Novos folgos para o sector da construción
A chegada ao poder do Partido Popular creou novas expectativas entre os empresarios da construción e alcaldes dos concellos galegos. Foron estes os primeiros en manifestarse a favor da supresión da moratoria que impide construír nos primeiros 500 metros da liña de costa. Consideran que esta prohibición repercute negativamente nas arcas municipais. As razóns esgrimidas polos insignes rexedores xiraban en torno á redución dos ingresos procedentes do urbanismo. Algúns deles apuntaban á necesidade de recortar gastos sociais e subir impostos para evitar a crise económica que afecta aos seus concellos. Porén os datos ofrecidos polos alcaldes partidarios de relanzar a construción no litoral galego chocan cos informes do Consello de Contas. Este organismo autonómico minimiza a importancia dos ingresos obtidos polas licenzas urbanísticas municipais pois só representan unha porcentaxe moi pequena con relacións aos orzamentos que os concellos manexan. A iso hai que engadir numerosas anomalías que se cometen, como por exemplo non cobrar a totalidade das taxas ou non sancionar economicamente as infraccións cometidas polos promotores. E sen esquecer que en moitas ocasións os gastos derivados do mantemento e saneamento das novas urbanizacións superan aos ingresos obtidos.
Agora son os promotores os que reclaman unha nova política máis permisiva para poder construír no litoral galego. O presidente dos empresarios galegos censura a pretensión de manter a lei dos 500 metros e pide a revisión das Normas do Hábitat. De igual xeito se manifesta o presidente da Federación de Promotores de Edificación e Solo de Galicia (Feproga), quen defende que a construción de vivenda residencial e turística pode converterse nun motor de crecemento económico en Galiza, onde “non hai problemas de stock de vivendas”. A demagoxia de semellante razoamento contrasta coa realidade máis sangrante da precaria situación económica que atravesa o noso país, e da cal hai que culpar ao excesivo urbanismo que espallou polo territorio milleiros de vivendas baleiras e destrozou a paisaxe das nosas vilas e cidades.
A coincidencia das manifestacións de alcaldes e empresarios denota o interese en influír no novo goberno para desenvolver unha política de barra libre na construción. Querendo ignorar que a saturación do mercado inmobiliario orixinou unha das maiores crises económicas que situa ao estado español á cabeza do paro na comunidade europea, os empresarios da construción amosan o afán desmesurado que teñen polos beneficios empresariais á vez que a nula preocupación polos problemas sociais. Algo que paradoxalmente comparten con aqueles alcaldes máis sensibles ás demandas da Feproga que ás dos cidadáns que os votaron.
As declaracións da conselleira da CPTOPT en funcións, nas que solicita o novo goberno a prórroga parcial da suspensión de novos desenvolvementos urbanísticos na costa, non son coherentes coa salvagarda do litoral que noutrora Caride dixo asumir, pois rebaixa a un 80 % a superficie inicialmente protexida.
A moratoria da lei que impide construír no litoral debe aplicarse á totalidade da franxa costeira e debe manterse en tanto non se aprobe definitivamente unha lei de ordenación que preserve as nosas costas da urbanización masiva e asegure a integridade dun hábitat envexábel polo seu valor paisaxístico, patrimonial e económico. Pero non só o litoral está ameazado pola invasión do cemento. O superavit de vivendas (300.000 vivendas baleiras en Galiza) fai necesario plantexar unha nova política máis sustentábel. Apostar pola construcción de vivendas sociais, tal e como pretende o goberno para resarcir aos promotores, significa volver a cometer os mesmos erros do pasado. Son as vivendas xa construídas e non absorbidas polo mercado as que deben transformarse en vivendas de protección oficial ou ben adicalas á creación dun parque de vivendas en réxime de aluguer social e accesible.
Comentarios recentes