Medio cento de veciños frean outra vez os traballos no Salgueirón
A Confraría de Pescadores presentará en Cangas unha denuncia por delito ecolóxico.
A primeira hora deste venres, continuaban os traballos a pé do mar de Cangas das obras do peirao do Salgueirón, no contorno da vella factoría de Massó. Unha vez máis, membros do Foro Social Cangas Non se Vende achegáronse para denunciar a ilegalidade do proxecto e tratar de impedir o acceso dos camións. De xeito concreto, advirten desde o Foro de que a empresa adxudicataria está guindando ao mar non só pedras, senón tamén terra, xustamente no contorno onde hai apenas uns días que traballan as embarcacións da campaña da ameixa.
Critican ademais que o Concello de Cangas non repuxo o sinal que prohíne o paso a camións polo camiño municipal de Punta Balea e insisten nos buratos que seguen permitindo “as obras ilegais dun porto deportivo ilegal”. Retirados a primeira hora por axentes da Garda Civil, posteriormente acudiron á zona máis veciños, entre outros o patrón e vicepatrón da Confraría de Pescadores San Xosé, de Cangas, e a concelleira de Persoal do municipio, Maruchi Álvarez (ACE). Fronte á presencia de arredor de medio cento de persoas, a Garda Civil optou por ordenarlle aos camións que se retiraran. Segundo puido saber Vieiros, a Confraría canguesa ten previsto a presentación dunha denuncia por delito ecolóxico polo avance dos traballos a pé da ría. Recordámoslles que existe aínda un contencioso pendente de resolver que enfronta o proxecto coa confraría. Vieiros
Penso que é moi importante mobilizar a xente de Cangas para a manifa do 20, amais dos colectivos de fóra que poidan apoiar. Pero a presenza dos nosos veciños, mariñeiros e comerciantes afectados polo centro comercial que vai parello ó proxecto, e fundamental.
Chapó. Clarita treme.