MANIFESTO DE GNSV A PROL DUNHA FOLGA XERAL NA GALIZA
Desde a rede de colectivos “Galiza Non Se Vende” queremos sumar a nosa voz ao que xa vai sendo un clamor popular a prol dunha folga xeral urxente, que debe ser continuada con todo tipo de mobilizacións (paros, boicots, activismo…) até que se faga realidade un cambio de rumbo nas políticas sociais e económicas.
Mentres que desde o goberno central e a Xunta se subvencionan, como sempre e sen contar co pobo, ós bancos, ás grandes empresas e ás institucións como a eclesiástica e a militar, están a recortar todos os gastos sociais, en sanidade, educación e promovendo a exclusión social fomentando así graves dificultades as persoas con menos recursos. Recortes e privatizacións. Se tantas perdas provocan estes sectores, só entendemos un xeito de que ao seren privatizados dean beneficios, deixar de atender ás nosas necesidades.
Non contentos con isto, a Xunta está a desenvolver unha lexislación baseada na desprotección do noso territorio, que agrava a actual permisividade para consentir todo tipo de actuacións, urbanísticas, industriais comerciais ou infraestruturais en case calquera lugar da nosa terra.
Subordínase a preservación da natureza a cal pertencemos e que nos permite, cun uso racional e sustentable dos seus recursos, gozar dunha maior equidade social, ás necesidades do que nunca terá acougo mentres quede algo co que especular. O capitalismo globalizado, un sistema irracional, insustentable e depredador considera o territorio e a natureza unicamente como un medio de espolio, moi barato e inesgotable, polo que é unha fonte máis do seu lucro económico.
Se perdemos a autoxestión da nosa terra, con ela perdemos a propia identidade vital e cultural de Galiza como País e teremos dado un paso máis cara a perda dos nosos dereitos máis fundamentais como cidadás e cidadáns e como pobo, camiñando cara a escravitude.
Son normativas pensadas, ideadas e preparadas para entregar o que é patrimonio de todas e todos ás mans do capital, con todas as súas facianas.
O Plano de Ordenación do Litoral está redactado a medida das industrias da construción e do turismo. A conservación, recuperación e protección do espazo litoral queda nun segundo plano ante os intereses económicos e especulativos.
A modificación da Lei do Solo abre as portas á legalización de todo tipo de desfeitas e desprotexe o solo rústico para poder construír nel polígonos industriais, piscifactorias, infraestruturas e urbanizacións.
A nova Lei de Montes pretende acabar de facto coa secular propiedade comunal, privatizando a xestión dos montes comunais e priorizando os monocultivos de especies aloctonas e invasivas que sementan o monte de incendios e agora co novo Plano Eólico pretende tamén enchelos de tarabelas, incluso nas zonas protexidas, sen beneficio algún para o seu entorno directo e esquivando a avaliación ambiental.
Un Plano de Piscicultura que agasalla con 3,5 millóns de m2 de litoral ás empresas de engorde de peixe, e pretende construír piscifactorias en zonas protexidas e nas mellor conservadas da nosa costa.
O Plano de Infraestruturas Náuticas pretende ampliar os portos deportivos existentes con 16.000 novos amarres e construír novas infraestruturas, mediante recheos e privatizando tramos de costa, por todas as nosas rías.
O Plano Director de Estradas e o chamado Plan MOVE, que non foron legalmente aprobados, son completamente irracionais, baseados no trasporte privado. Saturan o territorio de estradas de alta capacidade, ignorando completamente o transporte público intermodal.
Coa aplicación da Lei da Minaría pretende eludirse a avaliación ambiental das explotacións mineiras, un dos máis importantes factores da degradación do territorio galego e implantalas incluso en chan rústico de especial protección.
As Directrices de Ordenación do Territorio, propoñen un modelo territorial que implica a expansión urbana sobre o rural e a súa desnaturalización. E agravan o xa enorme desequilibrio entre o interior e a costa.
O Plano Hidrolóxico Galiza-Costa, desprotexe os nosos ríos para facilitar a instalación a esgalla de minicentrais eléctricas. Prevé aprobar 33 novos encoros nos vindeiros 5 anos ignorando o veto á súa construción que saíra da iniciativa lexislativa popular “en defensa dos ríos” aprobada polo parlamento galego no 2005.
O Plano de xestión de residuos está baseado na contaminante incineración, emisora das perigosísimas dioxinas e na creación de monstruosos vertedoiros.
Os Planos portuarios están baseados en gañar terreos ao mar mediante recheos pagados con fondos públicos, para instalación de chan industrial privado en primeira liña de costa e atacando fortemente o ecosistema e a paisaxe das rías.
Os Planos xerais das vilas e cidades pretenden duplicar e incluso triplicar o número de vivendas que non son entendidas como unha necesidade social básica senón como un negocio especulativo. Mentres, recórtanse as axudas para vivenda protexida, aluguer ou rehabilitacións.
O decreto do galego menospreza a nosa lingua e toda a nosa cultura pretendendo acabar con ela.
A aplicación imposta destes documentos suporía a degradación ambiental, biolóxica, xeolóxica, hidrolóxica e paisaxística da nosa terra; a súa degradación etnográfica, patrimonial, e arqueolóxica; a degradación física e social das parroquias; a destrución dos modos de vida vencellados ao territorio, que hoxe son desprezados e que mañá, segundo todos os indicios, serán desesperadamente necesarios. O modelo territorial deste mal goberno suporía á destrución da cultura e dos sinais de identidade da nosa terra, pois provocaría a destrución do seu soporte material, da súa pegada histórica e da posibilidade da súa actualización e continuidade como sempre fixo.
Este modelo é inviábel. Precisamos outro modelo que poña no centro ó medio ambiente, a cultura e as persoas.
POLA DEFENSA DO TERRITORIO
POLA SOBERANÍA ENERXÉTICA E ALIMENTARIA
POR UN CAMBIO DE RUMO NAS POLÍTICAS ECONÓMICAS E SOCIAIS
CONTRA A PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS SOCIAIS
CONTRA A PERDA DOS DEREITOS SOCIAIS
POLA POSTA EN VALOR DA NOSA CULTURA E SABERES
MOBILIZACIÓN ACTIVA INDEFINIDA XA
2 Comments
Trackbacks/Pingbacks
- Reganosa Demolizón » MANIFESTO DE GNSV A PROL DUNHA FOLGA XERAL NA GALIZA | Contra reganosa - [...] De galizanonsevende.org: [...]
Acción colectiva e resposta social.
Recuperemos a confianza que debe demostrar unha sociedade organizada e eliminemos a “DISTANCIA” que existe entre un problema e a súa solución.
Por fin un catalizador para despertar deste letargo de complacencia con todo o que está ocorrendo. Gracias