informes, realiza exposicións públicas ficticias e rebota como un frontón calquera alegación contra este proxecto.
    Residencial Marina Atlántica S. A., a promotora do porto, foi constituída de xeito escuro en Portugal no 2004 e ten como socios a Caixanova, Grupo Puentes y Calzadas e Ubaldino Rodríguez Bello. Actúan con absoluta prepotencia pasando por enriba do Concello de Cangas e dos seus veciños, iniciando unha obra sen licenza municipal cando calquera veciño precisa mil permisos para arranxar un mísero muro. “O PXOM o redactamos nós”, chegan a dicir.
    Polas obras aparecen diversos “xefeciños” coa actitude de visitar unha aldea tercermundista e contando catro mentiras por cada tres palabras que din. “Tenemos todas las autorizaciónes pertinentes” é a súa preferida.
    A Constitución española di claramente que os poderes públicos regularán a utilización do solo de acordo co interese xeral para que se impida a especulación.
    Especulación: comprar barato, recualificar mediante influencias políticas, vender caro.
    Na especulación concorren delitos de privatización de espazos públicos, delitos ecolóxicos, concesión arbitraria de licencias, tráfico de influencias, prevaricación, etc, Temos aquí un exemplo no que poden concorrer a maior parte deles.
    O manexo de influencias de José Manuel Otero, presidente do Grupo Puentes y Calzadas é evidente, conseguiu de Delfín Fernández, subdelegado do goberno en Pontevedra, a protección policial sen os autos xudiciais que se precisarían, e tamén obtivo no concello de Cangas a connivencia do BNG e o PSdeG PSOE.

    USURPACIÓN DE TERREOS PÚBLICOS

    Existe unha finca de dominio público marítimo terrestre inscrita no rexistro da propiedade como se fose unha finca particular “en pleno dominio” por Residencial Marina Atlántica. Esta usurpación foi denunciada en múltiples ocasións e aínda non se ten solventado.
    As escrituras que presenta Residencial Marina Atlántica do Salgueirón inclúen terreos de dominio público marítimo terrestre (gañado ao mar cun recheo feito no seu día para a fábrica de conservas), camiños e viais públicos e municipais, terreos expropiados no seu día para vivendas sociais e un valioso patrimonio en edificios e xardíns de grande valor botánico. O convenio contabilizaba como “cesións” gran cantidade de terreo xa público.
    Pero, curiosamente, hai unha escritura referente a esta finca de dominio público, solicitada pola concellería de urbanismo e a confraría, que non presentan…Qué datos pode esconder?

    BURLA Á ORDENACIÓN URBANÍSTICA

    Os promotores do proxecto actuaron sempre situándose á marxe da legalidade urbanística. A zona da baleeira e de Punta Balea é solo rústico de protección de espazos naturais, e calquera tipo de edificación está prohibido nela. O conxunto da unidade de actuación de Massó debera ser chan rústico e estar afectado pola servidume de 100 m de costas. A lei dos 500 metros prohibe o seu desenvolvemento urbanístico en ausencia dun plan xeral.
    A xurisdicción do porto de Vigo ampliouse no 1989 ate a Congorza indo contra a prohibición de incluír praias. A súa ordenación urbanística tiña que estar inscrita nun plan de usos e nun plan especial acordado de xeito VINCULANTE co concello de Cangas.
    Non é casual que as obras do porto pretendan adiantarse agora á tramitación do novo plan xeral, a exposición pública do seu avance finaliza este mes, con propostas para Massó que non satisfán á empresa (PEPRI de protección, non PERI), e agora é o momento preciso para presentar propostas de convenios.

    CARENCIA DE LICENZAS MUNICIPAIS.

    O concello ten que exercer o control administrativo a traveso de licenza sobre calquera obra que se pretenda realizar sobre o termo municipal (o propio outorgamento da autoridade portuaria o dí ben claro : concesión…..en O Salgueirón, termino municipal de Cangas).
    A única excepción para obrar sen licenza municipal serían as obras EXCLUSIVAMENTE PORTUARIAS, E DE INTERESE XERAL, porque o concello nese caso xa tería emitido os informes correspondentes a traveso dun plan de usos e un plan especial (lei 27/92 art.19).
    Neste caso, estes informes non se emitiron, porque non hai nin plan especial nin plan de usos. Polo tanto, estase a vulnerar o principio de autonomía municipal. E aínda que existiran eses plans e foran legais, o concello debería esixir licencia para a actividade de porto deportivo, os edificios a construír, os abastecementos, o saneamento, os valados, os aparcamentos, etc, así como asumir as súas competencias sobre o tráfico na zona.
    A propia Lei do Solo Galega o di claramente, “Cando os actos de edificación e uso do chan e do subsolo fosen realizados en terreos de dominio público, esixirase tamén licenza municipal”.
    A alcaldesa pode e debe asinar a paralización das obras, pola súa evidente ilegalidade e a carencia dos correspondentes permisos. Se non o fai será responsable legal e politicamente.

