Pages Navigation Menu

O debate non debe ficar reducido á localización de ENCE en Lourizán

Verdegaia fai público o seu posicionamento sobre a situación de Ence en Pontevedra no documento “A polémica da instalación de ENCE: Un enfoque reducionista dunha problemática transversal”. Verdegaia, que participará na marcha contra ENCE do vindeiro Sábado 13, entende que o necesario desmantelamento da factoría de Lourizán debe ser aproveitado para promover unha transformación radical do noso modelo de produción e consumo de papel.

A instalación da planta de produción de pasta de papel do grupo ENCE nun recheo da ría de Pontevedra en 1963, en Lourizán, é un exemplo paradigmático dunha má industria nunha má localización, despropósito que a ría e as poboacións circundantes sufriron cun nivel de contaminación dunha gravidade tal que supuxo a condena no ano 2002 de seis directivos da empresa. ENCE-ELNOSA conta, contodo, coa Autorización Ambiental Integrada concedida pola Xunta de Galicia en 2008 -válida até 2011- e cunha concesión administrativa para permanecer na súa actual ubicación até 2018.

A planta de ENCE en Lourizán debe ser desmantelada canto antes e isto debe ser aproveitado como a oportunidade histórica que é para trasformar o noso modelo de produción e consumo de papel con criterios de sustentabilidade ecolóxica e xustiza social.

Muito máis que unha escolla de nova localización

O problema da actividade de ENCE non se soluciona cunha nova ubicación, cumpre tamén un novo modo de producir e consumir. Verdegaia, que asume o documento “Unha visión común para transformar a industria europea do papel “, elaborado polo Movimento Forestal Europeu, propón:

  1. Reducir o consumo de papel
  2. Reducir a dependencia da fibra virxe de árbores
  3. Potenciar o reciclado
  4. Abastecerse de fibra responsábel e sustentábel
  5. Garantir a produción limpa
  6. Garantir a responsabilidade social

O 10% da poboación mundial é responsábel da metade do consumo mundial de papel, un hábito con graves impactos ambientais e sociais, locais e globais. A celulosa producida en Galiza para o mercado europeu é elaborada a partir de madeira de eucalipto e está directamente relacionada coa “eucaliptización” masiva da Galiza litoral, e non só, xa que esta empresa importa madeira producida noutros lugares do mundo sen garantías socioambientais. Por outra banda, o consumo de papel reciclado é cativo, a recolla selectiva de papel nos Concellos adheridos a SOGAMA é mui baixa e en Galiza non existe industria de reciclado de papel.

Para Verdegaia, unha celulosa igual de contaminante que ENCE é inaceitábel en calquer emprazamento e continuar co mesmo modelo de produción e consumo de papel é inasumíbel.

Descarrega o documento “A polémica da instalación de ENCE: Un enfoque reducionista dunha problemática transversal”:

