Pages Navigation Menu

Nós tamén somos axentes sociais

Núñez Feijoo quere protexer o litoral, quere ordenar o territorio e quere facelo coa participación dos “axentes sociais”. Eso manifestou no seu discurso de investidura e coa intención expresada deberiamos concordar plenamente. Porque xa está ben de indeterminación xurídica no urbanismo, na protección do litoral e no uso do solo. Non temos dúbida de que esa é a orixe da corrupción, da desorde, do feísmo, e de abusos de todo tipo. Acabemos con iso. Requírese facer o que non soubo ou non quixo (perdeuse en consideracións de oportunidade política) o anterior executivo: Se houbese unha lei de protección do litoral aprobada non precisaríamos, en efecto, prorrogar a moratoria para construír nos primeiros 500 metros de costa, medida xeneralista e arbitraria que non responde a condicións concretas de cada lugar.

Poren, e por desventura, temos a sospeita de que as xuiciosas verbas de Feijoo están lonxe de significar o mesmo para todo o mundo (qué versátil se volveu a linguaxe, que xa nada significa algo con certeza). Tal presunción procede da designación por Núñez Feijoo dos “axentes sociais” aos que vai ofrecer participar na elaboración deste proxecto de ordenación. O presidente entende que estes son en primeiro lugar os empresarios da construción, os seus mais destacados interlocutores desde que se sabe presidente da Xunta; e en segundo e último lugar, que escoitáramos, os representantes dos municipios, que ademais, para que non haxa enoxosas discrepancias, coinciden en todo punto cos primeiros: A saber, fundamentalmente en que aquí non houbo nin hai desorde urbanística ningunha, salvo a provocada pola moratoria dos 500 metros. Por suposto que estes “axentes sociais”, se declaran firmes defensores do litoral, da sustentabilidade e do medio ambiente, e proclaman a súa intención de seguir a obrar na súa defensa, como fixeron ata agora, que ninguén o dubide.

De feito, o actual modelo de ordenación urbana llelo debemos en exclusiva a estes dous “axentes sociais”. E tamén a unha lei feita á súa medida, pensada para poder ser contravenida e dotada dos mecanismos axeitados para facer todas as transmutacións que fixeran falta, de rural en urbanizable e de urbanizable en urbano: Ningunha figura legal é definitiva, nada está consolidado. Nin zonas verdes, nin espazos públicos, nin xacementos arqueolóxicos, nin litorais, humedais ou ribeiras. Non hai zonas de especial protección que vallan. Todo é susceptible de ser urbanizado cun pouquiño de vontade política e “social”. Todos os concellos deso saben o seu. De haber algunha limitación, sería a que dispuxesen eles mesmos, en beneficio do seu mais lucrativo negocio, que no é a construción, non. O negocio redondo é especular co solo: Plusvalías millonarias tras una recalificación oportuna. Compro un monte e aos poucos meses teño un solar de valor astronómico. Non entremos no tema das comisións, porque iso non se recoñece, alomenos públicamente. Eses son os “axentes sociais” de Núñez Feijoo. Os demais so pasábamos por aquí.

Ben, pois esa “ordenación” xa está feita, e leva a funcionar tempo dabondo para poder comprobar a súa eficacia desurbanizadora. Se iso é o que quere, señor presidente, non pase mais traballo: Vostede déalle carta blanca aos PXOMS tal cual se levan presentado en Urbanismo para a súa avaliación inicial, elaborados polos concellos coa inestimable participación dos promotores inmobiliarios (doutro xeito non se entende tanta sintonía cos seus intereses), e xa está: Queda todo legalizado, a moratoria dos 500 metros desactivada, os seus “axentes sociais” encantados da vida, e vostede pode marchar para a casa e descansar.

Pero si de verdade quere ordenar o urbanismo,si eso fose certo, aínda que a apariencia é que tenta despistar ao resto de axentes sociais do país, vai ter que ir excluíndo do proxecto xusto a eses cos que pensaba contar. Porque o modelo económico que defenden probadamente baséase na desorde urbanística, na indeterminación xurídica e no crecemento indiscriminado. Os seus axentes sociais non van salvaguardar o litoral do cemento, porque formigonalo sen trabas é a súa maneira de enriquecerse, aínda que sexa do transitorio xeito que permite a duración dunha burbulla inmobiliaria antes de que nos estoupe a todos na cara. A eles sempre lles vai compensar. Os beneficios son inconmensurables. Non van notar as crises conseguintes e perante as recesións esperarán tan cheos a que chegue o seguinte ciclo expansivo.

Se quere orde urbanística, presidente, e se quere tamén aforrarnos algunhas probables crises económicas aos que realmente as sufrimos, so hai un camiño: Cambiar o modelo. Modificar o sistema legal que favorece a especulación. O solo urbano non se pode liberalizar, porque ten un uso social. E o beneficio empresarial non se pode contar entre os seus usos sociais .Eliminando o espurio valor de cambio do solo, as vilas crecerían en harmonía coa súa poboación efectiva e poderían ser deseñadas para a vida. Quizais aparecería por fin a figura do urbanista e por fin se faría urbanismo de verdade. O litoral deixaría de sufrir tanta presión e ata conservaría o valor que ese turismo que tanto desexa atraer aprecia. Pero o mais importante: Afastaríase a corrupción dos concellos e faríase posible a rexeneración democrática deste país. Os que promovemos ese outro modelo tamén somos axentes sociais. Somos os cidadáns que habitamos este maltratado territorio. Ignorarnos é obrar en contra dos nosos intereses. Non o esqueza.

4 Comments

  1. Nos non, oh! Como imos ser nos axentes sociais, co desprestixada que está esa denominación? Axentes Sociais, son CCOO, UGT, A Federación de Asocición de Veciños Eduardo Chao, etc. aquels que están dispostos a facerlle o traballo sucio aos políticos, achanzarlle o camiño e acalar as masas, que nos venden día a día.

    Queredes rechear, a ría de Vigo? Pois adiante, é necesario, é imprescindible, pero facede algo pilotado, por aquelo de que non se veña o que pasa por debaixo, pa oq ue hai que ver! Que tal se facemos un mega negocio agrupando os servizos públicos en mans privadas e lle chamamos area metropolitana de Vigo? que vos parece se nos pasamos por alí donde sabemos todos os gobernos municipais, dos concellos limitrofes, e poñemos os intereses da maioría dos cidadáns do concello máis poboado, porriba de todos os demáis? e se manda o noso Abel ou a nosa Cori, e os demáis nin figuran na foto? Ese cando fagamo un tunel polo val do Maceiras, falo eu, Abel, cando fagamos un polígono, nas Gándaras de Budiño, falo eu Abel, se cando fagamos unha autovía, Por Redondela, falo eu, e sós e me escoite a min, ainda que eu nonsexa o rexedor do concello beneficiado (pola desfeita)? cobremos todos, e eu máis, creemos novos postos de funcionarios donde empregar aos nosos fillos, primos e demáis familia, e se non aproban a oposición, enchufémolos nos servizos públicos privatizados que vaiamos facendo e adxudicando ao que máis comisión nos deixe. Si Portestan los sindicatos les damos cursos, o contratos para supervisar las obras (que no trabaje ningún latino, eh? vigilamelo!) si Portesta la federación que ibamos a esperar de una acolita del PP, le quitamos un local, le retiramos la subención, que ya vendrán llorandonoslo todo y chupandonos la . . . con que el puerto tiene que crecer, etc. Y por la Defensa de la ría, defendamos los interese económicos y accedamos al chantaje y descaro de la Naviera Mar de Ons. OK, maquei!

  2. Feixoo non quere prohibicións no litoral nin imposicións na lingua. Pero qué liberais son os conservadores! Ao seu lado nós somos uns penosos autoritarios. Pero, postos, no de abolir imposiscións e prohibicións eu teño outras suxerencias mellores, e distribuídas mais democráticamente: O imposto da renda, a ORA nos aparcamentos, as semanas laborais de cinco dias (que duren o que cada quen queira)…uahh! Sáenme centos. É que o anarquismo enghancha que da medo.

  3. Habería tamén que desregular, segundo a tese neoliberal, o aborto, a eutanasia e a financiación da relixión.

    Eu sigo esperando, mentres estes anarquistas do capitalismo e a liberdade a costa de todo seguen a facer filosofía do seu (antes chamado egoísmo).

  4. Mentres que os anarquistas defenden a ultranza a liberdade dos individuos e das colectividades para facer co que lles é propio o que eles mesmos decidan (sen goberno nin imposición de algunha clase), os partidistas queren facer o que lles sae da pinga a eles co que non é deles (impostos, patrimonio cultural, dereitos dos demais, natureza de todos). Todo sempre en nome da Nación, do Povo, da Lei, da Liberdade, da Razón, da Raza… puff

    A enorme diferencia entre calquera tipo de político partidista e os anarquistas está á vista. E vai resultar que Galiza xa non se vende…

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.