    ACTUACIÓN MEDIANTE FEITOS CONSUMADOS

    Non permaneceremos de brazos cruzados e calados mirando como aterran a nosa costa mentres se resolven as múltiples denuncias interpostas contra esta construción completamente ilegal. Aparte do contencioso da confraría hai máis de oito denuncias presentadas por delitos existentes na tramitación do proxecto que nunca foron arquivadas, pois os indicios son claros, pero tampouco avanzase na súa resolución.
    Desgraciadamente hai numerosos casos na ría de Vigo nos que as sentenzas de derrubo aparecen cando as aberracións urbanísticas e ecolóxicas xa están consumadas (o Porto deportivo da Lagoa en Teis, o edificio administrativo da Xunta en Vigo, o “Piricoto” de Castrelos, os chalés do porto de Canido, etc.)
    E hai moitos casos nos que as obras dos portos producen destrución irreversible de praias, recursos, litoral e paisaxe. Silgar, Pescadoira, Beluso.. son exemplos cercanos.
    A mobilización veciñal é imprescindible para non deixalos pasar. O pobo é noso e uns beneficios millonarios para 4 avaros non van destruír a nosa riqueza paisaxística, ecolóxica, económica, social e cultural.

    TRAMITACIÓN FRAUDULENTA E ACTUACIÓN CORRUPTA DA AUTORIDADE PORTUARIA DE VIGO.

    A lámina de mar onde se pretende construír ese porto deportivo pertence á Confraría de Cangas, a través dunha autorización marisqueira. A autoridade portuaria saca a concurso no ano 2004 unha concesión para porto deportivo en esa zona sen que os terreos no mar estivesen libres. Para iso primeiro terían que expropiar a autorización que ten a Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas, pero só se podería facer si o proxecto fose de interese público e un porto deportivo non o é.
    O espazo en terra tampouco estaba libre, xa que nunca se fixo caducar a concesión de fabrica de conservas de Massó Hermanos. Como o cambio de usos non era xustificable, o cambalache escollido foi sacar a concurso unha nova concesión sen dispoñer dos terreos para iso. Seguindo cos amaños, pese a que é Frigorificos do Morrazo quen gaña o concurso da concesión (é a única empresa que se presenta), acreditando uns determinados méritos, realízase un cambio de titularidade do expediente a favor de Residencial Marina Atlántica, unha empresa recén constituída que non acredita nada.
    Presentado un avance do proxecto, distintos organismos emiten informes sobre él, o informe da consellería de Pesca chega o 29 de xullo de 2004, e é desfavorable e vinculante, o 30 de xullo remítese ese informe á promotora para que o teña en conta na redacción do proxecto definitivo e no seu estudio de impacto ambiental. O 31 de xullo, de xeito “milagroso” comeza a exposición pública do proxecto definitivo e do seu estudio de impacto, ao parecer redactados nun só día e tendo supostamente en conta os informes pedidos aos diferentes organismos. IM-PO-SI-BLE.
    Por outra parte, a autoridade portuaria de Vigo non ten competencias omnipotentes na súa zona de servicio en Cangas. Está obrigada dende 1992 a actuar segundo un Plan de Usos que a día de hoxe aínda non foron quén de poñer en marcha. O porto de Vigo é o único dos 28 portos de interese xeral do estado que aínda non o ten aprobado. Ademais do plan de usos, ten a obriga de redactar un plan especial formulado especificamente para Cangas sobre o que o concello tería que emitir un informe vinculante, cousa que tampouco fixo.

    UTILIZACIÓN DA GUARDA CIVIL CON FINS PRIVADOS ILEGAIS

    Dende o mes de maio de 2009 a Guarda Civil de Cangas, por ordenes verbais directas do subdelegado do goberno, Delfín Fernández, e sen auto xudicial algún que as avale, actúan como seguridade privada de Residencial Marina Atlántica S.A. na realización da ilegalidade urbanística máis escandalosa de Cangas.
    Escoltan a entrada de camións e demais maquinaria sen licenza municipal para operar, protexen o seu paso por camiños públicos e servidumes de paso exclusivamente PEONÍLS e para tránsito de vixilancia e salvamento, apartando aos veciños que por aí transitan. Chegaron incluso a intentar retirar pola forza un sinal colocado polo concello.
    Proceden á identificación de viandantes e en ocasións a detención dos veciños e veciñas que vixían, fotografan, e denuncian cada día esta “obra” absolutamente ilegal. Están chegando sancións administrativas de 300 € a veciños que simplemente pasaban pola zona.
    O mundo ao revés, as forzas de seguridade protexendo aos que delinquen e acosando a quen o denuncia, á cidadanía, e a calquera que se achegue á zona.