pdf posicion_verdegaia_ence_consumo_producion_papel 168.11 Kb

3 Comments

  1. A ASOCIACIÓN POLA DEFENSA DA RÍA RESPOSTA AO COMITÉ DE EMPRESA DE ENCE DIANTE DA DENUNCIA DE ACOSO POR PARTE DA APDR
    O comité de empresa de ENCE ven de facer pública unha suposta denuncia de acoso
    por parte da Asociación Pola Defensa da Ría diante da Consellería de Educación. A
    sorprendente denuncia basearíase no hipotético feito de que a Asociación tería levado
    ás aulas, en diversos niveis educativos, material en forma de textos ou vídeos nos que
    se detallaría a actividade da empresa diante dos alumnos. Como acostuma ser
    habitual, o comité de empresa de ENCE falta á verdade ao denunciar accións que
    nunca se teñen producido. A APDR nunca realizou proxeccións ou charlas nas que se
    falara de ENCE en ningún centro educativo da comarca.
    Pero, que non o teña feito, non implica que non sexa non so lexítimo, tamén educativo
    e formativo facer ver, nun entorno de educación ambiental, o papel que a factoría de
    ENCE ten xogado na Ría de Pontevedra xa que constitúe un paradigma dos prexuízos
    ambientais, sociais e económicos que unha industria das características da referida
    pode chegar a provocar. A fábrica de ENCE é xa un exemplo que aparece referido
    frecuentemente no material didáctico de diversa procedencia que manexan tanto o
    profesorado como o alumnado; un exemplo de destrución paisaxística, de
    contaminación atmosférica e danos á saúde, de destrución do ecosistema acuático e
    dos recursos naturais; non cabe dúbida que neste sentido a referencia ao complexo de
    Lourizán é obrigada cando se abordan contidos relacionados coa destrución da
    natureza.
    A Asociación Pola Defensa da Ría está efectivamente a realizar na actualidade unha
    unidade didáctica sobre o sistema natural e socioeconómico que constitúe a Ría de
    Pontevedra pero que, estando aínda sen concluír, dificilmente podería ter sido
    utilizada nas aulas. Esta unidade didáctica debe, ao estar subvencionada pola
    Consellería de Medio Ambiente, obrigatoriamente ser trasladada ao sistema educativo
    para que sexa utilizada como material didáctico a incluír nos currículos de materias
    como Coñecemento do Medio, Ciencias Naturais, Educación para a Cidadanía, Filosofía,
    Economía ou Ciencias da Terra e do Medio Ambiente. Nesta unidade descríbense os
    condicionantes xeomorfolóxicos que definen unha ría e as características climáticas e
    oceanográficas que determinan a súa riqueza biolóxica, descríbense as diferentes
    zonas e comunidades biolóxicas presentes en cada unha delas, abórdase a riqueza de
    recursos posible si o medio se xestionara de xeito sostible e, loxicamente, se describen
    os principais problemas ambientais que impiden o aproveitamento sostible desa
    riqueza, é evidente que o principal deses problemas é a presenza do complexo
    industrial de Lourizán. Non é so a APDR, a propia ENCE admitiu que tiña danado
    gravemente o ecosistema mariño e emitido gases que son perigosos para a saúde
    humana e para as propiedades das persoas cando aceptou unha condena por delito
    ecolóxico continuado. Os datos da carga de contaminación nos vertidos á ría son
    elaborados pola propia empresa en base á autorización concedida pola administración
    que lle permite introducir nas augas hasta 43.000 metros cúbicos diarios de vertido
    que levan unha importante carga de sólidos en suspensión, con elevados valores de
    parámetros como a demanda biolóxica de osíxeno, a demanda química de osíxeno ou
    as concentracións de fósforo e nitróxeno; o volume e características do vertido o
    converte indubidablemente no máis importante e destrutivo dos que chegan á ría. É o
    Rexistro Español de Emisións Contaminantes o que revela, de acordo cos últimos datos
    feitos públicos, os de 2007, que a factoría de ENCE emitiu ese ano 97.000 toneladas de
    dióxido de carbono, o máis importante gas de invernadoiro; 370 toneladas de dióxido
    de xofre, gas perigoso para a saúde e causante de chuvia ácida; 211 toneladas de partículas e 5 de ácido sulfhídrico, tamén perigosos para a saúde e o medio ambiente.
    Tería sentido facer educación ambiental na Ría de Pontevedra sen destacar o
    importante papel de ENCE na súa degradación?
    O Comité de Empresa de ENCE parece pretender ocultar o dano e matar ao
    mensaxeiro para evitar que os cidadáns sexan conscientes dos graves danos que a
    empresa está a producir, danos que so terminarán cando a fábrica de pasta salga da
    ría. Xa que a mobilización é o camiño principal para acadar esta saída, dende a APDR
    chamamos aos cidadáns da bisbarra de Pontevedra a mobilizarse o sábado 13 e
    participar na nova MARCHA CONTRA CELULOSAS de este ano, de cara a conseguir a
    recuperación do noso entorno natural e produtivo.
    Pontevedra, 9 de xuño de 2009

  2. Sera que teñen medo e xa non saben con que atacar para intentar demostrar que esa fabrica non é o que vos dicides.
    Eu non vexo mal que os rapaces nas aulas lles desen charlas sobre ecoloxía e medioabiente, témonos que percatar que estamos destruíndo o planeta e así vamos mal.
    Sorte na Manifa do dia 13 de Xuño

  3. Estou de acordo en que non só hai que mirar para os problemas de contaminación local da celulosa senón tamén para os demais impactos locais e globais do actual modelo de produción e consumo de papel.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.