Pages Navigation Menu

Nova ilegalidade en Massó

Despois de máis de nove anos de conflicto, e tras a sentenza do Supremo declarando a ilegalidade da concesión para porto deportivo en Massó, que estaba asociada cun proxecto especulativo en terra, e coa disolución polo xuiz da empresa Residencial Marina Atlántica S.A., parecía que as augas voltaban ao seu canle.

De feito, a Autoridade Portuaria de Vigo anunciaba a desafectación da zona e a intención de traspasar os terreos que alí administraba ao Concello de Cangas e ao servizo de Costas, licitando e aprobando un proxecto de acondicionamento ambiental, preceptivo para realizar a desafectación.

As obras foron adxudicadas por máis de 400.000 euros e comezaron en setembro, pero xa a mediados de outubro aparecen as primeiras sorpresas:

O que debera ser a simple retirada de entullos da praia coñecida como da cheminea convertíuse nun caso máis de aterramento ilegal da ribeira do mar.

Onte, día 29, foi presentada polo Foro Social de Cangas, co apoio da rede de colectivos A Ría Non Se Vende, ante o Concello de Cangas, unha solicitude de incoación de expediente de reposición da legalidade urbanística sobre a obra que afecta á praia.

2014_10_21_999_3i
Esta obra non ten soporte legal, pois nunca se otorgou nesa praia concesión algunha, altera a liña da ribeira do mar do deslinde de Costas vixente e é competencia da autoridade urbanística local requirir á Autoridade Portuaria de Vigo para que respete a legalidade no noso municipio.
As obras vulneran de xeito claro a actual lexislación de portos posto que o porto de Vigo carece de Plan de Empresa ou Plan Director de Infraestruturas e se está a producir unha usurpación de terreos sen ter título para iso.
Segúndo a vixente Lei do Solo é a autoridade urbanistica local quen debe velar polo cumprimento da legalidade urbanística e o colectivo que presenta o escrito advirte que se denunciará por prevaricación aos seus responsables se non actúan conforme á lei.
Aparte da cuestión puramente legal, este muro construído sobre a praia impide o acúmulo de area cos temporais na súa parte alta, alterando a dinámica da praia e poidendo provocar a súa desaparición.
Estiveronse nove anos escoitando da Autoridade Portuaria e do Concello de Cangas que o porto deportivo do Salgueirón era totalmente legal para que unha sentenza do Supremo acabara dicindo que non o era. Dedicouselle tempo e esforzo, recibironse sancións, detencións e paus por defender a legalidade e o noso litoral e ninguén nunca chegou a pedir nen sequera desculpas polos danos sufridos. Da igual quen diga agora que todo está ben, o texto da lei é claro e é intención dos coletivos asinantes non parar ata que se respecte a legalidade, se retire o recheo efectuado sobre a praia e se depuren as responsabilidades pola súa execución e consentimento.
Ría de Vigo a 31 de outubro de 2014
REDE DE COLECTIVOS A RÍA NON SE VENDE

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.