Pages Navigation Menu

Manobra electoral acuícola

O director xeral de Recursos Mariños cometeu onte dúas barbaridades democráticas. A primeira a de mentir á poboación galega, por canto as fábricas de peixe que di suprimir do plano acuícola –Touriñán (Muxía), Punta Corvos (Corrubedo-Ribeira) e Punta do Corno (Camariñas)– non eran unha posibilidade, pois xa estaban valoradas como ‘Non Aptas’ no plano neoliberal que levamos discutindo estes meses. Sacalas de novo a colación só se entende pola mudanza de funcións de Elorriaga, que pasa por uns intres de exercer de director xeral de Recursos Mariños a engrosar a nómina de comisarios políticos do goberno.

O 9 de marzo está aí e, pensará o comisario, se difundo esta medio verdade –xa que logo mentira–, sen explicar por exemplo que nada ten que ver a piscifactoría da Punta dos Corvos de Corrubedo coa que queremos facer a dous quilómetros na mesma parroquia mareira –a da Laxe Brava, que con 308.000 metros cadrados é a maior do plano–, nun certo sector da poboación quedaremos como benefactores, como que salvamos Corrubedo e atendemos ás demandas da poboación. Se cadra así amorearemos uns votiños máis, que boa falta fan.

Tampouco contarei, claro está, que as outras dúas que dicimos suprimir do plano non son realmente supresións significativas. De feito, a poboación non sabe que a planta prevista para Couso non pertence a ningunha empresa, senón á Xunta, pois realmente é un centro de experimentación; e no caso da planta de Ardía, no Grove, a redución, malia que é mínima (26.500 m2), non vai amolar aos empresarios, pois eles mesmos manifestaron que non a querían. O mesmo acontece, por exemplo, coa non ampliación da planta de Seráns, que tampouco é lesiva cos nosos amigos da patronal, porque o propio dono da empresa que alí existe xa dixo hai meses que non precisaba máis terreo. Vaia, que ao final imos dicir que reducimos menos dun 10% da ocupación dos 3,2 millóns de metros cadrados que imos roubar da costa exterior galega e ninguén se vai decatar. Os galegos son parvos, e as galegas, pois parvas. A poboación ficará así enganada cando menos até o domingo, e a conselleira e mais eu poderemos seguir coa xira de lupandas polas piscifactorías do país para contentar aos poderes económicos, que ao cabo son os que nos garanten, coa utilización de boa parte dos medios de comunicación, os nosos privilexiados postos de mando.

A segunda barbaridade democrática que cometeu o comisario Elorriaga, supoño que por orde da almirante Carme Gallego, foi a de respostar dese xeito, con esta maquillaxe electoralista e nada real, á pregunta parlamentar dun dos seus socios de goberno, de Bieito Lobeira concretamente. Elorriaga e a consellería do PSOE burláronse dos nacionalistas se mire por onde se mire, pois non atenderon a ningunha das reclamacións destes, que falaban por exemplo de eliminar a Laxe Brava do plano, ou de modificar substancialmente, e mesmo eliminar, tamén proxectos como o de Merexo, Camelle ou Seiruga (da animalada de Quilmas non se acorda ninguén no goberno), ademais doutras reclamacións que, se ben seguen a conservar o carácter colonialista do plano –algo incríbel na formación que disque defende os tecidos produtivos do país (o país non é Noruega)–, cando menos tentaban suavizalo. Así vemos de novo como o socio é traizoado, utilizado, burlado e desprezado, e como o bipartito este non é unha solución para o país, pois conserva todos e cada un dos grandes proxectos do Partido Popular (Gaiás, Ave, Plano Acuícola, Plan de Minaría, Eólicos, Portos deportivos, etc). Un consello ao BNG: rachade dunha vez coa vosa submisión e plantádevos de verdade se é que realmente estades en contra desta catástrofe socioeconómica e ambiental, que o PSOE sen BNG tampouco podería gobernar.

Mentres, os colectivos sociais máis activos na loita contra esta barbarie na costa nosa –léase Quilmas, Corrubedo, Merexo, Camelle, Arou, Seiruga, etc– son obviados e desprezados tamén. Só que eles xa están acostumados e non esperan outra cousa que este comportamento ditatorial. Se cadra porque eles si saben das mentiras deste goberno, que pouco se diferencian das que outrora quixeron agachar o desastre do chapapote. Só que agora falamos de cemento e formigón. Eu, pola miña parte, no canto de alimentar a mentira nas urnas o 9 de marzo, irei pasear pola Laxe Brava de Corrubedo para sentir na faciana os salseiros do mar. O resto é, non teñades dúbida, perder o tempo e lexitimar a mentira.

[Manoel Santos. Plataforma Medioambiental de Corrubedo / Altermundo]

6 Comments

  1. Non comparto a teoría de que o BNG é traizoado polo PSdeG. O certo é que a fronte nacionalista quere aparecer agora, pola proximidade das eleccións e pola contestación social ás plantas acuícolas, como un defensor do litoral. Pero non é máis que iso: unha pose de cara á galería. As palabras de Paco Rodríguez apelando á fidelidade cos socios de goberno deixan ben claro as intencións do BNG. Non nos enganemos, ou non nos deixemos enganar. A política acuícola está deseñada polas grandes corporacións e estas son demasiado poderosas como para que un goberno como o galego, sexa da cor que sexa, se opoña á suas ansias de riqueza.

  2. Tranquilo Manoel , que o “comisario” non lle cola. Mentirosos e aproveitados e o que son estes mandatarios do PSdG.
    De todas maneiras , quixera ver mais movemento do BNG, ainda sigo esperando que colla dunha ves o toro polos cornos (iniciativa parlamentaria). Vamos a darlle logo un pouco de marxen, !pero como a cage! vai a levar forte,forte. Palabra de BLOQUERO:

  3. Ao BNG, a medida que se fôrom achegando as eleiçons foi-lhe entrando o canguelo e começou a dissimular e tentar fazer ver que todo é culpa do PSOE.

    Quem a estas alturas pode seguir a crer que todo isto nom vai co BNG? Acaso tem o BNG um melhor programa ambiental que PP e PSOE? Como tratou o BNG à Rede GNSV?

    O BNG é mais do mesmo.

    E por certo, quê mais tem se som da Noruega ou galegas essas empresas? Se som norueguesas é colonialismo e se som galegas nom? A ver se imos actualizando o discurso, que a naçom e o patriotismo nos cegam, e mais quanto mais perto dumhas eleiçons estamos.

  4. As empresas galegas son dos seus donos, ergo non son galegas. Son as cousas que ten iso da propiedade privada.

    O que xa non teño tan claro é se na mente dun simpatizante nacionalista o empresario é capaz de confundilo do seguinte xeito:

    Son galego e quero unha empresa -> A empresa é dun galego, logo a empresa é galega -> Galicia agradecerá a creación desa empresa. Porén, a cousa nacionalista galega, con estas inclinacións, é dun simbolismo tan intrascendente que fai sospeitar da bondade dos seus militantes, ou, alomenos, dun certo retraso mental.

  5. Os paso esta noticia pero no sé si será más electoralista que otra cosa….

    http://www.galiciae.com/nova/7816.html

  6. omg.. good work, dude

Deixa una resposta a Pablo C. Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.