Marín non necesita un centro comercial na Brea.
A filtración desde o goberno municipal das negociacións para instalar un centro comercial na Brea son, de ser certo, un intento de poñer á opinión pública contras os veciños que se opoñen a esta zona industrial. Fanse, ademais, cando se publica o proxecto de orzamentos da Xunta que un ano máis non teñen en consideración a Marín e só presentan a xa eterna partida para o auditorio.
A implantación de grandes superficies comerciais afecta ao entramado urbano e comercial provocando unha redución do pequeno comercio e un aumento do uso do vehículo privado e polo tanto incide negativamente no medio ambiente. Este tipo de negocios o único que fan e fomentar un consumo desmesurado.
Cando en Cataluña aprobaron unha moratoria na instalación de centros comerciais debido a súa negativa incidencia, veñen os nosos gobernantes municipais a vendernos que están negociando “en secreto” cunha gran empresa para instalar un centro comercial na Brea. Será a mesma empresa que pretendía instalarse no “centro de ocio” do porto e que parece ser que vai ser un máis dos proxectos fracasados en Marín?
Agora xa sabemos quen estaba tan interesado en colocar un parque industrial na Brea, e por que o BNG traballou tanto para levar adiante este proxecto, tamén sabemos agora para quen traballa o BNG coa complicidade do PSOE de Marín.
Non poñen tanto empeño en negociar coas distintas consellarías da Xunta que o noso pobo leve algún tipo de inversión nos orzamentos, tan só unha mísera partida para o auditorio. O mesmo auditorio que todos os anos aparece no proxecto de orzamentos, xa desde o goberno do PP, pero que nun acaba por materializarse.
As ilusións que se fixeron moitas persoas coa elección dun alcalde novo, en todos os aspectos, e que podería traer unha nova forma de actuar e de xestionar, pronto desapareceron. A actuación do goberno municipal de Marín está caracterizada pola separación en dous do mesmo, dunha banda o PSOE e doutra o BNG, cada un manexando a súa parcela e tentando saír máis veces na foto.
Marín ten moitas necesidades, pero entre elas non está un centro comercial na Brea. Necesitamos dotarnos de servizos públicos que asenten á poboación e lle den calidade de vida. Para iso faise necesaria a actuación conxunta das distintas administracións, cousa que o noso alcalde é incapaz de acadar.
Marín necesita un novo centro de saúde, unha nova biblioteca, que se constrúa o pavillón de Seixo, a mellora na protección e posta en valor do noso patrimonio natural, cultural e arqueolóxico, que dunha vez se fagan vivendas sociais, un centro de día para os maiores e a mellora das vías de comunicación para humanizalas e achegarnos ao resto do Morrazo en condicións.
Estas son as necesidades de Marín e non grandes obras faraónicas que van afectar negativamente ao entorno e a nosa calidade de vida. Non precisamos transformar a estrada de Pardavila a Moaña nun circuíto de alta velocidade, non precisamos zonas industrias en ubicacións caprichosas para favorecer intereses alleos e prexudicar aos que vivimos aquí, e non precisamos un centro comercial na Brea.
Marín non necesita ser o vertedoiro das obras e infraestruturas que non queren noutros concellos, queremos que se nos tome en consideración para investir en cultura, sanidade e asistencia social, que son actividades que tamén crean postos de traballo.
Comentarios recentes