Pages Navigation Menu

Manifesto lido na mobilización do 14 de Outubro en Santiago de Compostela

 

Quen ía imaxinar hai 5 anos o que se nos viña enriba? 

Quen podía supoñer este terrible ataque do poder globalizado contra as conquistas sociais e ambientais tan duramente conseguidas ao longo de décadas de loita? 

Non poderíamos imaxinar un relato de medo máis arrepiante que todo o que está a acontecer. 

Pero este maleficio non só ataca os dereitos humanos e empobrece as economías débiles, senón que ataca á propia terra, ao mar e ao aire que respiramos. As sinaturas negras vomitan leis que desprotexen a costa, privatizan os montes, degradan o territorio, espolian a auga, soporte de toda vida, desmantelan a agricultura e a gandería tradicionais, desmantelan a pesca artesanal e o marisqueo, e impulsan un urbanismo, unha industria e un modo de transporte que contaminan o aire, a terra, os ríos, as rías, o mar. 

A meigallo das sinaturas negras decide cales son os “sectores estratéxicos” e bendice a banca e, polo tanto o seu rescate, a automoción, as grandes estradas, o AVE, a acuicultura industrial, a minaría salvaxe, os portos faraónicos, o negocio das telecomunicacións. O maleficio esquilma os recursos naturais, destrúe a terra e o mar, arruina o País e espolia aos seus habitantes, para entregar o recadado ao poder económico globalizado: as grandes multinacionais. 

Non se consideran sectores estratéxicos a gandería nin a agricultura tradicionais, nin a pesca artesanal, nin o marisqueo, nin os montes e as rías que os sustentan. Non se considera estratéxica a soberanía alimentar, pese a que é a única garantía da nosa subsistencia nun futuro próximo. Non se considera sector estratéxico o transporte público, e desmantélase o tren convencional. Non se consideran sectores estratéxicos o noso territorio, a biodiversidade da nosa terra, a nosa paisaxe, o noso patrimonio histórico e cultural, a nosa identidade. Non se considera un sector estratéxico a defensa do aire, da terra, do mar, dos seres vivos, das persoas, da cultura, da fala, dos cabalos salvaxes, da paisaxe. Nós mesmos non somos estratéxicos.

Non se considera sector estratéxico ningunha forma de vivir que reparta a riqueza de todas e todos entre todas e todos. O feitizo da sinatura negra non permite que a riqueza sexa repartida, senón que a espolia e entrega aos bancos e ás multinacionais dos “sectores estratéxicos”, mentres o sortilexio escuro transforma a súa débeda privada en pública. Todo sérvese en bandexa de ouro ao especulador para saciar a súa devastadora voracidade. Así rebente.

Débeda sobre débeda, miseria sobre miseria, riqueza sobre riqueza.

Maldita sinatura negra. Maldito maleficio.

E mentres:

Quen defende a terra e o mar?

  • Quen defende unha terra viva e unha vida digna?
  • Quen defende a utilización racional dos recursos naturais?
  • Quen defende o patrimonio natural e histórico?
  • Quen loita por unhas rías limpas?
  • Quen loita por uns ríos vivos?
  • Quen defende a nosa soberanía alimentar?
  • Quen defende un litoral público e natural?
  • Quen defende un urbanismo integrado na natureza e na nosa cultura?
  • Quen defende uns montes ben xestionados e con vexetación autóctona?
  • Quen defende a participación da cidadanía na xestión do noso?
  • Quen loita por unha xustiza incorruptible?
  • Quen loita polo respecto ás outras especies e a protección real da natureza?
  • Quen loita contra a minaría salvaxe?
  • Quen defende un transporte colectivo eficaz?
  • Quen defende unhas alternativas enerxéticas públicas e conscientes?
  • Quen defende unha xestión responsable dos residuos?
  • Quen defende o fortalecemento do rural e a economía social na Galiza?
  • Quen defende a gandería?
  • Quen defende a riqueza forestal?
  • Quen defende a agricultura?
  • Quen loita contra a corrupción política e xudicial.?
  • Quen defende os dereitos socias?

 Quen é quen de romper este maleficio?

 Serán os políticos que din que nos representan? Os teóricos servidores públicos que traizoan ao pobo a quen se deben, e que actúan ao servizo do verdadeiro e espurio poder, o cego poder económico do capitalismo?.

Será a xustiza a que nos defenda?

Serán as grandes empresas as que nos axuden?

Ou os bancos os que nos faciliten cartos para vivir?

 O maleficio só podemos rompelo nós. As mulleres e homes desta terra. Decidamos o noso futuro, que non falen por nós. Tirémonos de enriba o meigallo, acreditemos en nós mesmos, unámonos e loitemos.

GALIZA NON SE VENDE !!!!!

Terra viva e vida digna para todos !!!

 

 

3 Comments

  1. “Los tontos útiles” eram 100, o dano nestes três anos de FrEIJOOy, irrecuperavel.

    http://www.galiciaconfidencial.com/nova/11855.html

  2. Chapeu! Polo manifesto e por seguir aí compas !
    Apenas lamentar mesquindade dos comentarios dos trolls resentidos: escravos do poder que non entenden que o pobo unido funciona sen seitas perigosas e que seguen poñendo os intereses dos seus amos por diante da terra. A defendela, irmaos e irmás, goberne quen goberne !

  3. Mellor ser “tonto útil” que quedar quedo na casa.
    Galiza non se vende nunca apoiou ao PP, por moito que se quera facer ver.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.