O capital, a Xunta e os mass media
Ao goberno sóbranlle razóns para subvencionar aos medios de comunicación con cantidades millonarias
O papel que os medios de (des)información desempeñan no control da sociedade é unha realidade incuestionábel dende hai moitos anos. Os exemplos son cada vez máis evidentes no noso país. Os muros de silencio que medios como La Voz de Galicia levantaron ante o problema da planta de gas ubicada na ría de Ferrol tiña por obxecto privar á sociedade civil dunha información que, de coñecerse, podería dar ao traste coa pretensión de instalar dita planta. O goberno de Fraga soubo manexar as influencias que tiña sobre un grupo mediático tan importante como o que representaba o Grupo Voz. Pero se se pensa que esta perversión democrática que consiste en substraer información para eludir a participación cidadá en asuntos que atinxen directamente aos mesmos cidadáns é monopolio da dereita, está moi errado. O poder hoxe en día é exercido polas grandes sociedades económicas a través dos partidos políticos que ocupan o goberno. Uns exercen o poder, outros o goberno.
Os movementos sociais que, como a rede Galiza Non Se Vende, se organizan para facer fronte aos abusos do poder, teñen unha dificultade extrema para facerse oir na sociedade galega. O boicoteo dos medios de comunicación, agás casos puntuais na Rede, é ofensivo para os xustos dereitos da sociedade que clama por unha transparencia e un goberno que teña en conta os intereses sociais por riba dos intereses do mundo empresarial. Estes muros de silencio que os medios erguen ante a cidadanía son recompensados polo goberno en forma de prebendas, distincións e diñeiro. No actual ano 2007 a Xunta de Galiza adicou a desorbitada cifra de 6,6 millóns de euros (máis de 1100 millóns de pesetas) a subvencionar a distintos medios de comunicación. E estas axudas foron repartidas sen criterios razonabeis; o libre albedrío de cada consellaría parece ser a única razón válida. De entre todos os medios que gozaron de trato de favor, merece subliñarse o caso do Grupo Voz. Este grupo ao que pertence o xornal La Voz de galicia conseguíu facerse coa estimábel cantidade de 1.714.520 euros (uns 285 millóns de pesetas). Algunhas destas axudas foron xustificadas con argumentos tan inconsistentes como “potenciar o uso do idioma galego no xornal La Voz de Galicia” ou para “publicación e posterior distribución dunha revista impresa en papel e en formato electrónico dedicada á Moda Galega”.
Non son só económicos os favores cos que se agradece o labor prestado. Recentemente o presidente da Xunta, o socialista Touriño, viña de salientar a traxectoria do Grupo Voz e do seu xornal de cabeceira, La Voz de Galicia, que en 2007 cumpriu 125 anos de vida. Así, o presidente da Xunta subliñou a vocación de “factor de cohesión social e de identidade colectiva” deste medio de comunicación, sempre “comprometido con Galicia”. Este recoñecemento produciase na homenaxe que a Condesa de Fenosa recibíu durente oa entrega dos premios Fernández Latorre. E días antes a Deputación d´A Coruña outorgaba a distinción de fillo predilecto ao presidente do Grupo Voz. Unha distinción aprobada na comisión de honras e distincións, por unanimidade de todos os grupos políticos da cámara provincial -PSdeG, PP e BNG- á proposta do presidente da Deputación d´A Coruña, Salvador Fernández Moreda.
Comentarios recentes