Pages Navigation Menu

O Colectivo Nacionalista de Marín rexeita o Plan Vigo Integra

O Colectivo Nacionalista de Marín, integrado na rede GNSV, rexeita o Plan Vigo Integra por destrutivo, insostíbel, e pola súa xestión oscurantista.

O Plan Vigo Integra debería estar exposto no concello de Marín xa que nos vai afectar directamente ao estar prevista a ampliación e modificación da estrada que vai desde a vía rápida do Morrazo até a entrada na circunvalación de Marín, na Pardavila.

Este plan afecta aos concellos do Morrazo, Val Miñor, O Rosal, Condado-Paradanta e Vigo, e ten previstas unha serie de autovías, circunvalacións e ampliacións de estradas. Estas obras están sempre en función e orientadas a dar servizo a Vigo criando unha dependencia viaria e económica con respecto a esta cidade. De feito no texto do Plan Vigo Integra considera a Marín dentro da súa área de influencia.

Está ideado para dar servizo a un crecemento urbanístico e industrial totalmente desfasado, onde cada concello está a propor a duplicación da súa edificabilidade actual, que non se corresponde co crecemento real demográfico nin económico.

Queremos denunciar que esta actuación da Xunta de Galiza vai provocar unha nova catástrofe ecolóxica ao promover a construción de gran número de novas vías, impactando no entorno e fomentando o uso do automóbil como medio de transporte.

Estase facendo un deseño en función dos intereses económicos da gran cidade de Vigo, pero sen ter en conta as necesidades de mellora dos viais e estradas dos concellos afectados. Marín non vai ver melloradas as súas comunicación internas nin se van mellorar co resto do Morrazo.

Ademais, estase dando de feito unha situación de indefensión para o pobo de Marín xa que a exposición pública que se tiña que facer no concello non se fixo en tempo e forma. Parece ser que polas protestas de algún veciño vai comezar agora. Isto provoca unha indefensión e representa unha atitude impresentábel dos nosos gobernantes municipais, e da oposición por non estar atenta.

Demandamos a retirada do Plan Vigo Integra, e demandamos que se abra un novo prazo de exposición pública para solventar este oscurantismo intencionado, e que veñan a explicarlle ao pobo de Marín en que vai consistir esta obra. Que nos aclaren, e sobre todo aos posíbeis afectados, que vai pasar coas vivendas afectadas.

Que nos expliquen se esta obra non ven a culminar o deseño da variante de Marín e as súas conexións cos previstos parques industriais. Curiosamente as catro saídas da variante van dar ao Pituco, Vista Alegre, A Brea e Ardán. A quen van servir estes parques industriais, a Marín ou están deseñados para dar servizo a Vigo?

Por último, solicitamos que os caros previstos para este plan sexan investidos en vertebrar, mellorar e humanizar en condicións as estradas existentes. Que se mellore e fomente o transporte colectivo, por estrada, ferrocarril, bicicleta, etc. Así como na consecución de infraestruturas e servizos máis necesarios como centros educativos, sociais, de día, de saúde, hospitais, etc.

O Colectivo Nacionalista vai alegar a este plan solicitando a súa retirada, e animamos aos veciños e veciñas de Marín a facer o mesmo, xa que nos vai afectar de xeito negativo e a tramitación se fixo ás costas do pobo criando unha situación de indefensión ante este megaproxecto.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.