O bipartito incumpriu compromisos importantes a favor da sustentabilidade do seu propio programa

O “Acordo sobre bases programáticas para a acción de goberno” asinado no comezo desta lexislatura polo PSdG-PSOE e o BNG non facía da sustentabilidade un eixo principal da acción de goberno, polo que axiña se puido comprobar que non estaban fundamentadas as expectativas de que a mudanza de goberno fose supor unha ruptura coas políticas produtivistas da Xunta do PP. Non só a sustentabilidade non foi unha política central e transversal nesta lexislatura senón que algúns compromisos importantes do “Programa Contrato” do bipartito  ambientalmente beneficiosos foron incumpridos. A xuízo da asociación ecoloxista Verdegaia, malia algúns avanzos, esta foi outra lexislatura perdida para a sustentabilidade na que se agravou a destrución ambiental.

Foi sintomático que a sustentabilidade estivese practicamente ausente do apartado “Emprego e desenvolvemento económico” do acordo programático para a formación do bipartito. A conversión ecolóxica da economía para decrecer o consumo de enerxía e de materiais volveu estar fóra das preocupacións da Xunta e así non sorprende que un dos compromisos máis destacados do capítulo “Territorio e sustentabilidade”, a aprobación dun “Plan galego de desenvolvemento sostible”, fose totalmente incumprido. A aposta pola sustentabilidade consistiu en pouco máis que en engadir “Desenvolvemento sostible” ao nome oficial da Consellería de Medio Ambiente.

Políticas destrutoras do territorio

Aínda que a redución da pegada ecolóxica global de Galicia non figuraba entre os obxectivos fundamentais do bipartito, si se incluía entre éstes o de “poñer en valor o territorio, mediante políticas de sustentabilidade ambiental, de calidade urbanística e de habitabilidade”. O fracaso na consecución deste obxectivo é manifesto. Os planos sectoriais de piscifactorías e de portos deportivos, os concursos eólicos, a política mineira, o aumento do superávit de infraestruturas de transporte por estrada de alta capacidade, a execución de concentracións parcelarias impactantes, ou o apoio firme a REGANOSA na ría de Ferrol, son exemplos destacados de actuacións políticas destrutoras do territorio. Medidas positivas como a aprobación da Lei da Paisaxe, a moratoria urbanística no litoral ou a paralización dalgunhas minicentrais hidroeléctricas non impiden que a incidencia global das políticas do bipartito sobre o noso territorio teña sido moi negativo.

Compromisos incumpridos

Alén diso,o Goberno apoiado por PSdG-PSOE e BNG incumpriu totalmente ou en parte algúns compromisos salientables ambientalmente beneficiosos que figuraban no programa que se comproteu a levar á práctica durante esta lexislatura:

-Traslado de ENCE: non se rexistrou ningún avanzo palpable.

-Medio rural: o Programa de Desenvolvemento Rural non aposta o suficiente por un modelo agrario sustentable. Elaborouse un Plan para o Desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica que supón un importante impulso á produción ecolóxica certificada. A defensa do valor das terras agrarias, con medidas como a prohibición da forestación ou o Banco de Terras, é positivo para as sustentabilidade. A Xunta e o Parlamento non declararon inequivocamente a Galicia como Zona Libre de Transxénicos. A Lei de Montes non concluiu a tramitación e non foi consensuada coas organizacións ecoloxistas. Após a catástrofe incendiaria do verán de 2006, houbo melloras na política de incendios, particularmente en prevención, mais pouco se avanzou en materia de xestión forestal sustentable, por exemplo, no combate á eucaliptización.

-Planificación territorial: non se tentou acadar o “Pacto polo Territorio” para “planificar e ordenar os usos con criterios de sostibilidade”. Tampouco se aprobaron as Directrices de Ordenación do Territorio, aínda que si se presentou un borrador que contén algunhas propostas insustentables e que non foi obxecto dun procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

-Plan de usos do litoral: a súa elaboración está a sufrir un grande atraso.

-Rexeneración, preservación e saneamento integral das rías: o obxectivo de atinxir o saneamento integral das rías adiouse para a próxima lexislatura.

-Plan de transporte público de proximidade nas áreas metropolitanas de A Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo: non se avanzou nada en materia de transporte ferroviario.

-Novo Plan de Residuos: a proposta para o período 2007-2017, sen aprobar, non rompe totalmente co modelo SOGAMA, mantendo a actividade da incineradora de Cerceda (en 2017, queimaría o 30% dos residuos urbanos).

-Plan para o Aforro e a Eficiencia Enerxética: de impacto moi limitado, incorporouse no Plan Enerxético de Galicia 2007-2012, que prevé un aumento da demanda enerxética do 12,7% entre 2006 e 2012.

-Plan de Loita contra o Cambio Climático: aínda sen aprobar, non supón unha diminución das emisións de gases de invernadoiro. Co Plan, en 2012  as emisións de gases de efecto invernadoiro serán un 37% superiores ás de 1990, cando en 2006 tiñan medrado o 20,6 %.

Apoio á manifestación de Galiza non se vende

O balanzo desta lexislatura e das anteriores pon claramente en evidencia o escaso ou nulo compromiso coa defensa ambiental e a sustentabilidade da xeralidade dos políticos galegos e a necesidade de que a cidadanía se mobilice por un modelo económico sustentable e xusto que mellore as nosas vidas sen destruír o medio ambiente galego e global. É por iso que Verdegaia participará na manifestación convocada para o próximo 15 de febreiro baixo o lema “Goberne quen goberne, Galiza non se vende” pola rede Galiza non se vende, da que forma parte desde a súa creación.

Deixe un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *