Pages Navigation Menu

NOTA DE PRENSA DE “A RIA NON SE VENDE” SOBRE AS DECLARACIONS DOS VOGAIS DO CONSELLO DE ADMON. DO PORTO DE VIGO

Mafia portuariaDesde a rede de colectivos “A Ría Non Se Vende” consideramos lamentábel a campaña contra o auto de paralización das obras do Areal. Esta campaña, orquestrada pola Autoridade Portuaria de Vigo e apoiada polos mesmos empresarios que forman parte do seu Consello de Administración, intenta presionar para que a xuíza levante a paralización das obras, saltándose toda a legalidade vixente co único argumento de que “prexudica os intereses de Vigo” cando o que prexudica realmente son os seus propios intereses.

O que lemos estes días na prensa asemella unha esperpéntica campaña de apoloxía da prevaricación, por parte dalgúns empresarios portuarios.

 

Os xornais do luns 11 de xaneiro titulaban:

 

“Os empresarios de Vigo contra a orden de paralización do recheo do Areal”

 

Lendo completa a noticia resultaba que os tales empresarios eran, todos eles, vogais do Consello de Administración da propia Autoridade Portuaria:

 

* José Manuel Fernández Alvariño, Vogal representante da Federación de empresarios de Pontevedra.
* Gonzalo López Braga, Vogal representante da Consellería do Mar e da Federación de usuarios do Porto.
* José García Costas, Vogal representante e Presidente da Cámara de Comercio, Industria e Navegación.
* Bonifacio Logares Güenaga, Vogal representante de ACOESPO (Asociación de Consignatarios da Provincia de Pontevedra) e por último,
* Cándido Rodríguez Graña, Vogal representante de UGT.

 

Nós pensamos, polo tanto, que o titular debería ter sido este outro:

 

“O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo apoia á Autoridade Portuaria de Vigo”

 

Piden “celeridade” á xuíza para que tome a decisión que eles queren, cando ao mesmo tempo se queixan da rapidez coa que se dictou o auto. Parece que, acostumados como estaban á política de feitos consumados, esa resolución xudicial colleunos desprevidos.Falan de respecto ó dictame, sempre que este sexa a favor da continuación das obras, e falan de respecto ao medio ambiente, sempre e cando a ampliación do Areal siga adiante. Senón todo vale para desacreditar aos colectivos denunciantes, aos periodistas incómodos, á xuíza e ao fiscal.

 

Falan tamén, con descaro, da perda de millóns de euros en subvencións, cando os responsábeis desas perdas están precisamente sentados no Consello de Administración do Porto. Responsábeis pola súa mala xestión, por realizar proxectos contrarios à lei e sen o mais mínimo respecto polo medio ambiente, e por acumular 17 anos de retraso na redacción do preceptivo Plano de Usos. Unha falta de planificación intencionada que converteu o espazo portuario nun caótico polígono industrial ao servizo dos intereses deses mesmos que agora anuncian a apocalipse.

 

Nada se fai por trasladar fóra do porto ás empresas e naves alleas á actividade portuaria para liberar espazo e non precisar de máis recheos, pero en cambio malgastan o seu tempo, os nosos cartos e o espazo portuario, en absurdos proxectos de luminosas fontes cibernéticas, ou en converter as naves da froita en comercios de souvenirs.

 

A obra do recheo do Areal é ilegal por non existir Plano de Usos, por non terse feito o estudo de impacto ambiental e porque provocaría un grave atentado ecolóxico. Por iso se dictou o auto de paralización.

 

Lembremos que foi a propia Corina Porro, cando era alcaldesa, quen concedeu as licencias para construír na Finca do Conde uns edificios que hoxe teñen sentencia de derrubo, o que implica o pago de indemnizacións millonarias con cartos públicos.

 

As administracións públicas deberían ser as primeiras en cumprir a lei, e non as primeiras en quebrantala, como pasa no porto de Vigo.

 

A Ría Non Se Vende

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.