    DEIXAMENTO DE FUNCIÓNS MUNICIPÁIS

    Os concelleiros e concelleiras de Cangas, no seu nomeamento, xuran ou prometen CUMPRIR E FACER CUMPRIR A LEI, e polo tanto impedir os actos que a incumpran. Todas as ilegalidades denunciadas están á vista de todo o mundo. A lei é unha soa e o mínimo que se lle pode pedir a un cargo público é que a coñeza e a aplique. Escudarse detrás de informes, moitas veces claramente manipulados, ou da falta deles, é un xeito noxento de favorecer intereses privados que atentan contra o interese xeral.
    Neste intento de inicio de obras, a alcaldía ten favorecido á promotora ao cuestionar os informes presentados pola concellería de urbanismo e ao non asinar unha paralización cautelar da obra mentres a empresa non presente a documentación que acredite a súa legalidade. Como xa vimos dicindo, as múltiples irregularidades e ilegalidades do proxecto fan isto imposible, e a alcaldesa sábeo sobradamente, pois coñece o proxecto dende o 2004, e porque os informes da concellería de urbanismo así o afirman. A non sinatura da paralización, sabendo que ten que facelo, constitúe un delito de prevaricación por omisión.
    Moi similar é o xeito de actuación do PSdeG PSOE, ignorando as ilegalidades, entorpecendo a aplicación de medidas de control do tráfico no acceso das obras e evitando exercer o control da policía local sobre as mesmas.
    De nada serven as malintencionadas declaracións de que están contra o porto deportivo. O movemento demóstrase andando. Nestes momentos BNG e PSOE non son a oposición municipal, senón parte maioritaria do equipo de goberno do concello de Cangas, polo que deben actuar, ordenar e comunicar á Autoridade Portuaria de Vigo que a concesión de porto deportivo é nula de pleno dereito (polo xa exposto anteriormente), cominando aos vehículos de obra a saír do Salgueirón e de Cangas mentres non exista un plan xeral). E despois pretenden facernos crer que defenden aos traballadores…

    TRAIZÓN A PROGRAMAS E ACORDOS DE GOBERNO

    Estas actuacións son aínda máis noxentas e inxustificables cando van contra os programas e promesas electorais dos partidos no concello, tal como podían ser as promesas de transparencia, participación cidadán ou de traballo cara a un urbanismo racional para Cangas. O propio portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, se reunira coas asociacións canguesas no 2005 prometendo un xeito radicalmente distinto de entender o urbanismo; en catro anos no goberno da Xunta, non deu un só paso para desbotar os proxectos especulativos en Cangas e a día de hoxe os obxectivos plantexados por Consultora Galega (equipo redactor do actual plan xeral) e polo grupo local do BNG non difiren moito dos que presentaba o plan de Sotelo no 2005: turistificación, convenios, e urbanización masiva.
    Tras as eleccións municipais, BNG e PSdeG PSOE non dubidaron en asinar un acordo de goberno que lles daba a alcaldía e a tenencia de alcaldía. No acordo figuraba a oposición ao porto deportivo de Massó e trasladar a decisión sobre os terreos en terra ao plan xeral. A oposición ao porto non se mira por ningunha parte, e só a presión da confraría no último pleno lles fixo ratificarse no acordo, para continuar ao día seguinte o seu traballo xordo e non tan xordo a favor do proxecto deste porto ilegal.
    Con respecto ao plan xeral, a colaboración dos dous grupos con ACE resulta nula, para unhas cuestións as decisións deben ser conxuntas e para outras quen debe lidar con elas é exclusivamente o concelleiro de urbanismo. Non existe discusión pública sobre o urbanismo que se está a deseñar, e os prazos estanse a retrasar dun xeito que parece interesado.
    Cangas xa presentaba no ano 2004 un déficit duns 270.000 m2 de zonas verdes. O novo plan xeral precisará atopar ubicación para eles e os correspondentes as previsións actuais (segundo a lei do solo, un 15% dos m2 edificables). Nin as zonas naturais nin as forestais poden contabilizarse como zonas verdes e o Salgueirón é a única gran zona verde que queda en Cangas. Se non se utiliza como tal, eses metros cadrados haberá que buscalos nos terreos de veciños e veciñas de Cangas. Reclamamos O Salgueirón como o gran parque público e que Cangas precisa.

