Nasce a Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos
As organizacións SLG (Sindicato Labrego Galego), VSF (Veterinarios Sen Fronteiras), Verdegaia e Amarante apresentaron onte en conferencia de prensa a alianza que veñen de forxar seguindo o mandado do Foro Mundial para a Soberanía Alimentar (Foro de Nyéléni 2007). A Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos nasce co obxecto de “dar a coñecer, construír e defender a Soberanía Alimentar dos pobos, en e desde Galiza”.Seguindo o mandado do Foro de Nyéléni, SLG, VSF, Verdegaia e Amarante veñen de forxar unha alianza coa que pretenden contribuír a “dar a coñecer, construír e defender a Soberanía Alimentar dos pobos en e desde Galiza, cos pés na terra e cunha ollada global, colaborando con iniciativas similares existentes noutros países, sen descartar a integración en alianzas ou plataformas supranacionais”, segundo recolle o manifesto, que se pode ler en www.soberaniaalimentar.info.
As organizacións integrantes da Iniciativa denuncian o feito de que centos de millóns de persoas, mulleres na súa maioría, padecen fame e desnutrición no mundo, aínda vivindo na súa maioría en contornos rurais. O industrialismo en xeral, e o sistema industrial de produción/estración e comercialización de alimentos en particular -insustentábel, oligárquico e enfocado á exportación-, impede a labregos e labregas aceder aos recursos necesarios para producir os alimentos básicos, do mesmo modo que reduce á mínima expresión a nosa capacidade para decidir os alimentos que consumimos.
“Galiza, como parte da minoría global privilexiada que é, non padece problemas de abastecemento de alimentos para a súa poboación, pero non por iso goza de Soberanía Alimentar. A nosa capacidade para decidir os alimentos que producimos e consumimos é cada vez menor, porque o noso rural esmorece; porque estamos a desertizar a nosa terra, ríos e mar; e porque dependemos do sistema industrial. Ao mesmo tempo, somos fonte de erosión da Soberanía Alimentar doutros pobos” di o manifesto da Iniciativa, para continuar afirmando que “Avanzando na nosa Soberanía Alimentar construiremos unha Galiza cun rural vivo, máis ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusta, cunha menor pegada e débeda ecolóxica. A construción e garantía da Soberanía Alimentar do pobo galego, ademais, debe ser compatíbel coa dos demais pobos do mundo”.
A Iniciativa defende o dereito a decidirmos qué alimentos producir e consumir, o dereito das xentes que traballan a terra e o mar a producir os alimentos básicos, amósase convencida de que podemos vivir sen devorar o planeta e o futuro, e asegura que acabar coa fame e a desnutrición é posíbel, superando o industrialismo. A Soberanía Alimentar prioriza a produción sustentábel de alimentos para consumo familiar, local, rexional ou nacional fronte á produción industrial para a exportación.
Precisamente hoxe a FAO, axencia de alimentación e agricultura da Organización das Nacións Unidas (ONU), alerta do perigo que se albisca sobre os países máis desfavorecidos economicamente. A razón é o aumento do prezo dos alimentos que se manifestan nas sociedades que xa padecen a escaseza deles. Segundo o director deste organismo, Jacques Diouf, o alza de prezos está a crear fame e disturbios sociais co resultado de mortos.
Os cereais aumentaron o seu prezo un 88% dende marzo. Este incremento explícase por un aumento da demanda e tamén o uso que se lles dá para a elaboración de biocombustibeis. Para a FAO o problema agrávase en África onde se pagará un 74% máis pola importación de cereais, considerando este feito como unha verdadeira traxedia.
“A xente está morrendo porque protesta ante a situación e se nós non realizamos as accións necesarias, cabe a posibilidade de que morran de inanición” declarou Diouf.
Qu’ils mangent de la brioche!