Pages Navigation Menu

MANIFESTO DE GNSV EN DEFENSA DA LINGUA

Galiza non se vendeGOBERNE QUEN GOBERNE, A LINGUA NON SE VENDE

Dende Galiza Non Se Vende queremos manifestar a nosa total oposición ao decreto do galego no ensino do PP, pois constitúe un atentado á lingua galega e, polo tanto, un atentado á cultura e á identidade de Galicia.

Non podemos admitir un decreto que pretende lexitimar o abandono da lingua polos poderes públicos e interromper a súa transmisión interxeracional. Non podemos consentir que se menoscabe o dereito dos galegofalantes a usar, conservar e transmitir a lingua propia como legado, e que se impida a normalización do seu uso polo resto da poboación. Non podemos tolerar que a miseria intelectual, a inconsciencia e a insensibilidade dos que se avergoñan de seren galegos sirvan como xustificación espuria dunha pretendida liberdade para destruir unha lingua que é o noso máis prezado patrimonio cultural e un valioso patrimonio da humanidade.

O decreto que nos ocupa, igual que outras disposicións legais, que non lexítimas, revela o absoluto descoñecemento da realidade do noso país, e o desprezo da nosa cultura, por parte de quen nos goberna.

A incesante presión socio-político-económica sobre a nosa terra ao longo da historia colocou a nosa lingua nunha posición de desvantaxe que pode provocar a súa desaparición, e que é preciso neutralizar con medidas de protección eficaces. Pero ningún dos gobernos que sufrimos tivo nunca unha intención clara de facer do galego a lingua vehicular do ensino, único camiño viable para a súa normalización. Non recoñecer este feito, e adoptar unha postura contraria, converte ao goberno da Xunta en promotor da desaparición da lingua galega.

Os membros dos máis de sesenta colectivos que formamos GNSV somos conscientes da nosa identidade. Sabemos que o noso medio natural é único e valioso, nin máis nin menos que calquera outro do planeta, pero é o noso, non porque o posuamos, senón porque a él pertencemos. Tamén sabemos que a lingua galega é tan só, pero nada menos que, unha das linguas do mundo; unha obra colectiva do noso pobo ao longo da historia; nin mellor ni peor que outras, pero é a nosa; o medio co que construimos o noso pensamento, e a máis valiosa aportación de Galicia ao patrimonio cultural da humanidade. Debemos estar lexítimamente orgullosos desta nosa herdanza, e non podemos consentir que sexa neciamente desprezada, nin irresponsablemente destruida.

Defendemos a Terra e, polo tanto, a biodiversidade. Polo mesmo, defendemos a diversidade cultural que permitiu ao ser humano adaptarse á biosfera e, polo tanto, defendemos a nosa cultura e a nosa lingua.

Terra, cultura e lingua van da man. Destruir a nosa terra é destruir a nosa cultura, ao facer desaparecer o seu soporte material. Destruir a nosa terra é destruir a nosa lingua, ao facer desaparecer os lugares que nomea, as actividades que describe, a memoria que ela guarda e lembra. Destruir a nosa lingua é deixar á nosa terra orfa de nomes, valeira de significado, carente de memoria cultural, desprotexida.

Temos a responsabilidade de defender o noso medio natural e, polo tanto, o noso patrimonio cultural identitario, e o noso idioma, e de preservalos para as xeracións vindeiras. Igual que non consentimos a destrución nin a privatización do noso territorio nin do noso mar, non imos consentir ningunha agresión máis á nosa lingua.

Dende GNSV, rede participativa, non xerárquica, apartidaria, aberta a toda a sociedade, consideramos que a defensa da riqueza linguística e da cultura do noso País fai necesario e inevitable o estricto incumprimento deste malfadado decreto do galego no ensino.

Por todo o devandito, mostramos o noso pleno apoio á manifestación en reinvindicación dun ensino en galego que, convocada por diversas organizacións, terá lugar o día 21 de Xaneiro, e partirá ás 12:00 h da Alameda de Compostela.

Goberne quen goberne,
A LINGUA NON SE VENDE!

