Nova ameaza de reinicio das obras do porto deportivo en Cangas.

JOSE MANUEL OTERO, PRESIDENTE DE PUENTES Y CALZADAS, A CARA DA ESPECULACIÓNJOSE MANUEL OTERO, PRESIDENTE DE PUENTES Y CALZADAS, A CARA DA ESPECULACIÓN
Constitución española, artigo 47:
Tódolos españois teñen dereito a disfrutar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para faceren efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para que se impida a especulación.
Especulación:
Comprar barato, recualificar mediante influencias políticas, vender caro.
Que está a facer José Manuel Otero en Cangas?
Mercou unha importante participación nas empresas que se fixeron cos terreos da antiga conserveira Massó Hermanos SA, considerada como a conserveira máis grande de Europa, estes terreos están cualificados actualmente como industriais, pero unha operación especulativa xa tentara recualificalos en residenciais de luxo a traveso dun convenio asinado co anterior alcalde de Cangas, Enrique Sotelo, do PP. Esta recualificación foi abortada pola mobilización popular xunto co Plan Xeral que promovía Sotelo e a súa camarilla de promotores afíns.Pero o caramelo é demasiado goloso e nun segundo ataque, se tentou forzar a recualificación mediante o inicio das obras dun porto deportivo que incluía o convenio e que fora tramitado irregularmente pola Autoridade Portuaria de Vigo. Estas obras foron impedidas polo inicio de múltiples causas xudiciais e a acción pacifica pero decidida de mariñeiros e veciños de Cangas.
Este conflito pasou factura a Enrique Sotelo e o goberno se trasladou a mans dun tripartito que no seu acordo de goberno se opón ao porto deportivo e traslada a decisión sobre os terreos en terra ao Plan Xeral que esta nas súas fases de inicio.Este é o momento no que aparece Jose Manuel Otero, ameazando directamente co reinicio de obras do porto deportivo e manobrando cos distintos grupos do goberno para tentar obter a pretendida recualificación. Nunha primeira fase, presenta como concesión ambiental a redución da lámina de mar ocupada, pero curiosamente mantendo os mesmos postos de amarre, se supón que a traveso de dragados en rocha, e sen presentar proxecto nin autorización algunha para esta modificación. E realizando un ataque mediático a traveso de follas a toda plana nos diarios provinciais.
Actualmente mantén a data do 24 de marzo ou algún dos días seguintes coa ameaza de inicio de obras e de intervención policial no caso de que alguén se opoña. E declara abertamente que non pode agardar seis anos para iniciar as obras en terra, que é o que lle levaría no hipotético caso que o Plan Xeral decidira a recualificación. Prepotencia en toda regra.Influencias políticas sabemos que manexa. Conseguirá burlar as múltiples causas xudiciais, a lei dos 500 metros, a oposición cidadán, a da Confraría que ve en perigo unha importante zona de cría e caladoiro e olla o absoluto desprezo das administracións a súas autorizacións? É posible que os cartos da especulación podan tapar tantas bocas e mover tantos fíos?
Aquí nos ocuparemos de mostralo nos seus máis pequenos detalles.

3 Comments

  1. Esta mañán e onte houbo concentración dende as 07:30 no Salgueirón en resposta á ameaza de renicio de obras do porto deportivo por parte da empresa Puentes y Calzadas.
    Non apareceu maquinaria nin obreiros da citada empresa.
    Onte pola mañán presentouse tamén no Xulgado de Instrucción de Garda de Cangas a denuncia que axuntamos. Moi recomendable leela para o/a que este interesado/a en saber realmente cómo se foi cocendo este exemplo paradigmático de especulación e cales foron os seus actores. Previmos aos que teñen en este momento responsabilidades no tema para que non se sumen á lista.
    O que queira algún dos anexos que o pida a forosocialpoladefensadopobo@yahoo.es , son datos públicos ao alcance de calquera.
    Queremos sair xa rebatindo as afirmacións do Faro de Vigo de onte nas que se afirmaba que hai negociacións abertas entre Puentes y Calzadas e o Foro. Non existe ningún tipo de tal negociación.
    No referente a que a empresa ten un auto do Xulgado de Cangas que obriga a Garda Civil a protexer as obras, informamos que o Foro, no seu momento, recurríu ese auto en virtude do establecido no artigo 3 da Lei de Enxuizamento Criminal, polo que o xuiz esta obrigado a resolver todos os aspectos intimamente ligados co conflito antes de ordear calquer tipo de represión. Entre estes aspectos estan a venda dun ben de dominio público e a demostrada ilegalidade da concesión outorgada pola Autoridade Portuaria de Vigo.
    Vos manteremos informados
    http://www.cangasnonsevende.org/querella.html

