Pages Navigation Menu

Medidas contra a corrupción

De auténtica lacra pódese calificar a corrupción que aniña nos concellos galegos. O poder do diñeiro iguala aos partidos políticos e subtráelles o seu contido ideolóxico. As siglas que hoxe representan á cidadanía galega demostraron ser propensas aos cantos de serea dos promotores inmobiliarios e demais ralea depredadora. Pero esta corrupción que beneficia a determinados rexedores e partidos políticos ten como cruz uns efectos aciagos para o conxunto da veciñanza. Non só esquilman a paisaxe que pertenece a todos por igual, e da cal vivimos, senón que provoca no honesto cidadán un sentimento de frustración e desalento que o alonxa das súas responsabilidades políticas. Pódese discutir cales serán as medidas necesarias para combatir esta perversión do sistema político mais ninguén nega a necesidade de tales medidas. A presión social e a disposición institucional son claves para afrontar o problema, tendo sempre presente que a segunda será máis efectiva canto máis forte sexa a primeira.

Recentemente tivo lugar un encontro de expertos na materia que estudaron as distintas medidas que, na súa opinión, poden poñer freo ao preocupante crecemento da corrupción urbanística. Este grupo formado por máis de 200 xuices, fiscais e catedráticos de Dereito Penal, de ideoloxía progresista, elaboraron un manifesto, do que se fixo eco a prensa do país, no que avogaban pola implantación de medidas radicais como única solución ao problema do urbanismo salvaxe. Partindo do feito da existencia de concellos corruptos que actúan á marxe da legalidade vixente e das ordes emanadas das institucións superiores, autonómicas ou centrais, este grupo de xuristas propón que tales concellos sexan desprovistos das súas competencias en materia urbanística, subtraéndolles as capacidades de autonomía que até agora disfrutan. Medidas que non desbotan a posibilidade de disolución de determinados Concellos. Igualmente se pide reforzar o papel dos secretrarios, cuxos informes non son actualmente vinculantes para os alcaldes.

Outro estamento que debe ser controlado segundo os xuristas é o formado por notarios e rexistradores que en moitas ocasións actúan con “connivencia, complacencia, neglixencia ou omisión”. O branqueo do diñeiro estaría máis controlado de obrigar aos notarios a denunciar operacións sospeitosas.

Os gobernos autonómicos deben impedir o crecemento urbanístico desmedido que os concellos propoñen a través dos seus PXOM, exixindo que estes se basen en datos reais e non especulativos do crecemento da poboación. Hai vilas galegas que tendo un crecemento vexetativo negativo, os seus planeamentos urbanísticos tentaban triplicar o chan urbanizábel.

Un denominador común a todos os concellos afectados pola corrupción é a impunidade coa que actúan os seus alcaldes amparándose na suposta aotonomía municipal e no carácter non vinculante dos informes dos seus técnicos. Para estes xuristas debería modificarse o Código Penal co ánimo de considerar delito os casos de prevaricación manifesta, como pode ser conceder licenzas a obras non acordes coa lexislación vixente. Nestes casos o informe respalda a demolición obrigatoria e sen dilación das obras declaradas ilegais pola xustiza.

4 Comments

  1. hai tantas medidas á nosa disposición que o extraño é que que se siga xerando corrupción. Nas últimas eleccións o 70% dos rexedores acusados de corrupción volveron a ocupar cargos públicos. É acertada a modificación do papel de rexistradosres e notarios, que en lugar de “dar fe”, fanse cómplices de todo tipo de falsedades. O cuarto poder, aliado moitas veces cos poderes locais, opta por non informar destes turbios temas (véase La Coz). Os partidos políticos inhíbense ante a avaricia do voto fácil. Penso que a nosa democracia está pensada para permitir e xustificar estas ilegalidades. A proba é que o principal incumplidor da lexislación é a propia administrción. A lei de transparencia aprobada polo noso bipartito é incumplida polo mesmo bipartito. E moitos de nós, que deploramos este estado de alegalidade, vemos con medo que o cumplimento estricto da lei podería volverse en contra de nós.

  2. Fusquenlla sería agradabel saber de onde son as fotografías… reveladoras por certo da barbarie que estase a perpetrar diante das nosas narices!

    Pero ten moita razón Olga cando apunta a que o mal está xa moi extendido entre tódalas cidadanía propietaria!

    Só os que non temos propiedades ou non temos posibilidades de telas estaríamos na cabeza das manifestacións contra da especulación urbanística!

    Lamentablemente alguén dicía que ía chover cemento en Galicia… e camiño levamos de que se cumpra a profecía…!

    Onde podemos atopar ese Informe de Expertos…? Asinaron o informe ou so é un brindis ó sol para quedar ben coa parroquia?

    Cando a propia presidenta do Parlamento de Galicia está baixo sospeitas, máis que fundadas, de neglixencia e posible corrupción por delitos urbanísticos en Vigo… que podemos agardar da clase política?

    Porén as solucións terían que vir de abaixo (e non de arriba!)

    Eu vexo máis sensatez en apoiar ós movementos cidadáns por unha vivenda digna… Pola Okupación Constitucional segundo o artigo 47 da Constitución… Pola penalización fiscal ás vivendas desocupadas… publicando os rexistros da propiedade… etc…

    Se os especuladores colleran medo a perder a súa tranquilidade especulativa…
    as cousas poderían virar de rumbo!

    Mentres tanto…todos somos especuladores potenciais!

    ¿Ou non?

  3. O equipo redactor do informe recibe o nome de “Grupo de Estudios de Política Criminal” A súa páxina web é http://www.gepc.es/

  4. trátase outra vez do ecomonstro de Caldagueiro, en Pontedeume. O goberno local culpaba da monstrosidade á orografía! Na web de Fusquenlla temos unha galería de ecomonstros erixidos ao longo da costa galega. Agradeceríavos que se tedes algún ecomonstro a man nolo enviarades

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.