    ATAQUE FRONTAL AO PEQUENO COMERCIO

    O centro comercial de dúas plantas de 18.000 m2 que os promotores do porto deportivo queren instalar en Massó significaría a asfixia do pequeno comercio cangués. Ninguén desprazarase dende Vigo ou Pontevedra para comprar en Cangas, polo que por cada comercio que se abra no centro comercial se pechará outro similar no casco urbano. Cambiaremos o soldo dun pequeno comerciante polo dun asalariado mileurista con emprego precario. Os alugueres dos baixos comerciais tamén serán para os promotores (que levarán os cartos para afora), ao tempo que os baixos comerciais da vila quedarán baleiros e deixarán de dar rendas aos veciños de Cangas, continuando coa espiral de perda de poder adquisitivo e ruína do noso pobo.
    Na actualidade a oferta comercial do pobo é dun nivel excelente, contando con establecementos especializados que ofrecen unha calidade e unha gama de produtos difíciles de atopar en grandes superficies ou nas grandes cadeas de tendas, e unha atención humana da que carecen estas.
    A uniformidade dos centros comerciais atristuran e empobrecen a filosofía mesma do comercio. Continuemos coa nosa oferta comercial, enriquecéndoa e ampliándoa de xeito natural e dándolle vida con iso ao casco vello, a zona nova e ás parroquias.
    Os centros comerciais non ofrecen ocio de calidade, ofrecen consumismo irracional, precariedade laboral e beneficios para Inditex e outras multinacionais similares.
    Os dirixentes de Fecimo se teñen expresado a favor do centro comercial en Massó, pero os seus asociados deberán esixirlles explicacións detalladas de cómo pode beneficiar aos pequenos comerciantes cangueses a irrupción da competencia das grandes transnacionais.

    ABANDONO DO PATRIMONIO E DESPREZO Á NOSA IDENTIDADE

    O conxunto da factoría Massó está catalogado como patrimonio industrial do estado. A pesares diso, o abandono dende a súa creba é absoluto. Os edificios están a caer, a maleza invade todo, non se limpa nunca nin se recolle lixo, e os peiraos non teñen mantemento e o seu uso resulta perigoso.
    Este abandono é interesado: forza á xente a pensar que calquera troco vai a ser a mellor, se estivera limpo e a xente o puidera disfrutar como parque público que é, a ninguén lle gustaría perdelo. Que ninguén pense que o estado de abandono se debe a oposición do Foro Social a que se executen obras de mellora na zona. Benvidas sexan estas obras sempre que sexan para ben público. Lembrar que unha ordenanza municipal obriga a manter as fachadas dos edificios en condicións, pero isto non se lle aplica aos poderosos, só aos veciños de Cangas.
    Massó representa o traballo de varias xeracións de cangueses e canguesas, algo que era mostrado con orgullo aos visitantes e que representaba un nivel técnico e humano de primeira liña mundial. O proxecto especulativo de Marina Atlántica só pretende lucrarse con Massó, coa venta de pisos, prazas de amarre e locais comerciais, non é un proxecto empresarial, é só o espolio duns valiosos bens deturpando e esquecendo todo o seu valor patrimonial e de identidade, rifando algo que Cangas pode e debe considerar como seu.
    O concello está a permitir o abandono actual e é o concello o que debe impedir a especulación en Massó para recuperalo como ben público a traveso do plan xeral.

    DESLEIXO XUDICIAL

    A xustiza, pola razón que sexa, actúa con dúas velocidades, rápida nas incriminacións aos opositores ao proxecto, e leenntaaa na persecución das múltiples ilegalidades denunciadas do mesmo. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza rexeitou a paralización cautelar solicitada no contencioso da confraría co alucinante argumento de que xa había 600.000 € de fianza para responder aos danos que puidera provocar o porto. Xa falamos dos recursos que se extraen da zona, ano tras ano e xeración tras xeración. Poden 600.000 € ou a cantidade que queirades, compensar a destrución irreversible dun recurso sustentable?, e a destrucción da paisaxe? E a posta en perigo do ecosistema enteiro da ría?. Este rexeitamento do TSXG está recorrido ante o tribunal Supremo, que aínda non fallou.
    O propio contencioso, tras catro anos, xa debera estar resolto. Pode ser esta unha das causas das actuais presas?
    Outras oito denuncias contra responsables da tramitación do proxecto, que non foron arquivadas, parecen durmir tamén en cómodas estanterías dos xulgados.