    Cangas, 25 de marzo 2008

  2. Paréceme aterrador que con toda a documentación que existe sobre o ILEGAL de todo este asunto, non exista nen unha soa persona con cargo público nen partido político no Concello de Cangas que poña as cousas no sitio dunha vez. Non entendo que na alternativa proposta por ACE para o salgueirón se incluan centos de vivendas, tramposo punto de partida.
    Claro está que o beneficio para os usurpadores de Massó está nas vivendas e nas construccións en terra máis que no porto deportivo, valiente alternativa eliminar o porto deportivo a cambio de empezar a negociar con centos de vivendas e posibles modificacións das normas urbanísticas.

    En Cangas ninguén fala claro dende hai moito tempo. En Cangas cheira a podre, a financiar partidos, a negociacións nas trastendas, a utilizar aos colectivos sociais para vender conflictividade e negociar mellor cos señores do ladrillo.
    Agardamos impacientes o Plan Xeral.

    POLÍTICOS, PÓÑANSE Á ALTURA DO POBO! XA!

  3. Nova concentración dende as 07:30 no Salgueirón.

    Seguen sen aparecer máquinas ou obreiros de Puentes y Calzadas.

    Onte houbo reunión do Foro coa alcaldesa e os portavoces do grupo de goberno, acordouse solicitar da Autoridade Portuaria de Vigo a denegación da prórroga á data máxima de finalización das obras do porto deportivo, que lembremos, e así o confirmaba o escrito resposta da Autoridad Portuaria ás preguntas formuladas polo concellal de urbanismo, era o 29 de marzo. É evidente que as obras no estarán finalizadas o sábado; e que, en todo o período dun ano da prórroga que obtiveran o ano pasado, tiveron a obra paralizada sen aparente motivación, os camións deixaran de chegar xa en Febreiro e non é posible adxudicar esa paralización a ningún tipo de presión veciñal, como poderán corroborar os informes da Garda Civil de Cangas.

    Vos axuntamos o texto do escrito presentado hoxe na Autoridade Portuaria.

    Hoxe se celebra, de xeito extraordinario en Cangas,as 20:45 na Estación Marítima, a xuntanza semanal de A RÍA NON SE VENDE, vos invitamos a participar.

    Vos manteremos informados.

    Cangas 26 de marzo 2008

    MARIANO ABALO COSTA

    Concelleiro de Urbanismo

    Concello de Cangas

    Avda. Castelao, 2

    36940 – CANGAS

    AO PRESIDENTE E AO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN

    DA AUTORIDADE PORTUARIA DE VIGO

    En nome e representación do equipo de goberno do Concello de Cangas e estando facultado para dirixirme a Vds, COMPAREZO e EXPOÑO:

    En resposta ao seu escrito de data 28/02/08, de Ref.: 621, con Rexistro de SAÍDA Nº 2757 (07/03/08), o cal é resposta á solicitude por min formulada o pasado 25 de xaneiro do presente ano, veño a MANIFESTAR o seguinte:

    No citado escrito non se responde á maioría das cuestións formuladas, así, á PRIMEIRA, referente a unha posible prórroga para a execución das obras dun porto deportivo no Salgueirón, respóndese, unicamente, que o prazo para a finalización das obras finaliza o día 29 do presente mes.

    Obviase responder a cales foron as condicións de prórroga en cuestión.

