MANIFESTO PARA A DEFENSA DO MEDIO NATURAL NO ARENAL DA CALZOA (VIGO)
A Calzoa é un areal situado na desembocadura do río Lagares, o maior curso fluvial do municipio de Vigo, xunto á súa marisma (Xunqueira do Lagares), o que lle confire un gran valor ambiental, moi destacado desde o punto de vista ornitolóxico.
Atópase situado na área de influencia da zona ZEPA Rías Baixas de Galicia, pertencente á Rede Natura 2000, e é elixido preferentemente por moitas aves procedentes desta zona de protección para o seu descanso e a súa alimentación.
A Calzoa é frecuentada por aves mariñas e acuáticas en migración e exemplares invernantes que fan uso dela como zona de alimentación, para despois repousar nas pleamares ou pasar a noite no interior da Xunqueira do Lagares, a zona húmida de maior importancia do concello. Non ten sentido a protección da Xunqueira sen a protección da Calzoa.
Moitas destas aves, en especial as limícolas, precisan esta zona para alimentarse e poder continuar o seu camiño migratorio dende as zonas de cría (no ártico) ata as de invernada (en ocasións tan ao sur como Sudáfrica).
Neste areal foi observada a gaivota de Ross ou gaivota rosada (Rhodostethia rosea) incluída no catálogo de aves raras de España, sendo rexistrada unicamente en dúas ocasións en España con anterioridade.
Tamén foi o enclave elixido por unha gaivota groenlandesa (Larus glaucoides) que, como dato curioso, permaneceu durante dúas tempadas completas, convivindo con bañistas, nesta praia.
Sen desprezar outras especies de presenza frecuente, e incluídas no Anexo I da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo, relativa á conservación das aves silvestres, como o pilro curlibico da subespecie schinzii (Calidris alpina schinzii), a garzota común (Egretta garzetta), o carrán cristado (Thalasseus sandvicensis), o carrán común (Sterna hirundo) ou gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus) entre outras.
Debemos destacar, como especie non ornitolóxica relevante na zona, a presenza de lontra (Lutra lutra), unha especie estritamente protexida no Convenio de Berna, incluída no Anexo II da Directiva Hábitats: Especie de interese comunitario para cuxa conservación é preciso designar Zonas Especiais de Conservación e no Anexo IV: Especies de Interese comunitario que requiren proteción estrita e tamén cualificada como “Vulnerable” no libro vermello dos vertebrados de España.
Ademais, na praia da Calzoa aparece o Hábitat Natural de Interese Comunitaria “Dunas móbiles do litoral con Ammophila arenaria” (dunas brancas) catalogado co código 2120 na Directiva 92/43/CEE. Segundo esta directiva europea, un hábitat de interese comunitario que se atopa ameazado de desaparición na súa área de distribución natural e que require da designación de zonas de especial conservación.
No tocante aos invertebrados, salienta o mangón (Arenicola marina), que é un anélido poliqueto que conta cunha das súas poucas poboacións viguesas nesta praia.
A citada Directiva europea 2009/147/CE, relativa á Conservación das Aves silvestres, advirte de que “unha gran cantidade de especies de aves que viven normalmente en estado salvaxe padecen dunha regresión na súa poboación, moi rápida nalgúns casos, e que dita regresión constitúe un grave perigo para a conservación do medio natural” e toma en consideración que “as especies de aves que viven normalmente en estado salvaxe no territorio europeo dos Estados membros son en gran parte especies migratorias; que ditas especies constitúen un patrimonio común”.
Na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, no seu artigo 43 dispón: “(…) Para o caso das especies de carácter migratorio que cheguen regularmente ao territorio español e ás augas mariñas sometidas a soberanía ou xurisdición española, teranse en conta as necesidades de protección das súas áreas de reprodución, alimentación, muda, invernada e zonas de descanso, atribuíndo particular importancia ás zonas húmidas e moi especialmente ás de importancia internacional”.
E no seu artigo 46, referido ás medidas de conservación da Rede Natura 2000, dita en dous dos seus puntos:
- “3. Os órganos competentes, no marco dos procedementos previstos na lexislación de avaliación ambiental, deberán adoptar as medidas necesarias para evitar o deterioro, a contaminación e a fragmentación dos hábitats e as perturbacións que afecten as especies fóra da Rede Natura 2000, na medida que estes fenómenos teñan un efecto significativo sobre o estado de conservación dos devanditos hábitats e especies.
- 4. Calquera plan, programa ou proxecto que, sen ter relación directa coa xestión do lugar ou sen ser necesario para a mesma, poida afectar de forma apreciable ás especies ou hábitats dos citados espazos, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans, programas ou proxectos, someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións no espazo, (…)”.
Desde a súa designación como espazo de esparexemento canino, o declive sufrido por estas especies no areal de A Calzoa é moi preocupante, como así constatan os censos e observacións realizados por asociacións de defensa e estudo da natureza.
Son necesarios espazos de esparexemento para o crecente número de mascotas, pero outras opcións sensatas son posibles e foron propostas, ainda que non foron tidas en conta polos organismos competentes.
Esta necesidade debe ser atendida con seriedade e responsabilidade, pois non pode estar por encima da conservación, e o uso destes refuxios da fauna debe ser sustentable e respectuoso.
As entidades e persoas asinantes deste manifesto, queremos poñer en valor a praia da Calzoa como enclave único no noso territorio e reclamar a súa protección e preservación neste momento no que nos atopamos fronte a unha preocupante perda da biodiversidade e unha progresiva deterioración do litoral.
Reclamamos de forma perentoria tomar medidas por parte das administracións para a preservación e protección dun enclave como este e apelamos á conciencia social para defender un espazo natural que é patrimonio común.
ASINANTES:
Ecoloxistas en Acción Galiza
Asociación Fontaíña
Verdegaia
Amigos da Terra
Grupo de Anelamento Anduriña
Luita Verde
ANABAM-Asociación Naturalista Baixo Miño
Grupo Naturalista Hábitat
Matogueira Colectivo
SGO- Sociedade Galega de Ornitoloxía
Asociación Ecoloxista Anduxía
Grupu de Ornitoloxía MAVEA
EOAS-Grupo de Anillamiento Estación Ornitológica Anastasio Senra
Fundación BIOS Andalucía
Asociación Andalus
SGHN-Sociedade Galega de Historia Natural
ADEGA-Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
Plataforma A RIA NON SE VENDE integrada por:
Agrupaçom de montanha Augas Limpas
Asociación Cultural Berra Val Miñor
Asociación Treze Catorze
Bouzas Móvete
C.S. A Revolta
C.S. Faisca
C.V. contra a Macrodepuradora do Lagares
Caleidoskopio
Clube Espeleolóxico Maúxo
Colectivo Xogo Descuberto
Foro Social de Cangas
G.A.S. Vigo
OAR Redondela
Plataforma Cidadá de Redondela
Plataforma Defende Mos
Salvemos Monteferro
Salvemos O Salgueirón
SOS Serra da Groba
Verdegaia
Voces polo Litoral de Teis
RONCADELL Grup d’Estudi i Defensa de l’Entorn
APDR Asociación pola Defensa da Ría
Cómo eliminar os eucaliptos de Galicia
Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non
Asociación Petón do Lobo
Comunidade de Montes de Coruxo
Asociación socio-cultural O Iribio
Comentarios recentes