Morre na Serra do Suído unha aguia albela ao chocar en voo cun aeroxerador
![]() |
Por que algunhas ubicacións de parques eólicos son antiecolóxicas? Na Serra do Suído calcúlase que soamente hai 3 ou ao sumo 4 parellas desta ave protexida |
Ao pasar unano escaso da súa entrada en funcionamento, o parque eólico construído por EUROVENTO, SL e logo vendido a ACCIONA comeza a matar a avifauna protexida. A aguia albela (Circaetus gallicus) está incluída no anexo I da Directiva 79/409/CEE do Consello, de 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres e tamén no “Libro vermello dos Vertebrados de España”. Esta directiva xunto coa “Directiva Hábitats” (92/43/CEE), motivaron a inclusión da Serra do Suído na nova proposta de ampliación da Rede Natura 2000 en Galiza. No artigo 4 desa directiva dise: “As especies mencionadas no Anexo I serán obxecto de medidas de conservación especiais en canto ao seu hábitat, coa fin de asegurar a súa supervivencia e a súa reprodución na súa área de distribución”.Lonxe de ser algo extraordinario, as colisións de aves contra os aeroxeradores son comúns. As colisións revisten maior importancia cando se trata de especies ameazadas pola escaseza das súas poboacións, como é o caso da aguia albela e das outras grandes rapaces ou aves en voo migratorio. Deste xeito os parques eólicos convértense en auténticas barreiras letais para a avifauna e para algunhas especies de morcegos. De feito, non é a primeira vez que atopamos aves mortas por colisión no Suído e sen contar coas que morren e nunca topamos xa sexa pola acción dos animais carnívoros ou pola propia acción do persoal de mantemento do parque eólico.
Isto amosa que os estudos e a avaliación ambiental realizados pola empresa promotora non serven para nada e son unha fraude. O único propósito dos Informes de Avaliación Ambiental do parques eólicos do Suído é o “lavado de cara” xa que en ningún momento se contemplou a non construción dos parques, como sería sensato e agora o mal xa está feito.
Solicitamos ás Consellarías de Medio Ambiente e Industria que tomen boa nota do que está a suceder no Suído, para que nas novas concesións eólicas non se repita a mesma historia e non cometan os mesmos erros da anterior administración galega do PP
As Directivas(tamén as ambientais) son de obrigado cumprimento mais moitas veces ninguén as fai cumprir e quedan en “papel mollado” sendo ésta unha das causas de tanta destrución e da perda da avifauna e do seu hábitat.
Hoxe no xornal “El País” ven unha nova que é un precedente esperanzador: un xuíz paraliza un parque eólico nunha zona de urugallos. Polo visto, as eléctricas utilizaron unha treta para zafarse da avaliación ambiental e ademais as obras comezaron sen un requisito esencial, a publicación da autorización administrativa. Apóiase nun informe da Universidade de León que crtitica que a Junta de Castilla y León dese o visto bo e non tivese en conta a existencia desta especie, que é a máis ameazada de todo Estado e que debera protexer.
Un catedrático axudou ós ecoloxistas e a unha plataforma socialque denunciou os feitos.
Así tiñan que actuar todos os expertos, catedráticos, biólogos etc.como lles dixemos un día nun debate en Ferrol pois son moi poucos os que se implican e, como denunciou públicamente hai meses nun xornal un catedrático galego, o sr. Guitián sempre hai algún expertoou expertos , catedrático etc. detrás de cada proxecto , plan, avaliación de impacto ambiental… destructor da nosa terra e grazas a isto a Xunta ou a administración correspondente aproba todo.
Iso tiña que considerarse un delito ecolóxico e os xuíces actuar ante estos feitos sempre deste xeito,con medidas cautelares e con conciencia.