Pages Navigation Menu

Monteferro no Avance do PXOM: cemento, ladrillos e area

O pasado sábado Salvemos Monteferro fixo pública unha nota de prensa na que daba conta da sorpresa e indignación que supuxo para este colectivo o Avance do PXOM de Nigrán, onde se contempla a cualificación como “zona urbanizable” para 20.000 m2 dese espazo natural senlleiro da Ría de Vigo.

Isto sucede cando o Consello Sectorial (no que está integrado o propio colectivo con máis de 20 asociacións de todo o concello) acababa de presentar as súas propostas nas que se reclamaba a maior protección para Monteferro, así como restrinxir ao máximo a construción de novas edificacións e infraestruturas na zona litoral.

Salvemos Monteferro naceu hai catro anos para parar un intento de urbanización do monte. Desde aquela choveu moito. Gañamos aquela batalla e, pouco despois, xunto ás asociacións veciñais de Nigrán, botamos abaixo un PXOM que apestaba a corrupción (aínda queda por aquí un resto daquel cheiro fedorento). Unha revolta popular pola que moit@s veciñ@s e compañeir@s pagamos un alto prezo.

Logo houbo eleccións e o PP foi derrotado. PSOE e BNG comparten agora os sillóns da Casa do Concello. Empezamos un novo PXOM con promesas solemnes de participación e transparencia. Pero volvemos ás andadas. Pois ben, nós seguimos e seguiremos sempre onde estabamos: Nigrán non se vende, Monteferro non se vende!!!

Para ler integramente a breve nota de prensa, ver unha recreación virtual da desfeita proxectada e engadir ao final un comentario (é importante para nós que o fagades) non tedes máis que pinchar aquí.

Salvemos Monteferro!!!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.