MANIFESTO EN DEFENSA DA LINGUA GALEGA
Hai dous anos que entrou en vigor o malfadado decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Un decreto que, segundo denunciamos no noso manifesto de xaneiro de 2010, constituía, e constitúe, un atentado á lingua galega e, polo tanto, un atentado á cultura e á identidade de Galicia.
Os resultados corroboran a nosa denuncia, que se suma á denuncia de todas as organizacións que defenden a nosa lingua. O necesario tratamento do galego como lingua propia de Galicia, o dereito dos nenos e nenas a recibir educación na súa lingua, a función do galego no ensino como lingua vehicular e centro de gravidade do modelo de bilingüismo, a necesaria discriminación positiva do galego para acadar o seu inserimento na cultura e nos afectos da poboación hoxe del afastada e, como resultado, a normalización do seu uso, todos estes obxectivos e ferramentas foron varridos polo decreto 79/2010.
En consecuencia, reiteramos o manifestado hai dous anos:
Non podemos admitir que siga en vigor un decreto que pretende lexitimar o abandono da lingua polos poderes públicos e interromper a súa transmisión interxeracional. Non podemos consentir que se menoscabe o dereito dos e das galegofalantes a usar, conservar e transmitir a lingua propia como legado, e que se impida a normalización do seu uso polo resto da poboación. Non podemos tolerar que a miseria intelectual, a inconsciencia e a insensibilidade dos que se avergoñan de seren galegos ou galegas sirvan como xustificación espuria dunha pretendida liberdade para destruír unha lingua que é o noso máis prezado patrimonio cultural e un valioso patrimonio da humanidade.
O decreto que nos ocupa, igual que outras disposicións legais, que non lexítimas, revela o absoluto descoñecemento da realidade do noso país, e o desprezo da nosa cultura por parte de quen nos goberna.
A incesante presión socio-político-económica sobre a nosa terra ao longo da historia colocou a nosa lingua nunha posición de desvantaxe que pode provocar a súa desaparición, e que é preciso neutralizar con medidas de protección eficaces. Pero ningún dos gobernos que sufrimos tivo nunca unha intención clara de facer do galego a lingua vehicular do ensino, único camiño viable para a súa normalización. Non recoñecer este feito, e adoptar unha postura contraria, converte ao goberno da Xunta en promotor da desaparición da lingua galega.
Os membros dos máis de sesenta colectivos que formamos GNSV somos conscientes da nosa identidade. Sabemos que o noso medio natural é único e valioso, nin máis nin menos que calquera outro do planeta, pero é o noso, non porque o posuamos, senón porque a el pertencemos. Tamén sabemos que a lingua galega é tan só, pero nada menos que, unha das linguas do mundo; unha obra colectiva do noso pobo ao longo da historia; nin mellor ni peor que outras, pero é a nosa; o medio co que construímos o noso pensamento, e a máis valiosa contribución de Galicia ao patrimonio cultural da humanidade. Debemos estar lexitimamente orgullosos desta nosa herdanza, e non podemos consentir que sexa neciamente desprezada, nin irresponsablemente destruída.
Defendemos a Terra e, polo tanto, a biodiversidade. Polo mesmo, defendemos a diversidade cultural que permitiu ao ser humano adaptarse á biosfera e, polo tanto, defendemos a nosa cultura e a nosa lingua.
Terra, cultura e lingua van da man. Destruír a nosa terra é destruír a nosa cultura, ao facer desaparecer o seu soporte material. Destruír a nosa terra é destruír a nosa lingua, ao facer desaparecer os lugares que nomea, as actividades que describe, a memoria que ela garda e lembra. Destruír a nosa lingua é deixar á nosa terra orfa de nomes, baleira de significado, carente de memoria cultural, desprotexida.
Temos a responsabilidade de defender o noso medio natural e, polo tanto, o noso patrimonio cultural identitario, e o noso idioma, e de preservalos para as xeracións vindeiras. Igual que non consentimos a destrución nin a privatización do noso territorio nin do noso mar, non imos consentir ningunha agresión máis á nosa lingua.
Dende GNSV, rede participativa, non xerárquica, apartidaria, aberta a toda a sociedade, consideramos que a defensa da riqueza lingüística e da cultura do noso País fai necesario e inevitable a derrogación deste malfadado decreto do galego no ensino e, no entanto, o seu estricto incumprimento.
Por todo o devandito, mostramos o noso pleno apoio á manifestación en defensa da lingua galega que, convocada por diversas organizacións, terá lugar o día 17 de maio deste ano de 2012, e que partirá ás 12:00 horas da Alameda de Compostela.
Goberne quen goberne,
A LINGUA NON SE VENDE!
Ecologistas en Acción mostramos o noso pleno apoio á manifestación en defensa da lingua galega que, convocada por diversas organizacións, terá lugar o día 17 de maio deste ano de 2012, e que partirá ás 12:00 horas da Alameda de Compostela. Tambén mostramos o noso apoio a o manifesto de 2010 que denunciaba o malfadado decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.
Desde Ecologistas en Acción consideramos que constituía, e constitúe, un atentado á lingua galega e, polo tanto, un atentado á cultura e á identidade de Galicia.
DPM 🙂