    No referente ás circunstancias do Plan de Utilización dos Espazos Portuarios da Zona de Servizo do Porto de Vigo, en Cangas, dise que se está estudando a tramitación dun novo prazo de exposición pública do mesmo, sen concretar ningún dos aspectos fundamentais da redacción e tramitación do citado documento.

    Obviase un feito fundamental cal é o que a Autoridade Portuaria solicitará informe das Administracións Urbanísticas …

    Tendo en conta que, tal e como se menciona no seu escrito, apúntase a previsión dunha nova planificación, este Concello deberá emitir o preceptivo informe respecto diso.

    No referente aos usos dos terreos en cuestión elúdese responder ás cuestións expostas recorrendo a dicir que os posibles usos da zona quedarán definidos unha vez aprobado o Plan de Utilización dos Espazos Portuarios.

    Non se responde a por qué, cómo e cando se cambiou o uso dos terreos, circunstancia que se produciu no ano 2005, sen que conste que se executasen os preceptivos trámites administrativos conformes ás estipulacións da Lei 48/2003, a cal, entre outras cuestións de importancia establece que as concesións só poderán outorgarse para obras, instalacións ou usos que se axusten ás determinacións establecidas no plan especial de ordenación da zona de servizo do porto ou, na súa falta, ao plan de utilización dos espazos portuarios, …

    É un feito incuestionable que o Porto de Vigo, a día de hoxe, carece dos documentos fundamentais antes citados.

    No referente á acreditación da transmisión da totalidade das participacións dos ex-traballadores de “Massó Irmáns, S.A.” tampouco se responde fehacientemente.

    No referente á transmisión, ou cambio de titularidade se responde que non houbo unha transmisión, que o que se produciu foi un cambio de titularidade, coma se ambas as cousas non fosen o mesmo, esquecendo que o Consello de Administración da APV, na súa sesión ordinaria de data 23 de febreiro de 2001, acordou visto o informe do Director de data 23 do mesmo mes…, como consecuencia do citado informe adoptou a resolución de: “Autorizar a transmisión a favor de CONSERVAS Y FRIGORÍFICOS DEL MORRAZO, S.A. da titularidade das participacións das que son titulares …”.

    No referente á dispoñibilidade dos terreos en cuestión exposta no punto sexto tampouco se responde fehacientemente.

    No referente aos deslindes das distintas concesións, tampouco se responde fehacientemente.

    No referente á dispoñibilidade da totalidade dos terreos de dominio público portuario para a construción do porto deportivo, tampouco se responde fehacientemente.

    Faise referencia a que as concesións poden ser rexistradas, o cal non se cuestiona. O que si se cuestiona é que unha das concesións, concretamente a leira que figura co Nº 3.402 no Libro de Rexistro da Propiedade de Cangas, aparece rexistrada a favor da entidade mercantil “RESIDENCIAL MARINA ATLÁNTICA, SOCIEDADE ANÓNIMA”, en pleno dominio, por título de compra, o cal é total e absolutamente ILEGAL.

    Polo exposto, sendo manifesta a conculcación da legalidade vixente, sendo manifesto que os anteriores responsables da APV propiciaron e participaron en actuacións de prevaricación continuada e permanente, e sabedor de que é intención dos actuais responsables da APV outorgar unha nova prórroga para a finalización das obras a realizar ao amparo da concesión outorgada a “Residencial Marína Atlántica, S.A.” coa denominación de “Construción e explotación dun porto deportivo no Salgueirón”, e a levar a cabo pola empresa Puentes y Calzadas; comínolles a absterse de outorgar calquera tipo de prórroga respecto diso así como a revisar, de oficio, todo o concernente ás concesións que aquí nos ocupan, co apercibimento de que se non asumen o aquí solicitado remitirase toda a documentación obrante respecto diso á Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra solicitando a iniciación dun interdito de paralización de obra.

    Achéganse copias das últimas denuncias presentadas nos xulgados, referentes á irregular e ilegal tramitación de todo o concernente ás concesións que aquí nos ocupan.

    En Vigo, a 26 de marzo de 2008

    Fmdo.: Mariano Abalo Costa

    Concelleiro de Urbanismo de Cangas

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.