 

Terra viva e vida digna para tod@s

3 Comments

  1. Eu o que non acabo de entender e como Galicia bilingüe di o mesmo pero dende o bando contrario.
    Eu non sei moito de que vai a película esta, esa é a verdade, pero creo que se debe ante todo respetar a legalidade vixente e non impor no ensino nin unha nin outra, podendo ser alternando as duas pero protexendo a nosa ante todo e antes ca nada. Sei da vontade de Jesús de facer que a legalidade se cumpra.
    Tampouco sei moi ben cal é a diferencia entre este decreto e o anterior.
    Eu son galego falante de sempre e teño visto situacións bastante alucinantes. Como cando íamos a escola e nos miraban raro por falar o noso, e como logo esos mesmos o longo do tempo viñan falando o galego normativo, lingua que non soporto.
    Creo que se deberían cambiar moitas cousas e unha delas era validar o galego falado en cada unha das comunidades da fala, aportando moita variedade de xiros que farían ainda si cabe mais rica a nosa lingua.
    Logo decirlle a Galicia bilingüe que faga o favor de cambiar de nome: eles non piden o bilingüismo, piden aniquilar o galego do que parecen avergonzarse. A entrevista que diu a Lago no País era vomitivo; casi viña a decir que era traumático para os nenos aprender en galego. Mira rapaza: eu aprendín a ler en castelán e non me traumaticei e seguín falando a miña lingua. Os meus fillos aprenden nas duas e non vexo que estén traumatizados por elo.
    Bueno, pois que teñades éxito na folga. Eu non vou a secundala porque sinceiramente non vexo motivo. Solo me gustaría que dunha vez por todas se deixara de facer política coa miña lingua e se protexera e se falara mais porque me da pena ver como cada vez se fala menos, pois entre o castelán e o normativo, o do pobo cada vez oio menos. Eso si, levo unha alegría o escoitarllo falar a alguén…

  2. Por otra parte, decir que estou totalmente de acordo co que escribes no artigo: parecera que os meus pensamentos se misturaran co teu texto. Encántame atopar a quen pense igual, a quen sinta igual, aquen ame igual a nosa identidade. É realmente precioso o que escribiche.

  3. Eu quixera falar chines dende que nacin, mais me impuxeron a lingua que fala o resto da xente que por aqui vive.

    Ninguen fala a lingua que quere, fala a lingua que lle impon dende neno porque esa lingua e a lingua coa que se pode entender cos seus contemporaneos.

    Do que se discute aqui e de non mesturar as falsas doctrinas liberais da dereita camuflada, aquelo de liberdade para todo, porque todos sabemos que non somos libres para matar, nin para ter os cartos que queiramos, nin para sacrificar o idioma en vantaxa doutro foraneo.

    Vivimos nun sistema onde non hai liberdades, e cada vez que se reclama algun dereito a maiores se argumenta que cada quen e libre de facer o que quere. Non lle podemos quitar os cartos aos ricos porque eles escolleron ser ricos e son libres de facelo. Non podemos impor o galego porque a xente ten dereito a falar no idioma que quere, cando nas constitucions dos paises o co;ecemento do idioma e unha oblriga.

    Curiosamente ninguen quere falar das obrigas, aquelas posturas da accion humana que van encami;adas a garantir o sistema de liberdades mais xusto e equitativo. Por exemplo, que as linguas e as culturas se conserven en igualdade de condicions entre si. Cousa que, evidentemente, non esta a ocorrer por ese marabilloso sistema que fai que a socidedade civil, empresarial, gubernativa, use o idioma en funcion do prestixio. O cal non o saben entender como o que e, que son victimas dunha coaccion camuflada e polo tanto non son libres.

    PD Desculpen a falta de acentos, non teno o teclado axeitado.

Trackbacks/Pingbacks

  1. Reganosa Demolizón » MANIFESTO DE GNSV EN DEFENSA DA LINGUA | Contra reganosa - [...] Tirado de galizanonsevende.org: [...]
  2. Galiza Non Se Vende » Blog Archive » 21 de xaneiro de 2010: A lingua non se vende - [...] (Do manifesto de Galiza Non se Vende en defensa da lingua) [...]

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.