Pages Navigation Menu

Manifestacións en Camelle e Malpica contra o plan acuícola

Os pobos de Camelle e Malpica deixaron de novo onte constancia, con senllas manifestacións, do seu total rexeitamento e oposición ó plan acuícola que pretende levar a cabo a Xunta de Galicia.

Sobre as doce da mañá, unhas oitocentas persoas partiron do Museo do Alemán de Camelle, non sen antes levar a cabo unha ofrenda floral a Man. Durante o percorrido, que se prolongou ata a zona de Sabadelle, os asistentes corearon cánticos dos que se desprendían duras críticas para o presidente da Xunta, a conselleira de Pesca, o alcalde de Camariñas e a parlamentaria Marisol Soneira.
Concluída a marcha, leuse un manifesto, no que os veciños deixaron patente que “nós somos os que temos o poder, e teñen que atendernos”. Sosteñen os aldeáns que “debemos estar en pé de guerra contra estes energúmenos políticos”. Este pobo, engadiron, “é coñecido en moitos sitios polo labor de Man, pero ignorado polos nosos gobernates”. Consideran os afectados que o plan contempla para Camelle e Arou dúas instalacións nunha costa virxe, “de altísimos valores naturais e culturais”. Entre os seus aspectos negativos estarían o “desastre paisaxístico e a vertedura de máis dun millón de metros cúbicos de augas contaminadas”.
A presidente de Adega, Adela Curra, defendeu que a mellor piscifactoría é “o mar de ribeira, pois, a longo prazo, as granxas mariñas destrúen máis empregos dos que crean”.
Á protesta de Camelle sumáronse tamén plataformas de afectados de Arou, Merexo, Quilmas e Corrubedo. Entre os que quixeron apoiar a iniciativa estaban tamén Xosé Manuel Beiras e Lidia Senra. Colectivos e asociacións ecoloxistas como ADEGA ou Rede Galiza Non se Vende solidarizáronse tamén para protestaren, como asegura ADEGA na súa páxina na rede, “contra unha planta de grande impacto medioambiental prevista nun litoral de gran riqueza pesqueira e marisqueira situada estratexicamente nos límites da Rede Natura”.
A veciñanza de Camelle salienta que a planta ocupará unha superficie de 217,000 m2, mais non paliará as consecuencias da ausencia dun plan de desenvolvemento económico que sofre a zona desde hai décadas, porque os postos de traballo que xeraría serían moi limitados. Lembran que o Plan Sectorial de “megaparques” de acuicultura en terra recolle para Camelle e Arou dúas instalacións, a denominada Xandriña e a de Cameselle, nunha costa virxe de “altísimos valores” naturais e culturais. Como acto simbólico, os veciños da vila instalaron na praia da localidade 50 cruces de madeira con lazos verdes que simbolizarán “a destrución definitiva dunha zona cun enorme potencial pesqueiro, medioambiental e turístico, único na costa atlántica europea e para o que até hoxe ningún goberno da Xunta de Galicia presentou un proxecto de desenvolvemento sustentábel digno”. Como punto final da manifestación leuse unha carta do fillo do alcalde de Camariñas Manuel Valeriano Alonso, Diego Alonso, grande defensor do Plan Acuícola e que expresará a súa opinión tras traballar nunha factoría de rodaballos.
Por outra banda, sobre unhas duascentas persoas déronse cita tamén onte en Malpica, para protestar contra a planta que se prevé construír en Seiruga. Lamarcha foi desde o concello ata a lonxa. Ó seu termo, o portavoz dos veciños, Afonso Vidal, tras verter duras críticas contra a conselleira de Pesca, recordou que hai cinco anos a costa sufriu o chapapote do Prestige, e agora “volve outro barco, chamado Xunta de Galicia, que ten a Touriño como armador e a Carmen Gallego como patroa, sendo a súa carga as piscifactorías”. Do mesmo xeito que o petroleiro, este buque “anda errático pola costa galega, pois en ningún porto queren tampouco a súa carga”. (Lido en Galicia-Hoxe e A Nosa Terra)

 

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.