    MANIPULACIÓN DA INFORMACIÓN

    Non podemos contar cos medios de comunicación ligados ao capital para que a poboación reciba unha información imparcial e certeira sobre o que pasa en Massó e no deseño do futuro de Cangas. En moitas ocasión vimos como o Faro de Vigo, por exemplo, chegaba xusto cos camións e a Guarda Civil en perfecta sintonía coa empresa ou como receben documentación antes incluso de que chegue ao concello. A información que venden é de baixísima calidade, inducindo á confusión, sempre criminalizando a veciños e mariñeiros e plasmando verdadeiras falsidades sobre a legalidade da obra. Os motivos son o seu posicionamento próximo á dereita máis rancia e o ladrillo e a súa dependencia económica de entidades como Caixanova e as administracións públicas. O Faro de Vigo desinforma.
    La Voz de Galicia é según lle dea. Hai días que informa con obxectividade e outros que introduce información non contrastada e sensacionalista. Dende o principio do proxecto se referiu a el como se a súa realización fora indubidable: se fará, se construirá…
    Do Atlántico, qué podemos dicir? O seu estilaso inconfundible destácase por procurar o sensacionalismo e a carnaza. Información sempre a favor da empresa, aínda que sexan mentiras coma mundos. Nos últimos tempos está empeñado en dar a idea de que as obras avanzan con normalidade e sen volta atrás.
    Os medios dixitais mostran máis independencia e obxectividade. Vieiros fai un bó traballo nos momentos máis significativos, e a información en video está magnificamente coberta por GZ Vídeos e Na Deriva.
    A web do Foro Social de Cangas intenta actualizarse cando se pode. Non é boa, pero contén toda canta información se precisa ao respecto das ilegalidades cometidas dende o primeiro momento e todas as accións xudiciais interpostas contra os responsables desta desfeita.

    CRIMINALIZACIÓN DA OPOSICIÓN AO PORTO
    Existe un arquetipo de obra de gran envergadura, con soporte legal insuficiente e oposición cidadán, para o que existe toda unha estratexia preconcebida que vaise aplicando sistematicamente polas empresas, as administracións, o poder xudicial, as forzas policiais e os medios de comunicación do sistema.
    Non teñen presa, son proxectos moitas veces a longo prazo. A vía xudicial non ten ningún problema en atrasar indefinidamente as reclamacións cidadáns. A vía política troca as veces de caras, pero o capital case sempre atopa as maneiras de mudar vontades. A vía administrativa é un frontón sen fisuras. A vía da forza policial ten moitas maneiras de ser modulada: identificacións, sancións administrativas sen soporte legal, ameazas e demostración de poder represor, detencións, forzas antidisturbios…A impunidade xudicial das súas accións é unha norma, e para dar unha imaxe á sociedade de estas actuacións inxustificables, os medios afíns ao poder van aplicando dende o principio das loitas unha estratexia de desinformación, confusión e criminalización dos opositores a estas aberracións: “os veciños son violentos, contrarios ao progreso, impiden a creación de postos de traballo…” Cando na realidade, as obras destrúen a natureza e os recursos, non teñen base legal suficiente, a violencia ven representada pola forza policial e as súas sofisticadas ou non tan sofisticadas armas, e é o emprego sustentable o que se destrúe, engordando os beneficios do capital.

  2. ABALO DEJA DE HACER MAS DAÑO A ESTE PUEBLO.NO TE QUEREMOS,EL PUEBLO DESEA QUE TE VAYAS.NECESITAS IR A UN SPICOLOGO,ASUSTAS CON TU MANERA DE PENSAR.LARGATE!!!!!!.LARGATE!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!.

Trackbacks/Pingbacks

  1. Reganosa Demolizón » Máis de mil persoas contra as obras de Massó | Contra reganosa - [...] De galizanonsevende.org [...]
  2. Galiza Non Se Vende » Blog Archive » Detidos 16 activistas de GNSV nas inmediacións das obras de Massó - [...] económicos de milleiros de persoas que viven do marisqueo. Hai un mes máis de mil persoas manifestáronse en contra…
  3. Luns 20, 16 detid@s en Massó por defender a Ría | A RIA NON S€ VENDE - [...] económicos de milleiros de persoas que viven do marisqueo. Hai un mes máis de mil persoas manifestáronse en contra…

Deixa una resposta a foro social cangas Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.